DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo

O tempo na biblioteca do campus convértense en diñeiro para Ucraína

Empresas e entidades colaboradoras doarán un euro por cada hora rexistrada polos seus usuarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 09/03/2023

Desde o pasado 24 de febreiro e ata o 24 de marzo, 140 salas de estudo e lectura de 33 provincias españolas participan na XIX edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, organizada por Coopera ONG. Entre elas está un ano máis a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Con esta iniciativa, as horas de estudo neste centro transformaranse en diñeiro solidario para proxectos de cooperación, neste caso para Ucraína.

A Olimpíada, lembran desde a súa organización, é unha actividade de sensibilización xuvenil cunha traxectoria de 19 anos que aúna estudo e solidaridade e a través da cal xuventude e empresas poden participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Para participar, as e os usuarios da biblioteca do campus, ao igual que os dos demais centros participantes, só teñen que seguir uns pequenos pasos: ao rematar as súas horas de estudo ou lectura escanear o código QR dos carteis da olimpíada que están na súa entrada e rexistrar as horas realizadas. Cada hora será transformada nun euro polas entidades patrocinadoras, diñeiro que a organización destinará a financiar o proxecto de cooperación elixido. Desde a Oficina de Voluntariado do campus animan ás persoas usuarias da biblioteca a participar nesta iniciativa, que non lles supón ningún custe económico pero que contribúe a axudar a nenas e nenos que están nunha situación difícil.    

Un proxecto de cooperación de 420.000 euros

Este ano, indican desde Coopera, a prioridade son as familias de Ucraína afectadas pola guerra con Rusia. Así, a Olimpíada arrancou o 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do estalido deste conflito, coa idea de “non esquecérmonos que a solidariedade é un vínculo que nos une entre pobos, países e persoas”. As horas solidarias de estudo nesta edición irán en beneficio de máis de 29.700 persoas de tres zonas de Ucraína nas que un equipo de Coopera ONG e ONG Rescate están traballando actualmente, como son Kiev, Ivano-Frakivsk e Zakarpattia. O obxectivo é a reconstrución e busca de aloxamento digno, atención psicolóxica a nenos e nenas en idade escolar e familias e proporcionar materiais de refuxio, calefacción e medios de transporte escolar. Trátase dun proxecto de cooperación valorado en 420.000 euros.

“Cada hora de estudo é un euro que dará esperanza a miles de persoas, moitos mozos estudando e empresas e entidades apoiando farán que eses euros medren para que poidamos cumprir o noso obxectivo”, sinalan desde a organización, recalcando asemade como “entre todos conseguiremos axudar ás vítimas da guerra”. As persoas que non poidan acudir ás salas de estudo habilitadas, neste caso a biblioteca do campus, tamén dispoñen na web do proxecto dunha sala 0 de doazón na que pode facer unha achega económica que irá destinada á axuda humanitaria en Ucraína.