DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a alumnado de Educación Primaria, comprendeu tanto unha abordaxe teórica como práctica

Un taller virtual afonda en como achegar a filosofía á infancia

Impartido polo docente Jorge Sánchez-Manjavacas e o divulgador Diego Horschovski

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/10/2020

Como achegar a filosofía a contornas educativas formais era o propósito do taller virtual que reuniu ao docente Jorge Sánchez-Manjavacas e o divulgador Diego Horschovski co alumnado do grao en Educación Primaria. Coordinada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e patrocinada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta actividade abrangueu tanto un achegamento teórico a como esta disciplina pode contribuír a desenvolver o pensamento crítico desde idades temperás, como un traballo práctico co alumnado, 

Como explica Sánchez-Manjavacas, docente e formador de formadores no Centro de Filosofía para niños, o obxectivo desta actividade era achegar ao alumnado ao traballo que se pode desenvolver coa infancia, partindo das experiencias de “dúas persoas que traballan o enfoque da filosofía para nenos aplicado a contornas formais”. Nese senso, o taller, que se desenvolveu na tarde deste martes de xeito virtual, comprendeu dous coloquios, O ABC da filosofía para nenos, de Sánchez-Manjavacas; e Filosofía con nenos e nenas, de Diego Horschovski, director do proxecto Filosofía a pé de rúa; complementados á súa vez por unha serie de propostas prácticas que levaron a traballar co alumnado dividido en diferentes grupos virtuais.

Aproveitar a “curiosidade innata” da infancia

Formado na Universidade de Santiago de Compostela, Horschovski puxo o acento na súa intervención nas capacidades da filosofía para “fomentar e exercitar o pensamento crítico” desde idades temperás. “A filosofía, aproveitando a curiosidade innata coa que medran os nenos e nenas permite que pensen por si mesmos”, salientou o conferenciante respecto das potencialidades dunha disciplina coa que fomentar “que sexan capaces de formular preguntas e de construír respostas razoables ás inquedanzas que lles son propias ao descubrir o mundo”.

Nese senso, “o diálogo filosófico” permítelles “articular a palabra, desenvolver o pensamento crítico, pero tamén o pensamento creativo”, do mesmo xeito que contribúe a que nenos e nenas “poidan adquirir consciencia de si e dos demais, así como desenvolver a súa expresión do mundo, poder expresarse e ser comprendidos”. De aí que Horschovski puxese o acento na importancia de que, a través da filosofía para nenos, se traballen “valores como a igualdade, a amizade e a irmandade”, subliñando nese senso que a súa educación “é fundamental para o desenvolvemento dunha vida democrática”.