No edificio Redeiras, organizado polo grupo GEAAT da UVigo
Un simposio reúne en Vigo aos maiores especialistas en comercio de cerámicas da Antigüidade Tardía na costa atlántica
Mañá venres o encontro trasladarase á illa de Ons, onde se visitarán varios xacementos
Os maiores especialistas no comercio de cerámicas da Antigüidade Tardía ao longo de toda a costa atlántica participan esta semana en Vigo nun simposio organizado polo grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Universidade de Vigo. A cita arrancou no serán deste mércores no edifico Redeiras cun acto de apertura que contou coa participación de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, con quen a Universidade colabora en tarefas de arqueoloxía desde hai cinco anos,.e Adolfo Fernández,investigador responsable do grupo GEAAT.
Eles foron os encargados de darlle a benvida oficial a Vigo aos arredor de 25 especialistas chegados desde Reino Unido, Francia, Portugal e España que participan nunha xuntanza que toma o relevo dun primeiro encontro celebrado en Newcastle en 2014. Tras a apertura tivo lugar a conferencia inaugural, para o que se contou coa participación Paul Reynolds, investigador ICREA da Universitat de Barcelona, un dos especialistas en ceramoloxía antiga máis recoñecidos, que afondou nas relacións comerciais a longa distancia entre o Atlántico e o Mediterráneo oriental.
Un comercio que implicaba aos principais portos do Atlántico
A xornada de hoxe xoves desenvolverase de xeito íntegro no edificio Redeiras, onde se sucederán relatorios de investigadores e investigadoras do Reino Unido (Universidades de Newcastle e Glasgow e Consello de Conservación do Patrimonio Irlandés); Francia (INRAP e Burdeos); Portugal (Universidade Nova de Lisboa, Coimbra e Porto), e España (Universidade de Vigo, Santiago de Compostela, Cádiz, Barcelona e CSIC). “Entre todos sumamos un importante coñecemento sobre as cerámicas producidas e comerciadas entre os principais portos do Atlántico, como o mesmo Vigo, Cádiz, Burdeos ou Lisboa”, explica desde o GEAAT a investigadora Alba Rodríquez Novoa, ao que engade que se conta tamén con especialistas noutros campos, tales como o estudo dos vidros, as técnicas físico-químicas aplicadas á arqueoloxía e á historia, “que axudarán a complementar a visión de conxunto sobre os séculos estudados”.
Visita a Canexol e ao castro do Castelo dos Mouros
Mañá venres a xuntanza trasladarase ao Centro de Visitantes da Illa de Ons. Pola mañá desenvolveranse diferentes conferencias centradas, neste caso, no comercio tardoantigo desde outras perspectivas, incluíndo as fontes escritas, os vidros e a arqueometría e, xa pola tarde, realizarase unha visita aos xacementos que o equipo escava na illa: as factorías de salga de Canexol e o castro do Castelo dos Mouros.
Ao abeiro do proxecto Atlantrade, liderado por Adolfo Fernández
O encontro está organizado dentro do proxecto Atlantrade: Relacións comerciais na costa atlántica durante a Antigüidade Tardía, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria de Proxectos de Xeración do Coñecemento do ano 2022, con Adolfo Fernández Fernández como investigador principal.
“A reunión marca a metade do proxecto. Ata o de agora centrámonos en estudar conxuntos materiais de Vigo que estaban inéditos”, explica Rodríguez Novoa, ao que engade que a segunda metade se destinará a publicar os resultados e interpretalos, “para o que reunións científicas como esta, onde podemos estar en contacto con outros especialistas na materia, vai ser clave”.
Ademais da propia organización do encontro, os expertos e expertas do grupo GEEAT da Universidade de Vigo participan no simposio impartindo distintos relatorios. No caso do responsable do grupo, Adolfo Fernández, presenta hoxe xoves unha ponencia sobre o comercio tardo-romano na costa atlántica e, esta tarde, presentará xunto a Alba Rodríguez e João Veloso (Universidade Nova de Lisboa) algúns dos resultados acadados no xacemento vigués da parcela de UARC, Unidade de Actuación Rosalía de Castro.
Por outra parte, neste caso xunto a Ricardo Costeira (Universidade de Coimbra), Fernández presentará tamén unha visión xeral do abastecemento de cerámica tardoantiga no sur do reino suevo -cidades de Conimbriga e Braga-. Maña venres participará nunha mesa redonda con expertos da Universitat de Barcelona centrada nos últimos avances sobre as producións anfóricas tardoantigas do occidente peninsular.