DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vinceiro 24 deste mes na EE Industrial entre as 09.50 horas e as 14.30 horas

O Seminario de Loxística volverá traer ao campus as novas tendencias neste sector

O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de maio e xa hai 120 persoas matriculadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/05/2023

Este mes regresa ao campus a cita anual co sector da loxística. Será o vindeiro 24 de maio na Escola de Enxeñaría Industrial nunha xornada na que participarán empresas como Adolfo Domínguez, SonaeArauco ou a asociación AECOC.

Esta será a vixésimo novena edición do Seminario de Loxística que organiza o catedrático José Carlos Prado e que ten como finalidade “servir de punto de encontro para todos aqueles profesionais relacionados coa área loxística, tendo como obxectivo presentar as últimas tendencias nesta área e ofrecer experiencias prácticas da súa implantación, todo isto a través das intervencións de prestixiosos profesionais”. En concreto, avanza, trataranse temas “de relevancia actual como a sostibilidade loxística, os estándares loxísticos, a optimización dos centros de distribución e a fábrica dixital e intelixente, en liña coa industria 4.0, abordando as áreas clave da rede de subministro”.

O evento é de balde a aberto a calquera persoa que queira asistir, previa inscripción antes do 21 de maio a través deste enlace. A falta de algo menos de dúas semanas para a celebración, como adianta o catedrático de Organización de Empresas e director do Grupo de Enxeñaría de Organización, GIO, xa hai 120 asistentes inscritos. 

Programa da xornada

A xornada arrancará ás 09.50 horas no salón de actos da EE Industrial no campus co acto de inauguración ao que asistirán Juan E. Pardo, director da escola e o profesor José Carlos Prado. Ás 10.00 horas terá lugar o primeiro dos relatorios, da man de Laureano Otero Barrio, director de Operacións de Oozie Tech Logistics e Gerardo Estévez Suárez, socio director en Elige Plus Consultores de Dirección, que falarán sobre o deseño e desenvolvemento dun estándar loxístico e a experiencia piloto do proxecto Cologistics. Unha hora despois, ás 11.00 horas será a quenda de Núria Gusi, responsable de Comunidad Académica en AECOC e Bárbara Ferrer, responsable de Leen&Green en AECOC, que abordarán os retos e oportunidades da loxística sostible. Tras unha pausa, ás 12.30 horas retomaranse os relatorios, desta volta sobre a optimización do centros de distribución, centrándose no caso concreto de Adolfo Domínguez. As encargadas desta ponecia será Anabel Hermida, directora de Supply Chain e Loxística e Andrea Prado, enxeñeira de operacións da compañía. A xornada concluirá a partir das 13.30 horas co relatorio A fábrica intelixente e dixital que impartirá Sebastián Prieto, director de planta do Grupo Sonae Arauco.