DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto do grupo En.Edi da UVigo e o centro tecnolóxico Leartiker

Tecnoloxía galega e vasca moderniza a pesca costeira do bonito

Desenvolvéronse solucións para reducir o esforzo dos pescadores e mellorar a eficiencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 16/03/2026

O grupo de investigación de Enxeñería Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, xunto co centro tecnolóxico vasco Leartiker, especializado en tecnoloxía de polímeros, acaban de presentar os resultados finais do proxecto Tics-Bonito, Tecnoloxías intelixentes para a pesca sostible do bonito, un traballo no que achegan toda unha serie de solucións tecnolóxicas que permiten reducir o esforzo dos pescadores e mellorar a eficiencia dun proceso de pesca moi arraigado, realizado sen cambios a longo de décadas de actividade por embarcacións de toda a costa cantábrica, con “movementos” e “ferramentas” moi estudados e optimizados durante décadas de “saber facer” pola xente do mar. 

Os investigadores do grupo En.Edi da UVigo, co profesor Julio Garrido como líder, desenvolveron diferentes propostas de soporte para as canas empregadas na pesca costeira co propósito de introducir distintos niveis de automatización e axuda ergonómica que redundan na mellora das condicións de traballo dos pescadores e na eficiencia do proceso. Se ben a pesca costeira é en si unha arte moi respectuosa coa contorna, dado que se trata dunha actividade selectiva, onde se recolle unha a unha as pezas de bonito, sen afectar a outras especies e eliminando descartes, este  proxecto, foi quen de achegar melloras que fan esta modalidade máis atractiva e segura, tanto para armadores como para o persoal de abordo. 

No caso do equipo de Leartiker, liderados por Branca Lekube, foron os encargados de obxectivar a pesca de altura de túnidos no Atlántico e o Índico, e de desenvolver un Dispositivo Concentrador de Peixes (DCP ou FAD na súa terminoloxía inglesa) a partir de polímeros biodegradables que permitan reducir o impacto ambiental dos materiais plásticos utilizados actualmente. 

En colaboración coa confraría de Getaria, no País Vasco

Desde a posta en marcha do proxecto considerouse esencial contar coa opinión dos futuros usuarios e non facer nada que eles e elas non visualizasen favorablemente con antelación, polo que se mantiveron diversas reunións cos responsables da confraría de Getaria, principal porto pesqueiro cantábrico desta modalidade pesqueira, que foron modulando o proceso de deseño dos prototipos, consistentes, principalmente, en cadanseu sistema de soporte das canas empregadas neste tipo arte. 

Segundo explica o equipo investigador da UVigo, nesta modalidade de pesca empréganse canas de 5 e 6 metros de longo, sen carrete, cuxo manexo supón un esforzo considerable por parte dos pescadores, polo que supoñía un importante reto  achegar melloras tecnolóxicas que facilitasen este proceso. 

Os novos prototipos testaranse na costeira de xuño

Os prototipos desenvoltos foron sometidos a unha primeira avaliación durante o mes de febreiro por membros da confraría e embarcacións de Getaria. As probas realizáronse nun dos barcos da costeira, para o que se desprazaron ata alí tanto os prototipos como os membros do grupo En.Edi e de Leartiker. Como resultado, validáronse satisfactoriamente en porto os prototipos (dado que unha veda impide a saída), e os responsables da confraría decidiron acometer o seguinte paso de probalos durante a costeira desta tempada, xa en situacións totalmente reais, no vindeiro mes de xuño.

Ante a escasa caracterización científica do comportamento do bonito tras a picada, estas probas permitirán abordar un mellor modelado deste comportamento, a través de rexistro dixital dos datos de cada captura. Isto debería contribuír a unha optimización do proceso de detección de picada e izado, que poderán ser ademais empregados para a optimización de procesos similares como o de pesca automática con carrete.

As xornadas de transferencia desenvolvidas paralelamente en Markina e Vigo presentaron ambos os  dous resultados. Por parte dos prototipos dos FAD resultantes están a ser avaliados na batea de Mutriku (País Vasco) e  tamén serán validados en condicións reais proximamente. 

Colaboración empresarial

Nesta xornada de transferencia, levada a cabo na sede da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo as persoas asistentes puideron observar in situ o funcionamento dos prototipos desenvolvidos, do que xa teñen vídeos dispoñibles na súa web. Xunto a algúns dos membros do grupo En.Edi involucrados no proxecto (Enrique Riveiro, Uxía Pérez, Paula Gil, Diego Silva e Julio Garrido), participaron tamén algunhas das empresas que veñen regularmente apoiando ao grupo no desenvolvemento dos seus proxectos, como Esypro, Ibercisa, Vicalsa, sendo estas últimas, ademais, as empresas encargadas de desenvolver os de equipos de cuberta.

Financiado con case 300.000 euros

Financiado con case 300.000 euros, este proxecto enmárcase no programa Pleamar, impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O obxectivo era optimizar as artes de pesca do bonito e outros túnidos mediante o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas que promovan un maior respecto polo medio mariño, centrándose en dúas vertentes principais: a pesca costeira e a pesca de altura de túnidos.