DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns distinguen o espírito emprendedor e innovador do alumnado de enxeñaría

Un sistema para o seguimento de enfermidades crónicas é un dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, Premios da Cátedra MN

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Premios
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 29/10/2020

O traballo SSEC: Sistema de Seguimento de Enfermidades Crónicas de Pablo Pazos Domínguez, estudante do Grao en Enxeñaría Informática, e BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo equipo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación formado por Silvia Abal Fernández, Angela Abreu Iglesias, Candela Janeiro Catoira, Maria Purriños Paz e Antón Soares Rial, son os gañadores da primeira edicion dos Premios Cátedra MN. Dirixidos ao alumnado da rama de enxeñaría os premios, creados co obxectivo de distinguir o espírito emprendedor, ao tempo que se impulsa a innovación tecnolóxica e se recoñece a valía do estudantado, naceron froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa tecnolóxica MN Program e ao abeiro da Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico. A catedrática da UVigo e coordinadora da cátedra, Carmen García Mateo, valora moi positivamente “a aposta por este tipo de colaboracións entre universidade e empresa, que co seu investimento e mentorización permite que algúns proxectos poidan chegar a converterse en negocios reais e viables”.   

Na categoría de Traballo Fin de Grao o premio foi para Pablo Pazos Domínguez, estudante do Grao en Enxeñaría Informática, polo traballo titulado SSEC: Sistema de Seguimento de Enfermidades Crónicas, un sistema informático que ten como obxectivo o seguimento das enfermidades crónicas por parte do paciente e do seu médico para poder ter información en calquera momento sobre a súa evolución e axudar á toma de decisións con maior eficacia e eficiencia. Así mesmo, o paciente conta cunha ferramenta onde pode consultar en todo momento, de maneira actualizada, información relativa ás súas citas médicas, tratamentos e medicación. O sistema nútrese de datos clínicos recollidos mediante informes e a aplica a intelixencia artificial sirve como sistema de apoio. Para Pablo Pazos “os Premios Cátedra MN son quizais o impulso que necesitaba para crer que o meu proxecto de verdade ten un valor para poder aplicarse no mundo real. Sen dúbida, todo o proceso foi moi bo e as persoas involucradas foron de gran axuda”.

Ademais do primeiro premio, outorgáronse dous accésit a estudantes do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O primeiro accésit foi para Raquel Román Sarmiento polo proxecto Detección de sincronización audiovisual utilizando Deep Learning, e o segundo accésit concedéuselle a Ismael Orge Fernández polo traballo Detección de peóns en plataformas de baixos recursos computacionais. Ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o grao de utilidade e aplicabilidade das solucións desenvoltas nos TFG, así como o grao de implicación do alumnado no seu desempeño.

Un dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, premio ao Mellor Proxecto LPRO

O premio para o Mellor Proxecto LPRO foi para BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Silvia Abal Fernández, Angela Abreu Iglesias, Candela Janeiro Catoira, Maria Purriños Paz e Antón Soares Rial. BReAst é un dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, grazas á toma de medidas do peito e á análise desta e que reflicte as conclusións obtidas nunha web. A paciente dispón dunha aplicación móbil coa que poderá interactuar co especialista, recibir consellos da comunidade e acceder a información formativa relevante. Grazas á combinación das tecnoloxías hardware utilizadas, ao seu consecuente procesado, á monitoraxe constante e ao fácil e visual acceso aos datos, o médico poderá tomar unha decisión informada e temperá sobre o diagnóstico da paciente. O xurado dos premio valorou especialmente o coidado deseño do servizo tanto nos aspectos tecnolóxicos, como de ergonomía, privacidade da información das pacientes e viabilidade.

O xurado tamén fixo unha mención especial ao proxecto Pic4Learn, unha ferramenta software de apoio para a educación de nenos e nenas con TEA (Trastorno do Espectro Autista), realizado por Shaila Calvo Almeida, Lorena Gil Cerezales, Mónica Loureiro Zunzunegui, Jorge Núñez Crespo e Ana Purriños Paz, pola súa calidade técnica e o seu carácter social.

Nova convocatoria do premios aberta ata o 20 de novembro

A segunda edición dos Premios Cátedra MN ao Desenvolvemento de Proxectos Tecnolóxicos 2020/2021 buscan premiar o desenvolvemento de probas de concepto que estimulen a capacitación, especialización e actualización de competencias de alumnado matriculado no curso actual en titulacións da rama de Enxeñaría e persoas recentemente egresadas da UVigo. 

Os proxectos deben estar relacionados con algunha destas temáticas: desenvolvemento de chatbot por voz para verificación de información persoal obtida mediante programas rastrexadores ou desenvolvemento de apps de recoñecemento multibiométrico aplicado ás actividades empresariais, en particular ao control do horario laboral. A presentación de solicitudes farase a través dun formulario online ata o 20 de novembro de 2020 (inclusive).