DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos dous proxectos promovidos por investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

Teatro para formar as familias en seguridade acuática e exercicio que una a nenos, adolescentes e maiores, novas propostas do plan Corresponsables

‘Desafógate’ e ‘Cos Avós’ reunirán centos de persoas de diferentes idades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Saúde
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 17/02/2023

Promover a convivencia entre escolares de primaria, estudantes de secundaria e persoas maiores a través da práctica conxunta de exercicio físico e formar a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e ás súas familias en seguridade acuática e reanimación cardiopulmonar a través dunha obra de teatro. Estes son os eixos dos proxectos que dous grupos de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte porán en marcha nas próximas semanas ao abeiro do plan Corresponsables, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas e que ten como obxectivo promocionar a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con menores de 16 anos.

Centos de persoas de diferentes idades participarán nas próximas semanas nestas dúas iniciativas, coordinadas desde a facultade pontevedresa. Por unha banda, entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo desenvolveranse as actividades do “proxecto interxeracional” do grupo HealthyFit Cos Avós, no que participarán usuarios e usuarias do centrosociosanitario Saraiva Sénior, de Pontevedra, da residencia viguesa El Rocío, da Fundación San Rosendo, e do programa de actividade física para maiores do Concello de Sanxenxo, que compartirán sesións de xogos e exercicio con diferentes grupos de estudantes de colexios e institutos da súa contorna. Por outra banda, entre o 10 e o 20 de marzo, Pontevedra, Vigo, Marín, Soutomaior, Ourense, Ponteareas, Meis, Forcarei e Moaña acollerán as representacións da obra teatral creada pola actriz e contacontos Raquel Queizás para o proxecto Desafógate. Unha aventura acuática, do grupo Remoss. Abertas a un máximo de 50 persoas, con inscrición previa, este espectáculo vese complementado polo conto que se lle regalará aos e ás asistentes e por unha serie de pílulas audiovisuais. 

Unha obra de teatro pioneira, dirixida a previr afogamentos

Como unha “actividade familiar que fomenta a prevención do afogamento infantil e as condutas seguras no medio acuático”, presenta Desafógate o coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala. Xunto a outras accións, este proxecto implicou a creación dunha obra de teatro, dirixida a “ensinar ás familias a coñecer os riscos das contornas acuáticas”, tanto o mar e os ríos, como as piscinas. “En España, nunca se fixera unha obra de prevención do afogamento e ensinanza da RCP, e menos dirixida a un público familiar”, destaca Barcala do carácter novidoso do proxecto que coordina xunto coa profesora Begoña Paz e no que tamén participan os docentes Cristina Varela, Oswaldo García e Roi Fernández.

“Entendemos que unha obra de teatro é un recurso moi directo e empático, polo que pode resultar un espazo de aprendizaxe moi interesante”, sinala Paz dunha obra “que se fundamenta no protocolo de prevención do afogamento”. A través da historia de Lis, a monicreque protagonista, nenos e nenas poderán coñecer aspectos sobre seguridade na praia, para logo saber “que deben facer se ven alguén na auga que puidera esta afogando” e finalmente saber como se realiza a RCP. Farano, como explica Raquel Queizás, a través dunha obra na que “a parte didáctica envólvese nunha historia” que narra a “a aventura dunha nena que quere aprender a nadar e que pensa que nunca o vai conseguir”. Nese senso, o espectáculo pon tamén o foco en como ter “confianza nun mesmo e gañas de mellorarse nos momentos nos que pensas en tirar a toalla”, á vez que forma a nenos e nenas, pero tamén ás persoas acompañantes, tendo en conta o importante papel das familias na prevención de afogamentos. De feito, un estudo publicado recentemente polo grupo Remoss amosaba que a maioría dos episodios de afogamentos sufridos en Galicia por nenos e nenas tiveran lugar en instalacións como piscinas particulares, tendo como principal causa a falta de supervisión.

Axudar a reducir os afogamentos a través da prevención e a educación é o obxectivo dunha “obra pedagóxica e interactiva”, como destaca Barcala, na que ao longo da trama vanse trasladando aos espectadores unha serie de preguntas, relacionadas co protocolo de afogamento, que deberán responder levantando unhas cartolinas. Deste xeito, trátase dun proxecto que leva aparellado un “proceso de investigación” e no que a obra verase complementada á súa vez por un breve taller de RCP básica.

