DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición reúne 21 fotografías nas que o alumnado reflexiona sobre a orde sexual imposta

‘Sen Moldes’ completa o seu percorrido retornando a Belas Artes

Pode contemplarse nas cristaleiras do primeiro andar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/04/2021

Xurdidas como un exercicio para a materia Técnicas fotográficas, do primeiro curso do grao en Belas Artes, 21 fotografías nas que o alumnado reflexiona sobre a orde sexual imposta integran a terceira edición da exposición Sen Moldes, que ata finais de curso poderá contemplarse nas cristaleiras do primeiro andar da facultade. Coordinada pola profesora Mar Caldas e promovida coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, esta exposición exhibiuse a finais de 2019 na Biblioteca Central do campus de Vigo e trasladouse en febreiro do pasado ano á Biblioteca Rosalía de Castro do campus ourensán. A crise da covid-19 e o confinamento impediron que, ao igual que nas anteriores edicións, a exposición completase o seu percorrido o pasado curso retornando á facultade. Mais finalmente, desde este mes de abril pódense contemplar neste centro as imaxes nas que 17 estudantes “quebran cos roles de xénero tradicionais, exploran sexualidades liberadas das normas e indagan nas identidades abertas e plurais”, como sinala a súa coordinadora. 

“Parecíanos importante que se vise tamén na facultade”, salienta Caldas, que lembra que o actual alumnado da materia atópase desenvolvendo un traballo con esta proposta, de tal xeito que a mostra pode servirlles “como unha referencia”. Baixo o título de Sen Moldes III. Comentarios fotográficos sobre o xénero, esta exposición ten como punto de partida un traballo académico no que se convida ao alumnado a crear imaxes “que reflexionan sobre a orde sexual imposta, contrapoñéndolle visións críticas, anovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais”. Co propósito de reunir “un amplo abano temático”, Caldas e o tamén docente da materia Andrés Pinal seleccionaron 21 fotografías realizadas por 17 alumnos e alumnas que, como recolle o texto de presentación da mostra, “convídannos a incorporar novos principios de visión, a desfacernos de vellos esquemas mentais, a imaxinar diversas subxectividades, construídas sen feituras, sen moldes”. 

Miradas e temáticas diversas

Aldara Vázquez, Alexandre Rodríguez Blanco, Antía Encisa, Arianne Romero, Carlainsh, Clo, Chus Nimo, Lili Algo, Lorena Vázquez Cruz, Lucía González Fernández, Mente de Amuleto, Raquel Álvarez, Rubén Mascato, Tamara Goberna, Uxía González Fernández, Vilja Gunzelmann e Xoel Gómez López son os autores e autoras das imaxes que integran unha exposición “diversa”, como destaca Caldas. Nela hai lugar para imaxes que reflexionan “sobre a identidade sexual, os canons de beleza, a opresión sobre o feminino, as relacións de dominación...”, cuestións que, lembra, son abordadas desde uns puntos de vista e “cunha serie de referencias” que fan que a súa mensaxe “comunique mellor á xente da súa mesma idade que as campañas que podería facer calquera organismo”. Nese senso, esta docente pon de relevo o interese dunha proposta que leva ao alumnado a reflexionar sobre esta serie de cuestións, “e non dunha forma teórica, senón levándoa a imaxes nas que moitas veces utilizan a autorrepresentación, polo que é tamén unha forma de que reflexionen sobre si mesmos e sobre o seu propio corpo”.

Imaxes que nacen do persoal

Dous anos despois de levar a cabo o proxecto, Antía Encisa salienta o interesante dunha proposta centrada “nalgo que nos concirne a todos e sobre o que podemos dar diferentes visións”. “É un tema que segue interesándome moito”, recoñece esta alumna, que lembra as dificultades que, no seu momento, lle supuxera afrontar a proposta. “O problema era que estaba intentando falar desde unha perspectiva que non era a miña e ao final dinme conta de que o mellor era facelo desde algo totalmente persoal”, explica do proceso que a levou a dar forma a unha obra na que fai uso de frases, como “pero no te das cuenta de que eso te queda horrible”, escoitadas na contorna familiar; frases, sinala, “ás que no seu momento non das importancia, pero que acaban quedando no subconsciente”.

“A estética da publicidade, que nos vende unha imaxe que non se corresponde co noso día a día” e, máis en concreto, os anuncios de compresas “que nos mostran un líquido azul” que non reflicte a realidade da menstruación, foron o punto de partida dun dos traballos que Aldara Vázquez achegou á mostra. Unha fotografía, explica, na que presenta a tres mulleres unidas por un fío vermello, que exerce como símbolo de “fortaleza conxunta”, á que suma un segundo traballo, que reflexiona sobre “os sentimentos de masculinidade e feminidade”, representando a un suxeito que, a través dun espello, “mostra orgulloso tanto a súa parte masculina como a feminina”. Satisfeita de que este proxecto poida verse finalmente na facultade, Vázquez salienta o interesante dunha proposta que levounas a “expresar mediante a fotografía moitos sentimentos que moitas veces non están normalizados ou dos que á xente non é consciente”.