DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Zhouyan Qui e Rabia Rashdi desenvolverán durante tres anos as súas investigacións no grupo GeoTECH

Talento de China e Paquistán para testar as infraestruturas do transporte en Galicia e avanzar na mobilidade autónoma

As investigadoras traballarán con cámaras e equipos LiDAR para realizar un inventario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/04/2021

Dentro do programa internacional de mobilidade do persoal investigador Marie Skłodowska-Curie, a convocatoria ITN, Innovative Training Networks, ten como obxectivo tecer unha rede de entidades públicas de investigación e empresas para a contratación e formación de investigadores novos nunha temática específica innovadora. O proxecto Menelaos_NT, do que forma parte a Universidade de Vigo, foi un dos seleccionados nesta última convocatoria e grazas a el a institución viguesa incorporou dúas novas investigadoras: Zhouyan Qui, de China e Rabia Rashdi, de Paquistán. Ambas cursarán o Geocei, o programa de doutoramento do grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas durante tres anos e presentarán no campus vigués a súa tese de doutoramento. O seu traballo centrarase en inventariar as infraestruturas do transporte e en ámbitos relacionados coa mobilidade autónoma. Ademais, ao longo deses tres anos realizaranse outros intercambios no ámbito do proxecto, polo que, como explica Pedro Arias, responsable do GeoTECH, “recibiremos outros investigadores pertencentes á rede para estadías en Vigo”.

Xestión de tecnoloxía de sensores complexos para a planificación da sostibilidade

O proxecto Menelaos_NT, que conta cun orzamento total de 3,6 millóns de euros, está liderado pola University of Siegen, en Alemaña, e ten como parceiros ao Cintecx da Universidade de Vigo, a spin-off da UVigo Ingeniería Insitu; o Citius da Universidade de Santiago de Compostela e entidades de Alemaña, Romanía, Turquía, Israel e Suíza. A finalidade é a xestión de tecnoloxía de sensores complexos para a planificación da sostibilidade. Explican os responsables de Menelaos_NT que a crecente taxa de desastres naturais, a explotación incontrolada dos recursos e o crecemento da poboación tamén deu lugar a un volume inxente de datos complexos, o que dificulta a planificación específica e a longo prazo. Así, o obxectivo do proxecto é abordar esa nova realidade formando a novos investigadores para identificar e xestionar información macro e microescala relevante a partir de sensores remotos, supervisar o medio ambiente e proporcionar información crucial para as políticas sobre os desafíos medioambientais. Isto serviría para que as persoas responsables da toma de decisións o poidan facer con información máis sofisticada e confiable para decidir sobre medidas sostibles. Esencialmente, o proxecto aborda os principais desafíos sociais, por exemplo, a agricultura e silvicultura sostibles, a bioeconomía, os cambios ambientais, a eficiencia dos recursos, etc.

No que se refire á participación da UVigo, céntrase no uso das tecnoloxías para realizar a fusión multimodal de datos multisensores, combinando a información entregada por diferentes sensores (in situ/remotos, ópticos/non ópticos), a diferentes escalas, con diferentes resolucións e con diferente fiabilidade. “A observación remota tradicional así como os enfoques locais, teñen demostrado ser insuficientes para facer fronte á necesidade de información dos órganos encargados da toma de decisións”, remarca Arias. Así, Zhouyan Qui e Rabia Rashdi “traballarán con cámaras e equipos LiDAR para o inventario de infraestruturas do transporte, e en ámbitos relacionados coa mobilidade autónoma”, apunta o responsable do grupo.

Tres anos para avanzar nas súas carreiras investigadoras

A elección das dúas investigadoras que están en Vigo foi o froito dun proceso internacional no que participaron 45 candidatos. Zhouyan Qui estudou o grao na Universidade de Wuhan (China) e o mestrado na Universidade de Stuttgart (Alemaña), polo tanto para ela esta non é a súa primeira experiencia no estranxeiro. Recoñece que a diferencia entre España e Alemaña non é tan grande como a que existe entre Alemaña e China, “pero en comparación cos alemáns, os galegos son máis entusiastas”. Ademais, para ela como seareira do Real Madrid dende hai máis de dez anos “España é un país de soño” e, por suposto, agora tamén se confesa seguidora do Celta de Vigo. 

Sobre a súa elección da Universidade de Vigo para continuar formándose, lembra que ademais do poder de atracción que tiveron as liñas de investigación que desenvolve o grupo GeoTECH, a localización xeográfica tamén pesou. “Crecín co mar e por iso me gusta vivir xunto ao mar e creo que a contorna da UVigo é moi adecuada para investigar e desfrutar da vida”. De feito, tras cinco meses en Galicia, Zhouyan Qui valora moi positivamente un ambiente que a axuda a concentrarse. “Non preciso pensar noutras cousas que non sexan o estudo e a investigación e creo que iso é algo moi valioso para un investigador: facer o que me gusta todos os días”. Recoñece sentirse moi cómoda no grupo GeoTECH e valora moito as axudas e achegas para a súa formación de profesores como Pedro Arias, Henrique Lorenzo e Joaquín Martínez. Con todo, a única barreira que atopa nesta nova etapa en España é o idioma. “O español é o terceiro idioma que aprendín e teño clases tres veces por semana” e considera que é máis difícil que o inglés pero máis simple que o alemán. Ademais, agarda que dado que se vai quedar en Vigo tres anos, se poida iniciar tamén no galego.
 
Rabia Rashdi, pola súa banda, cursou o grao e o mestrado na Mehran Univeristy of Engineeeing & Technology (Jamshoro, Paquistán). Tras máis de cinco meses en Vigo recoñece que a súa experiencia nunha nun novo país e nun novo grupo de traballo “está sendo boa”. A pesar de que ao principio lle resultou “difícil comunicarse coa xente local xa que só falaban español e galego”, agora estase adaptando e tomando clases de español. “A xente aquí é moi agradable e amable e sempre está para axudar. Síntome moi cómoda nesta nova cultura e ambiente”.

Respecto da súa institución de acollida, Rashdi explica que escolleu a UVigo “pola súa educación de calidade e por profesores altamente cualificados” ademais da súa fermosa situación, "rodeada de outeiros” aínda que tamén chegou aos seus oídos que a cidade é coñecida “polas súas fermosas praias e mariscos incribles”.

Ao longo dos tres anos, no grupo GeoTECH avanzará na súa tese de doutoramento da man de “expertos altamente cualificados”. Considera que esta experiencia non só mellorará os seus coñecementos en aspectos técnicos relativos ao seu eido de investigación, senón que tamén “mellorará as miñas habilidades comunicativas e transferibles, tanto a nivel académico como persoal. Quero que a miña investigación teña un maior impacto social e creo que esta estadía me dará unha oportunidade de ouro para facer unha frutífera carreira investigadora”, conclúe.