DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espazo expositivo acolle desde este venres a mostra ‘Al cantar brilla’

Surrealismo e subxectividade conectan na Sala X a obra de catro egresados de Belas Artes

Reúne as creacións de Tere Pece, Borja Guerrero, Aram Ríos e Andrea Rosob

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/03/2021

Obras que proxectan un imaxinario íntimo, marcado pola subxectividade e a introspección, pero tamén polo surrealismo, e que a pesares diso presentan coincidencias e conexións reúnense desde este venres na Sala X, nunha exposición que presenta as creacións de catro egresados e egresadas da Facultade de Belas Artes. A mostra Al cantar brilla, que poderá visitarse ata o 27 de abril, reúne os traballos pictóricos e escultóricos de Tere Pece, Borja Guerrero, Aram Ríos e Andrea Rosob. “É unha exposición de surrealismos, non centrada no que serían os discursos máis contemporáneos, senón no propio individuo e na reflexión que cada persoa ten arredor da arte”, salientou a coordinadora da Sala X, Chelo Matesanz, na apertura dunha mostra que reúne “pezas moi íntimas”, pero que á súa vez establecen tamén “moitas conexións”, a pesares de nacer dos imaxinarios persoais de cada artista.

Coordinada pola artista e egresada Tere Pece, o propio título de Al cantar brilla susténtase, como apuntou Matesanz, na “asociación de ideas, en unir cousas que parecen inconexas e que proxectan unha realidade que está por riba da que coñecemos”. O punto de partida da mostra é, como sinalou Pece, “a visión particular de cada un, xa que todos vemos de forma diferente as múltiples realidades”, de tal xeito que as diferentes obras permiten á súa vez conectar o espectador coa “personalidade do autor”. 

Xunto a Matesanz e Pece, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración, Eulalia Agrelo, e os vicedecanos da Facultade de Belas Artes Javier Tudela e Carlos Tejo participaron na apertura desta exposición, que ao igual que a que a precedeu, Arredor do parado, reúne unha serie de artistas formados na facultade. Neste acto, o vicerreitor incidiu en que tanto desde a Vicerreitoría como desde a facultade atópanse actualmente traballando para “darlle máis pulo e visibilidade a esta sala”. Nese senso, Soto salientou que o obxectivo “é que esta sala adquira en Pontevedra a entidade que queremos darlle”, de tal xeito que se converta nun espazo “non só da facultade e do campus, senón tamén da cidade”.

Reflexións sobre o eu e sobre o colectivo

Coordinadora da exposición, Pece presenta nesta mostra diferentes pezas cerámicas e unha instalación na que o escultórico se combina cunha serie de espellos. “As persoas non vemos igual a realidade e os espellos reflicten un pouco como se cruzan as perspectivas duns e doutros”, salienta a artista, que reflexiona con esta proposta arredor da “incomunicación” entre as persoas. “Traballo case sempre con cousas que veñen do mundo interior”, recoñece Pece, que presenta na Sala X un conxunto de pezas que, partindo da propia evolución do ser humano, abordan a idea de que “ao igual que fomos monos, non teremos porque quedarnos no que somos agora, senón que podemos desenvolvernos”.

O imaxinario persoal e a “busca inalcanzada dunha expresividade” constitúen o nexo que une as pinturas que Borja Guerrero presenta en Al cantar brilla. Pinturas que, como explica, foron realizadas ao longo dos últimos dous anos e que permiten observar a súa propia evolución nese proceso de busca dunha expresividade “que a min mesmo me transmita a enerxía que creo que ten que ter a propia obra”. As diferentes pinturas parten de feito de “vivencias persoais, filtradas polo meu propio imaxinario, que vai aumentando á vez que vou facendo as pezas”, recoñece o artista, que nese senso ve a serie “como un diario” no que se representa a si mesmo dunha forma “desfigurada”, de tal xeito que “o espectador non vexa ao autor, senón que poida ser calquera persoa”.

Unha serie de representacións da muller “moi autorreferenciais”, pero á súa vez sen rostro en varios dos cadros, poden observarse nos lenzos que presenta Andrea Rosob. “Son cadros que representan un mundo interior”, apunta Matesanz, que sinala os vínculos co surrealismo “dunha pintura traballada ao detalle só para representar o que ela quere representar”. A mostra complétase a súa vez pola serie de pezas de cerámica esmaltada e ouro cerámico Morfologías de la ansiedad, de Aram Ríos. Nestas presenta unha serie de “personaxes ideais”, resultado dun “proceso moi manual e exquisitamente elaborado”, como salienta Matesanz.