Investigadores da Facultade de Comunicación participan en Polonia na conferencia da asociación Circo
Televisións rexionais de 30 países coñecen o estudo sobre como se están a adaptar á dixitalización que leva a cabo a UVigo
No marco da Cátedra Circom-UVigo
Persoal directivo de preto de 250 televisións dunha trintena de países reúnese nestes días na cidade polaca de Poznan, na 40 edición da conferencia anual da Asociación Europea de Televisións Rexionais (Circom), que a finais de 2023 asinaba coa UVigo o convenio para a creación da primeira cátedra que promoven cunha universidade europea. Este acordo tiña como obxectivo central o desenvolvemento dun estudo sobre o nivel de adaptación das emisoras rexionais públicas ao proceso de transformación dixital, labor que están a levar a cabo investigadores e investigadoras da Facultade de Comunicación e cuxos primeiros resultados foron presentados este venres na segunda xornada deste evento. O director académico da Cátedra Circom-UVigo, Xosé Rúas, e a investigadora Talia Rodríguez foron os encargados de presentar o traballo de realización de enquisas e entrevistas a directivos e directivas de emisoras de diferentes países que se está a levar a cabo co obxectivo de coñecer o labor que realizan nos eidos da innovación e dixitalización.
Na segunda xornada desta conferencia os investigadores da UVigo presentaron os traballos realizados ata o de agora no marco dunha cátedra que xa deu lugar “a varias publicacións académicas en libros e revistas indexadas”, así como á participación “en varios congresos nacionais e internacionais”, como apunta Rúas. O director académico da cátedra encargouse de presentar as enquisas e entrevistas por videconferencia que están a levar a cabo para coñecer “como se adaptan á innovación e á contorna dixital” diferentes televisións integradas en Circom, asociación nas que están representadas, entre outras, a CRTVG e televisións corporacións autonómicas españolas.
Este estudo, que dará lugar “a un informe interno que presentaremos en outubro”, abordará tamén outra serie de cuestións, como o labor que levan a cabo en materia de loita contra a desinformación e a iniciativas referidas “á identidade cultural e lingüística” destas emisoras públicas, definidas tamén polo seu carácter de proximidade. Outra das cuestións que se busca coñecer, explicou o investigador, é cales son os programas de máxima audiencia nas diferentes franxas horarias e en que medida estes xeran unha interacción entre espectadores nas redes sociais. Alén dos obxectivos do estudo, as e os participantes nesta conferencia puideron coñecer tamén un “primeiro avance de resultados”, realizado por Rodríguez Martelo, que permitiu pór de relevo a existencia de “distintos ritmos na adaptación á contorna dixital”.
Unha iniciativa pioneira á que buscarán dar continuidade
Como lembra Rúas, a Universidade de Vigo é a primeira universidade europea que promove unha cátedra con esta asociación, que permite afondar nun campo pouco analizado ata o de agora. “Si que hai moitas investigacións sobre medios nacionais, pero non sobre televisións públicas de carácter rexional”, subliña este investigador. De aí que sinlae como obxectivos as futuros tanto renovar a cátedra como tratar de impulsar “unha rede de investigación e colaboración”, na que participante tanto universidades como televisións de diferentes países europeos. O “primeiro paso”, sinala, será tratar de levar a cabo “un libro colectivo con achegas de profesionais e académicos”, que permita afondar neste ámbito de estudo, á vez que promover “sinerxías entre o mundo profesional e o investigador”.