DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría, deu comezo un curso de iniciación a WordPre

Un taller inicia ao alumnado na principal ferramenta para crea unha web

Impartido polo profesor Xabier Rolán e os expertos Juan Hernando e Wajari Velásquez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/02/2019

Un terzo dos espazos que existen na rede foron creados con WordPress, o sistema de código aberto que desde esta semana centra na Casa das Campás un dos obradoiros promovidos pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, Creación de páxinas web e posicionamento con WordPress. Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, que o imparte xunto ao desenvolvedor web Juan Hernando e o experto en posicionamento Wajari Velásquez, ambos membros da comunidade WordPress de Pontevedra, o taller que se desenvolve nos meses de febreiro e marzo na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría ten como obxectivo que os alumnos e alumnas desenvolvan a súa propia páxina web facendo uso dos múltiples recursos dos que dispón un sistema empregado, lembra Rolán, “tanto para facer un blog como para webs con medio millóns de visitas ao mes, como a da revista Time”.

“A vantaxe competitiva de WordPress é seu ecosistema de desenvolvedores”, salienta Martínez Rolán dun sistema de código aberto para o que os propios usuarios e usuarias foron creando milleiros de aplicacións, “a maior parte gratuítas”, que permiten dotar os espazos web de múltiples funcións, como, por exemplo, convertelos nunha tenda online, dotalos dun motor de reservas ou xerar un repositorio de documentos. Nese senso, o obxectivo dun curso “un 80% práctico”, e que os e as asistentes poidan, partindo de cero, desenvolver o seu propio proxecto con WordPress e avanzar con el “ata onde sexan capaces de chegar” ao longo das 30 horas deste obradoiro. Partindo desa vertente práctica, explica, o propósito é que os e as asistentes poinda avanzar, guiados polos responsables do curso, no seu propio proxecto de creación dun espazo web, no caso de chegar ao obradoiro cunha idea ou obxectivo previos, “pero se queren iniciarse simplemente, proporémoslle nós un proxecto”, explica Martínez Rolán, responsable tamén, xunto ao profesor de CCSS e da Comunicación Alberto Dafonte, do curso de iniciación a este sistema dirixido ao persoal docente e investigador da Universidade que, no marco das actividades da Área de Formación e Innovación, desenvolverá nos meses de maio e xuño en Vigo a súa terceira edición.

Da instalación ao posicionamento en buscadores

Achegar as e aos participantes unha serie de nocións sobre “como funciona internet, que é como funciona WordPress” centrou esta semana, como explica Martínez Rolán, o inicio dun taller no que este docente encargarse tamén, máis aló destas nocións básicas, de abordar co alumnado como “auditar unha web ou, cando menos, entender que está mal, que está ben e que se pode mellorar”. Desenvolvedor web especializado en WordPress e en comercio electrónico, Juan Hernando abordará neste taller, que emprega a versión liberada Wordpress.org, o proceso de instalación deste sistema nun servidor, así como o seu funcionamento, as posibilidades de instalar e modificar aparencias gráficas ou a incorporación de plugins que doten o espazo de novas funcionalidades. Wajari Velásquez, consultor SEO e experto en márketing dixital, será o responsable de achegar ao alumnado unhas primeiras nocións respecto de “como escoller palabras claves e como optimizar un WordPress” para lograr unha mellor posición do espazo en buscadores. “A idea é que sexan capaces de facer a súa web e logo de xestionala e mantela”, conclúe Rolán, que recoñece a “boa acollida” que tivo un obradoiro que nestas semanas celebra a súa primeira edición, na que cubriu á súas 15 prazas reunindo tanto a alumnado e profesorado do campus, estudantes do Programa Universitario para Maiores ou persoas alleas da comunidade universitaria. 

Diferentes opcións ao longo do cuadrimestre

O taller que se desenvolve na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás é unha das propostas coas que nesta semana botou a andar a programación de obradoiros de Extensión Universitaria propostos pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre. Abertos a toda a cidadanía e con máis de 200 prazas no seu conxunto, o programa de talleres que se estenden ata o mes de xuño abrangue temáticas como lingua de signos, escalada, preparación de exposicións público, o uso do coaching na docencia ou un achegamento aos procesos creativos baseados no corpo e no movemento, coas súas inscricións aínda abertas en varios dos casos. Así acontece co taller de iniciación nos procesos reprográficos Erro é ben, que se desenvolverá a vindeira semana na Facultade de Belas Artes ou co obradoiro O coaching na aula: Mellora das túas habilidades docentes, que terá lugar entre o 4 e o 25 de marzo en Ciencias da Educación e do Deporte.

Esta facultade acollerá tamén, entre o 13 de marzo e o 3 de abril, o taller Comunicación e linguaxe: Prepárate para a exposición en público, para o que tamén continúa aberta á inscrición, ao igual que para Corpo, espazo e movemento na práctica artística, que se desenvolverá entre o 27 de marzo e o 29 de maio en Belas Artes. Xa en abril e tamén coa inscrición aberta, a estas propostas sumaranse os obradoiros Comunícate coas mans II: Profundización na lingua e cultura da comunidade xorda e unha nova edición do taller de Iniciación á escalada en rocódromo que acolle Ciencias da Educación e do Deporte.

Taller gratuíto para mellorar a “actitude emocional” 

Máis aló destas actividades, a Vicerreitoría do campus impulsa, no marco das actividades do Campus Crea, o obradoiro nPositivo, Actitude Emocional, un taller gratuíto dirixido ao alumnado e que ten como obxectivo contribuír ao “aumento da actitude emocional” das e os asistentes. Impartido polo experto en técnicas de clown Alberto Rosell, o taller que se impartirá entre o 25 e o 27 de febreiro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación abordará aspectos como a motivación, a desinhibición a través de técnicas de teatro e clown, o traballo da autoestima a través de dinámicas grupais e individuais dirixidas a xerar confianza nun mesmo, e a potenciación do imaxinario. Aberto a un máximo de 18 participantes, este obradoiro abrirá a súa inscrición o vindeiro luns 11 de febreiro na plataforma Culturxest.