DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Ana Abad é autora da obra gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria

O teatro como canle para homenaxear a mulleres que “abriron unha fenda de luz no medio da escuridade”

Centra a súa tese na construción dunha “figura comunicativa a partir do adestramento actoral”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Teatro
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/02/2021

“Constitúe unha homenaxe escénica libre, poética, a unha muller que, como tantas outras ao longo da historia, abriu unha fenda de luz no medio da escuridade”. Deste xeito presenta a actriz, dramaturga, xornalista e alumna de doutoramento da Universidade de Vigo Ana Abad de Larriva Un biolo na noite, a obra pola que foi recoñecida como gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria, promovido polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad). Baseado en feitos reais, o texto pretende pór en valor a figura de María, nai do último alcalde republicano de Tui, Guillermo Vicente Santiago, quen logo do golpe franquista viviu, durante catro anos agochado nun furado na adega da casa da súa nai, onde morreu enfermo de tuberculose.

“Coñecera a súa historia a través do meu pai, o historiador Xoán Carlos Abad Gallego, e o seu libro Cen personaxes en torno a unha guerra, e conmovérame moito”, salienta a gañadora deste premio, alumna do programa de doutoramento en Comunicación. “Chamárame moito a atención todo o sacrificio desenvolvido por María, facendo tantos quilómetros para mercarlle as medicinas ao fillo ou para vender roscas nas feiras; aguantando as visitas, os interrogatorios e a dor ver o propio fillo irse pouco a pouco naquelas terribles circunstancias”, engade Abad de Larriva, que retrata na súa obra todos os esforzos que a protagonista realizou durante anos para conseguir os medicamentos que precisaba seu fillo, quen finalmente faleceu e tivo que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias. 

Teatro par dar luz a “feitos silenciados”

“Quixen escribir unha peza que afondase na dor e na angustia caladas, mesmo levadas á tumba, de tantas mulleres durante a represión franquista”, salienta Abad, que recoñece que “o universo feminino está sempre moi presente nas miñas creacións, especialmente mulleres que están nas marxes da visibilidade, do recoñecemento social”.

O dramaturgo Ernesto Is, a directora de escena Irene Moreira e a escritora e xornalista Eva Mejuto integraron o xurado deste premio, que destacou de Un biolo na noite “a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas, á vez e o emprego dos recursos teatrais, que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”, segundo recolleu a Deputación. Abad, que en 2019 xa acadara o Premio Vidal Bolaño de textos teatrais por A sombra das árbores, recoñece recibir con “moita alegría e moita ilusión” un premio que, segundo informou a Deputación, “naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á memoria histórica a través de novos formatos e linguaxe” e cuxa entrega estaba inicialmente prevista para este mes de febreiro. Nese senso, a autora destaca a oportunidade que este certame achega á hora de “pór en valor a memoria e sacar á luz historias, persoas e feitos silenciados ou non o suficientemente abordados, e ademais apostando polo teatro como medio de comunicacion directa”.

Investigación tamén ligada ao teatro

Titulada en Arte Dramática pola ESAD e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Abad de Larriva, que é subdirectora da Revista Galega de Teatro Erregueté, vincula tamén co mundo escénico o labor investigador que desenvolve como alumna do doutoramento en Comunicación. “Centro a miña investigación na teoría e na práctica teatral e aplícoa ao eido da comunicación”, sinala da tese que desenvolve baixo a dirección da catedrática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Aurora García de a escritora e profesora da Esad Inma López Silva e na que aborda “a construción das bases da presenza dunha figura comunicativa a partir do adestramento actoral”. 

Aínda que a publicación de Un biolo na noite non está contemplada nas bases do certame, Abad recoñece o seu desexo tanto de que a obra poida editarse nun futuro como de que o texto premiado pase a representarse sobre un escenario. "Esta é a maior ilusión. Dicía Federico García Lorca que o teatro é poesía que se levanta do libro e se fai humana", sinala. Nese senso, tanto a Deputación como a Esad manifestaron, cando fixeron público o fallo, que “estudarán a posibilidade de levar a peza premiada á escena tan pronto como sexa posible”.