DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Real Academia Galega de Ciencias entregou este mércores os seus galardóns anuais

O sistema de detección e clasificación de pólipos colorrectais con intelixencia artificial PolyDeep recibe un dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

O proxecto está liderado polos enxeñeiros informáticos da UVigo Miguel Reboiro e Daniel González

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 16/06/2022

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores tarde no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia. O proxecto PolyDeep: sistema intelixente de detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais mediante deep learning, liderado desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, recibiu o premio Francisco Guitián Ojea de investigación aplicada, dirixido a recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico.

O evento, presidido pola vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, contou coa asistencia da directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; e o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez, entre outras autoridades e académicos da RAGC.

“Continuar con máis folgos”

O proxecto PolyDeep foi desenvolvido por persoal investigador do Grupo de Investigación SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración) da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e pertencente ao CINBIO,  liderados por Miguel Reboiro e Daniel González, e en colaboración co Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva (GIODO), liderado polo doutor Joaquín Cubiella, do Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. No seu nome, recolleu este mércores o premio da RAGC Miguel Reboiro, que agradeceu á academia a concesión deste galardón, asegurando que “nos axudará a continuar con máis folgos neste proxecto”.

O traballo céntrase no eido do cancro colorrectal, o de maior incidencia en España, con 18.187 novos casos en mulleres e 26.044 en homes en 2020 e con cifras en aumento. O equipo galardoado baseouse na intelixencia artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais, de xeito que o modelo avisa ao endoscopista durante a exploración da presenza de pólipos pero tamén do tipo de pólipo detectado. No marco deste proxecto as e os investigadores crearon un amplo banco de imaxes e vídeos de colonoscopias con información histolóxica e de localización de pólipos que está dispoñible para a comunidade científica a través do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, instituto ao que pertencen os dous grupos participantes no proxecto, os grupos SING e GIODO.

A iniciativa desenvolveuse desde 2018 ata 2021 con financiamento da Convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e continúa na actualidade co proxecto PolyDeep Advance, que acadou recentemente financiamento na convocatoria Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación para realizar a validación clínica deste sistema e o plan de acceso ao mercado para a súa comercialización. PolyDeep, lembran os seus responsables, continúa na liña de traballo do grupo SING de colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense “buscando tarefas ou problemas nos que poidamos aplicar intelixencia artificial e que redunden ou que busquen a mellora no diagnóstico ou tratamento dos pacientes”. Así, detallan, xa teñen desenvolvido con anterioridade un sistema de detección de enfermidades nosocomiais chamado InNoCBR e implantando na actualidade en todos os hospitais do Sergas. “Este tipo de traballos que teñen esta aplicabilidade, este impacto positivo na sociedade e neste caso en pacientes, para nós son algo moi importante”, comentan Miguel Reboiro e Daniel González.

Outros galardóns

Tamén entre os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia concedeuse este mércores o premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación, que foi para o proxecto Ligandos fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade na industria farmacéutica, do CiQUS e da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, e o premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida, que foi para a posta en marcha da spin-off  BFlow SL, froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da USC e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago. No acto tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas á reportaxe Costa inundable, da xornalista Teresa Abuín, emitida no programa Vivir Aquí da CRTVG, e concedeuse un accésit á reportaxe A ameaza de macrogranxas na Limia, de Mar Álvarez, publicada no xornal Nós Diario. Finalmente, na gala tamén se outorgou o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 ao químico Manuel Luis Casalderrey en recoñecemento á súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia”.