DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Minho

O tamaño do mobiliario escolar non pode definirse en función do curso

O traballo amosa tamén que a altura non é un criterio válido para asignar mesas e cadeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/07/2025

O mobiliario escolar xoga un papel clave na prevención de problemas posturais entre a infancia e a mocidade, como asimetrías na columna vertebral, que poden derivar en patoloxías de carácter crónico. De aí a importancia de que nenos e nenas conten nas aulas con cadeiras e mesas axustadas ás súas características antropométricas, algo que non se pode definir tendo como único criterio o curso académico que van realizar, nin tampouco empregando a altura dos estudantes como criterio para asignación dun determinado pupitre ou cadeira. Así o constatou un grupo de investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Minho, nun estudo no que participaron 500 escolares do sur de Galicia e do norte de Portugal. Esta investigación permitiu constatar que, nun mesmo curso escolar, son necesarios cando menos dous tamaños diferentes de mobiliario, detectándose nalgúns casos a necesidade de contar con catro tamaños diferentes nun mesmo nivel educativo para que todos os nenos e nenas estean correctamente sentados. 

“Historicamente, a asignación do mobiliario escolar baseouse en criterios xerais como a idade” ou como a “estatura promedio” do alumnado, sinalan os autores e autoras dun estudo publicado na revista científica Symmetry. Este artigo foi asinado polos integrantes do grupo iObserving, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Alfonso Gutiérrez, Iván Prieto e Adrián Paramés, e a tamén investigadora deste centro Xoana Reguera, do grupo Gies10, xunto cos docentes da Universidade do Minho Agostinho Fernandes, Ana Cristina Braga e Paula Carneiro. Dando continuidade a traballos previos tanto do grupo iObserving como dos investigadores da institución portuguesa, este traballo buscaba analizar tanto se existían “disparidades antropométricas” entre as dúas poboacións analizadas, como “avaliar a idoneidade das prácticas actuais de asignación de mobiliario escolar”.

Para iso realizáronse unha serie de medicións a 244 alumnas e 256 alumnos, dos que 191 eran estudantes galegos de 5º e 6º de primaria e de 1º a 3º da ESO, mentres que outros 309 cursaban os cursos equivalentes en Portugal, que abranguen do 5º ao 9º grao. Como explica Iván Prieto, realizáronse por unha banda unha serie de medicións de diferentes variables antropométricas, como a altura poplítea ou a altura do ombro e do cóbado sentados, que se empregaron para calcular as “dimensións ideais” de cadeiras e pupitres. Esta asignación levouse a cabo tamén, apuntan, “co método tradicional”, tomando como punto de partida a altura do estudantado, o que lles permitiu constatar a ineficacia deste criterio para definir o tamaño de mobiliario adecuado. Concretamente, a análise realizada amosou que as asimetrías respecto dos tamaños que precisaría cada estudante e os que se se lles asignarían empregando este criterio eran superiores ao 70% na mostra avaliada, porcentaxe que alcanzaría o 100% nalgúns dos niveis educativos analizados.

Falta de correspondencias no catálogo europeo

Do mesmo xeito, tampouco resultaría unha estratexia efectiva empregar a altura poplítea, que mide a distancia entre o chan e os xeonllos, para logo asignar os pupitres en función do tamaño da cadeira, segundo os resultados deste estudo. De feito, este traballo permitiu o grupo iObserving constatar un aspecto que xa detectaran en investigacións previas, os desaxustes na “correspondencia entre cadeiras e mesas” recollidas no catálogo de referencia da Unión Europea, que identifica con diferentes cores oito tamaños de mobiliario, entre os que habería “unha correspondencia entre cadeira e mesa”. Non obstante, explica Prieto, os resultados deste estudo amosan unhas “porcentaxes de  desaxuste bastante grandes”, xa que en máis do 50% dos casos analizados “ao estudante que lle corresponde a cadeira dunha cor, non lle correspondería unha mesa desa mesma cor”.  Esta porcentaxe, engade, “aumenta a máis do 70% cando se utilizou a altura do alumno como único criterio para asignar o mobiliario”, o que lévaos a incidir na necesidade dunha valoración antropométrica que teña en conta proporcións corporais como a lonxitude do tronco e dos brazos. “Ao final, tes que realizar cando menos tres medicións para saber cal é a mesa e a cadeira apropiada”, conclúe.

Por outra banda, a investigación buscaba tamén detectar posibles diferencias nas necesidades de mobiliario entre a poboación escolar de Galicia e Portugal, un aspecto no que non se rexistraron “grandes diferencias”, recoñece Prieto.  

Tampouco valería asignar tamaños por curso

Igualmente, a “importante variabilidade nas dimensións antropométricas do alumnado”, tampouco permite empregar o curso académico como criterio para asignar un mobiliario de maior ou menor altura. De feito, os resultados desta investigación amosan que precisaríanse “cando menos dous tamaños diferentes de cadeiras e escritorios” por nivel educativo, chegando a ser precisos nalgúns dos cursos “ata catro tamaños diferentes”. De feito, o equipo investigador constatou neste estudo que o uso de dous tamaños de mobiliario nun mesmo curso permitiría sentar correctamente a máis do 70% do alumnado. 

Nese senso, os autores e autoras deste artigo advirten de que unha “estandarización baseada no grao académico” podería xerar “un desaxuste significativo entre as necesidades ergonómicas e o mobiliario dispoñible”. Isto lévaos a pór de relevo “a necesidade dun mobiliario máis adaptable e personalizado”, como cadeiras e escritorios cunha altura axustable, mais tamén que ter en consideración diferentes medidas antropométricas permitirá non só “garantir unha postura ergonómica adecuada”, senón tamén “previr problemas posturais e de saúde a longo prazo”. Como recoñece Prieto, é preciso “facer unha valoración para poder ter perfectamente sentados aos estudantes”, ben sexa a través do uso de antropómetros ou doutras ferramentas, como o sistema TAIS/TAIM desenvolvido polo grupo iObserving.