DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polo fotógrafo e docente Iván Pérez na Facultade de Belas Artes

Un taller achega os procesos da fotografía cosmética á creación artística

Aborda a iluminación, o retoque e a impresión de imaxes de composicións escultóricas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/04/2021

Cosmética sórdida é o titulo do taller que nestes días busca achegar o alumnado de Belas Artes aos procesos de traballo que caracterizan a realización de fotografías publicitarias de produtos de perfumaría, cosmética ou xoiería, co obxectivo de que exploren tamén as súas potencialidades á hora de traballar con composicións escultóricas. Organizado pola profesora Mar Caldas coa colaboración do Departamento de Pintura, a Vicerreitoría do campus e a facultade, o obradoiro é impartido polo fotógrafo Iván Pérez, quen ao longo das súas cinco sesións foi abordando os traballos de composición, iluminación e retoque que definen este tipo de imaxes, coa idea de que as e os participantes poidan, apunta, “aplicalos a outros procesos máis escultóricos e nos que poden incluír materiais perecedoiros ou efémeros, que non poderías empregar” nunha obra física.

Doutor en Artes Visuais pola Universidad de Castilla-La Mancha, Pérez Vidal colaborou como fotógrafo con revistas como Esquire, Shangay ou Forbes e as súas creacións artísticas exhibíronse en museos e galerías de Alemaña, Estados Unidos, Rusia, España ou Portugal. Pérez, que foi tamén docente na Facultad de Bellas Artes de Cuenca e no Instituto Europeo de Diseño de Madrid, buscou neste taller achegar unha serie de nocións sobre composición, iluminación, retoque e impresión á vez que o alumnado ía desenvolvendo as súas propias obras. “Trátase dun taller moi completo, que toca escultura, creación de obxectos, saber fotografar, saber iluminar, saber retocar...”, sinala Caldas desta actividade formativa de 25 horas, que arrancou a pasada semana coas súas dez prazas cubertas e que busca complementar a formación do alumnado en materia de fotografía. 

Da busca de referencias á impresión final 

O obradoiro comezou a pasada semana analizando unha serie de exemplos de creacións de diferentes fotógrafos e artistas. “O primeiro que fixemos foi ver que posibles referencias lles interesaban e como podíamos adaptalas ao obxectos nos que pensaran”, explica Pérez. A partires de aí, as e os participantes traballaron con alimentos, xoguetes ou material de refugallo na definición das composicións que serían fotografadas, o que levou a pór o foco, nas seguintes sesións, en dous dos aspectos definitorios da fotografía cosmética, a iluminación e edición das fotografías. “Soen ser imaxes moi ben iluminadas e todas levan moito máis retoque do que poida parecer”, salienta Pérez.

Deste xeito, as e os participantes puideron tanto adquirir unha serie de nocións dun “campo de traballo moi rico, no que hai moitas variables”, como afondar nas posibilidades de adaptar os procesos desta industria ao ámbito artístico. “É un campo moi amplo, polo que a súa aplicación depende da capacidade do individuo para chegar ás súas propias solucións”, recoñece este fotógrafo, que lembra que os bodegóns, tanto pictóricos como escultóricos, “empregáronse moito ao longo da historia da arte”. De feito, incidiu, da aplicación destes procesos de traballo poden saír “resultados moi diversos”, como aconteceu tamén neste taller, que este martes desenvolve a súa última sesión, centrada na impresión a gran formato da obra que foron realizando ao longo da taller.