DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle desde este martes a exposición 'Enredadas no cambio'

Sete exemplos inspiradores de mulleres emprendedoras

Pode visitarse ata o 11 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 21/05/2024

Desde este martes e ata o 11 de xuño pódese ver na primeira planta do Edificio de Ferro do campus de Ourense a exposición fotográfica de Taller de Solidaridad Enredadas no cambio, centrada “en mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España”.

A exposición, que anteriormente estivo no edificio Redeiras da UVigo, foi inaugurada este martes por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; Rafael Veiga e Ana Silva, da oenegué Taller de Solidaridad, responsable da iniciativa; Luz Marina Monsalve, técnica da Institución Técnica San José Obrero en Medellín, e Ivonsabel Zambrano, muller emprendedora e unha das protagonista da exposición. Na apertura destacouse que os testemuños recollidos son os de sete mulleres que, partindo dunha situación moi desfavorable, sacaron adiante proxectos emprendedores co apoio da citada oenegué e que non só mudaron a súa vida, senón a das súas familias e comunidades, converténdose en referentes para outras mulleres que “buscan un futuro mellor fomentando o desenvolvemento local, a economía social e o consumo responsable”.

A través de 48 fotografías as persoas interesadas poden coñecer nesta mostra os obstáculos e os retos que afrontaron estas mulleres, como camiñaron para cambiar as súas historias e as das súas comunidades. Trátase, indican, de “historias que cobran vida a través da mirada compartida das fotógrafas e fotógrafos que acompañaron a estas mulleres no seu día a día”. Entre elas está a perruqueira e estilista Ivonsabel Zambrano, participante do proxecto de cooperación internacional Emprendamos, impulsado por Taller de Solidaridad en Medellín, Colombia. Na súa intervención na apertura da mostra, destacou o proceso de empoderamento que supuxo para ela emprender e participar neste proxecto.