DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O luns ábrese o prazo de inscrición nos obradoiros de extensión universitaria do campus

Sete propostas para ampliar coñecementos abertas a toda a cidadanía

Coa identificación de árbores, os xogos colaborativos e a avaliación da mobilidade como novidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/02/2023

Do uso da programación para o deseño de propostas didácticas e xogos colaborativos ao uso de diferentes ferramentas para realizar avaliacións da mobilidade en persoas maiores, pasando pola identificación de árbores e o traballo con volume na cerámica. Con estas temáticas como novidades, o vindeiro luns ábrese a inscrición nos obradoiros de extensión universitaria que a Vicerreitoría do campus promove neste segundo cuadrimestre. Xunto a estas propostas, novas edicións dos cursos de escalada en rocha, elaboración de proxectos artísticos e deseño de páxinas web con WordPress completan unha oferta formativa aberta a toda a cidadanía, que se desenvolverá entre marzo e maio nas diferentes facultades e escolas do campus. 

O prazo para inscribirse nestes sete obradoiros, que ofertan no seu conxunto preto de 80 prazas, permanecerá aberto entre o vindeiro luns e o xoves 16 de febreiro na plataforma Campus Activo. Recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo, os talleres teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, de 26 para as e os integrantes da comunidade universitaria e de 32 para outros colectivos vinculados coa UVigo. Trátase, como sinala a vicerreitora de campus, Eva María Lantarón, “dunha oferta que, pola diversidade de temáticas, pode complementar a formación da comunidade universitaria, pero que tamén pode responder aos intereses da cidadanía”, posto que neste abano de obradoiros figuran tanto propostas centradas “en ámbitos máis específicos, con outras máis xeralistas”. Nese mesmo senso, Lantarón sinala tamén “como moi positivo o número de obradoiros que se presentaron a esta convocatoria por parte de profesorado de diferentes ámbitos científicos”.

Programación, cerámica, botánica e avaliación funcional

Catro dos sete talleres programados para este cuadrimestre levaranse a cabo por primeira vez no campus pontevedrés. Ese é o caso de Xogos colaborativos con movemento e música: placa Makey e Scrath, dirixido a iniciar ao alumnado na programación deste tipo de placas e no seu uso para a creación de recursos didácticos en ámbitos como a expresión artística e corporal. Impartido pola profesora Almudena Alonso e Elena María Cuíñas, desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre o 1 e o 29 de marzo. Por outra banda, o 1 de marzo tamén dará comezo, na Facultade de Belas Artes, Iniciación ao volume en cerámica, un taller impartido pola artista e docente Chelo Matesanz e a egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece, dirixido a afondar, dun xeito práctico, nas técnicas de construción con estes materiais, no traballo cos moldes e na decoración das pezas con engobes, pigmentos, óxidos e acabados vítreos. 

Outra das novas propostas é Descubrindo ás árbores: identificación e usos, que Paula Estévez, Gabriel Pérez e Adrián Melón, do Laboratorio de Micoloxía da UVigo impartirán na Escola de Enxeñaría Forestal entre marzo e maio. Completado cunha serie de saídas de campo, este taller de iniciación á botánica busca amosar aos asistentes como identificar diferentes especies arbóreas, así como afondar naquelas con usos alimenticios, medicinais, forestais ou ornamentais e nos perigos que poden supor as especies invasoras. Por último, a Facultade de Fisioterapia acollerá nos meses de abril e maio outra das novas propostas, Tecnoloxías innovadoras na avaliación funcional e na terapéutica para a mobilidade no envellecemento. Impartido polas profesoras Esther Monge e Irimia Mollinedo e a investigadora Karina Pitombeira, ten como obxectivo presentar unha serie de ferramentas tecnolóxicas para a avaliación da capacidade funcional, así como a súa aplicación no mantemento da mobilidade no proceso de envellecemento.

Proxectos artísticos, deseño web e escalada

Xunto a estas propostas, a programación de obradoiros complétase con tres talleres xa levados a cabo os pasados cursos. Ese é o caso de Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso, que os artistas e investigadores Marcos Covelo e Román Corbato impartirán en Belas Artes do 14 ao 23 de marzo. O seu obxectivo é achegar ao alumnado unha serie de coñecementos sobre como deseñar, estruturar, desenvolver e redactar un proxecto, dossier ou currículo artístico co que concorrer a diferentes tipos de convocatorias, pondo o foco tanto nos aspectos conceptuais como técnicos.

Por outra banda, o 27 de marzo dará comezo na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás a quinta edición de Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, un taller impartido polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán e o consultor Wajari Velásquez, que permite iniciarse no manexo do principal xestor de contidos web de código aberto, así como adqurir nocións de márketing dixital e de creación de contidos optimizados para buscadores. 

Finalmente, en abril a serra do Galiñeiro será escenario do terceiro curso de Escalada en rocha en vías equipadas dun longo, dirixido pola profesora Águeda Gutiérrez. Co seleccionador galego de escalada e responsable de programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez, como docente principal, o curso buscar dar continuidade na montaña aos obradoiros que se desenvolven no rocódromo de Ciencias da Educación e do Deporte, sendo necesario ter realizado previamente un curso de iniciación acreditado para asistir.