DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o coloquio ‘Fálame do teu’

Sete dos principais creativos publicitarios de España achegan ao alumnado o día a día dun sector no que é clave “facer aquilo no que cres”

Incidiron tamén nas posibilidades das novas tecnoloxías para converter unha idea en realidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2021

Unha serie de exemplos dos proxectos publicitarios nos que traballaron ao longo das súas carreiras, tanto daqueles que tiveron éxito como doutros que nunca chegaron a ver a luz, e un bo número de anécdotas xurdidas no marco destes traballos. Isto foi o que este venres compartiron co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sete dos principais creativos publicitarios de España en Fálame do teu, un coloquio de carácter informal sobre o momento que atravesa o sector publicitario que a facultade promoveu coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. As posibilidades que as novas ferramentas tecnolóxicas achegan á hora de converter unha idea en realidade, a necesidade de adaptarse a escenarios cambiantes e a importancia de “facer aquilo no que credes” foron algunha das ideas que trasladaron aos e ás asistentes un grupo de profesionais que traballou para algunhas das principais axencias publicitarias e deseñou campañas para multinacionais de diferentes sectores, polas que foron premiados en festivais publicitarios como o Cannes Lions, El Sol e o CdeC.

Concretamente, este diálogo tivo como protagonistas á directora creativa de Meta, antes Facebook, en España, Pepa Rojo; ao presidente creativo da axencia Dimensión e ex-presidente do Club de Creativos, Guillermo Viglione; ao creativo freelance Carlos Yuste, con máis de 20 anos de experiencia en axencias como Ogilvy ou McCann Erickson; ao director creativo de Verbe Creative Group, Santiago Romero; ao realizador e responsable de Garlic, Alan Batievsky; e aos socios fundadores da axencia Pingüino & Torreblanca, José Luis Moro e Pablo Torreblanca. O encontro, que tivo lugar na planta baixa da facultade, “para saírnos un pouco da rixidez das aulas”, como sinalou o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, tiña como obxectivo “pór en contexto o momento que está vivindo a publicidade”, dun xeito “distendido e informal”, marcado tamén por unha compoñente didáctica. “Trátase de divertirse un pouco e de entender que este non é un oficio igual ao resto”, sinalou Santiago Romero, encargado de conducir unha conversa que se completou, sinalou ao alumnado, “por unha serie de exemplos de traballos nos que pasámolo ben, que agardo que sirvan para motivarvos e incorporarvos ao oficio”. 

“Un momento moi emocionante”

Creative strategist en Meta, Pepa Rojo foi a encargada de abrir unha conversa na presentou proxectos como a campaña do “ovni galego” que en 2012 realizou para o lanzamento da canle de noiticias de Terra. “Na miña carreira publicitaria, rinme e gocei moitísimo”, recoñeceu Rojo nun coloquio no que puxo de relevo o “momento emocionante” que agora mesmo vive o sector publicitario na rede. Nese mesmo senso, o realizador Allan Batievsky incidiu en como os avances tecnolóxicos permiten na actualidade levar adiante ideas que décadas atrás sería muy custoso executar. “Nun móbil tedes todas as ferramentas técnicas que podía ter un creativo hai 20 anos”, salientou lembrando a campaña Be water my friend, que realizou para BMW, e que implicou “catro días de rodaxe de planos de coche” que hoxe, recoñeceu, poderían facerse cun dron de 200 euros. “Non tedes escusas para mostrar o que tedes na cabeza e con iso intentar conseguir un traballo”, engadiu Batievsky, que presentou tamén exemplos de anuncios “que en tres semanas cambiaron o guión por completo”, co propósito de subliñar “que a adaptabilidade é algo que debedes ter obrigatoriamente se queredes traballar nisto”.

Superar medos e facer “aquilo no que cres”

Máis aló das posibilidades que os medios tecnolóxicos supoñen para que “unha boa idea poida chegar a quen ten que chegar”, Guillermo Viglione recoñeceu que no momento actual, “cada vez existen máis pasos” no proceso de traballo “coa estrutura dos clientes”, o que o levou a aconsellar ao alumnado que “fagades aquilo no que creades”. Nese senso, o responsable da axencia Dimensión de Donosti subliñou que “vivimos nun mundo no que todo o mundo ten medo de pasar ao seguinte chanzo”, de tal xeito que neste "mundo de intanxibles, ás veces perderás, pero non por inseguridades, senón por facer aquilo no que crías”. Como exemplo, Viglione lembrou a “campaña de posicionamento” que realizaron para NovaGalicia Banco en plena crise das preferentes, na que a súa proposta foi convertelo “no primeiro banco que pide perdón”, un proxecto que “foi un éxito terrible, un éxito tan bo que nos botaron...”, relatou.

A necesidade de reinventarse

Tras traballar en varias das axencias máis relevantes do sector, José Luis Moro e Pablo Torreblanca crearon en 2014 a axencia Pingüino & Torreblanca, “na que tivemos que reinventarnos e volvemos a empezar un pouco de cero”. Nese senso, estes dous creativos presentaron ao alumnado unha serie de campañas que realizaron co “material máis barato para producir publicidade”, o procedente de bancos de imaxes e afondaron nun proceso de traballo que centraron en “primeiro atopar a imaxe e pensar logo a idea”. 

A necesidade de reiventarse foi tamén un dos eixos da experiencia como freelance de Carlos Yuste, que presentou unha serie de exemplos dos proxectos que leva a cabo “para que me chamen as axencias ou clientes”, como por exemplo levar a cabo “a primeira exposición do mundo nun colector”.