A obra estrearase o 10 de marzo na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, para logo percorrer nove concellos nun conxunto de representacións abertas a un máximo de 25 nenos e nenas e 25 acompañantes. Concretamente, entre o 12 e 20 de marzo poderá verse no Museo Manuel Torres e no CEIP Plurilingüe San Narciso, de Marín, no CEIP Plurilingüe Frián-Teis e no auditorio de Teis, en Vigo; no Multiusos de Arcade; no CEIP Virxe de Covadonga de Ourense; no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, no multiusos de Mosteiro; no centro social de Forcarei e no CEIP Moaña. En todos os casos, trátase de funcións fóra do horario escolar nas que nenos e nenas recibirán como agasallo o conto deseñado no marco deste proxecto, no que, tamén con Lis como protagonista, preséntase outra historia relacionada coa seguridade acuática que “dá continuidade á propia obra”, como explica Paz. Ademais, Desafógate tamén abrangue o deseño dunha serie de “pílulas audiovisuais”, protagonizadas por Lis e Queizás e centradas tamén no protocolo de prevención do afogamento. 

Convivencia e exercicio que reúnen maiores, nenos e adolescentes

Como “un programa de exercicio físico e saúde interxeracional” presenta o coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, o proxecto Cos Avós, que reunirá nenos e nenas, adolescentes e maiores de 65 anos na práctica conxunta da actividade física. Co obxectivo de que compartan experiencias “que beneficien a ambos colectivos”, o proxecto abrangue unha serie de encontros nos que participarán tanto usuarios e usuarias de centros e servizos sociosanitarios como estudantes de colexios e institutos de Pontevedra, Vigo e Sanxenxo. 

Ao longo de dúas semanas, as e os participantes neste “proxecto interxeracional” desenvolverán conxuntamente unha serie de actividades físicas que, por unha banda, “fomenten a estimulación cognitiva e o desenvolvemento da capacidade funcional e física” dos maiores, á vez que promoven “a cooperación e colaboración”, e que se desenvolverán de xeito simultáneo nas tres localidades. Trátase, como explica Cancela, dun conxunto de actividades estruturas en catro áreas temáticas, que tentarán desenvolverse, na medida do posible, “na rúa ou nunha contorna natural”. Por unha banda, promoveranse iniciativas de “exercicio físico-cognitivo” que implicarán, por exemplo, a “toma de decisións” a través do xogo, e levaranse a cabo diferentes xogos colectivos nos que se promove a colaboración. Así mesmo, tamén está previsto o desenvolvemento de conversas centradas en “historias de vida deportiva”, nas que mozos e nenos poidan coñecer dos maiores “que deportes practicaban e como evolucionaron”, así como a realización de “rutas cardiosaudables” na contorna dos centros. 

En todos os casos, tratarase de exercicios adaptados ás características das e dos maiores participantes, tendo en conta ademais que o proxecto contará coa participación de 80 dos participantes do programa de actividade física do servizo de deportes de Sanxenxo, que son “persoas completamente independentes”, mentres que no caso dos usuarios sociosanitarios, trátase de persoas “que poden facer determinadas actividades de forma autónoma e outras non”, como lembra Cancela. Así mesmo, os protocolos sanitarios que manteñen os centros da terceira idade motivan tamén que no caso de Saraiva Sénior e El Rocío, esta iniciativa se leve a cabo en “grupos máis reducidos”, de tal xeito que se en Sanxenxo está previsto que cada día participen preto de 25 nenos ou mozos, no caso de Pontevedra e Vigo, as actividades reunirán, en conxunto, preto de 20 persoas cada día.

Grazas á participación dos centros educativos da contorna está previsto que a cada xornada asista un grupo diferente de nenos e mozos en cada unha das sedes, de tal xeito que Cos Avós sumará, ao longo das súas dez xornadas, a participación de varios centos de menores de 16 anos. Deste xeito, como lembra Cancela, pretende ser “un proxecto de cooperación e integración”, que contribúa a amosar o “envellecemento desde unha perspectiva positiva”, mostrando que as e os maiores “son xente útil, que pode achegar moitas cousas”. Á súa vez, busca tanto fomentar nos nenos e mozos “sentimentos de axuda e cooperación”, como pór o foco na importancia dos “hábitos de vida saudables”, á vez que contribúe, no caso dos maiores, a “aumentar a súa autoestima”, reducir “situacións de soidade e illamento”, ofrecéndolles oportunidades de aprendizaxe que favorecen un “envellecemento activo”. De feito, co obxectivo de afondar nos posibles beneficios deste programa interxeneracional, o grupo HealthyFit realizará unha serie de probas avaliación ás e aos maiores participantes, que permitan coñecer se as actividades xeraron melloras tanto na súa condición física, como nos seus niveis de autoestima e benestar psicolóxico.

Plan Corresponsables

Estes dous proxectos súmanse ás actividades impulsadas desde a Área de Benestar, Saúde e Deportes na segunda quenda do Plan Corresponsables, que se enmarca nun convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as universidades galegas e que ten como obxectivo promocionar a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con menores de 16 anos. Priorizando as fillas e fillos pertencentes a familias monomarentais, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados; así como fillas e fillos de persoas da comunidade universitaria, neste plan englóbanse actividades de animación sociodeportiva, xunto con accións formativas de hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo ou igualdade no deporte, entre outros temas de interese.