DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A maxistrada María Emilia Casas impartiu a conferencia de clausura do curso de negociación colectiva

Temporalidade e remuneracións, principais retos da negociación colectiva trala pandemia

A terceira edición desta actividade desenvolveuse de xeito virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/12/2020

Preto de 25 alumnos e alumnas, entre os que se atopaban tanto estudantado de Dereito e Relacións Laborais, como profesionais e representantes de organizacións sindicais e empresariais participaron na tarde deste xoves na “entrega de diplomas virtual” coa que se puña peche á terceira edición do Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral. Promovido polo Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), este curso de 70 horas, que neste 2020 tivo que desenvolverse de xeito virtual, ten como obxecto mellorar a formación dos diferentes axentes participantes nos procesos de negociación colectiva, “a peza esencial do noso modelo de relacións laborais”, como salientou María Emilia Casas. A ex-presidenta do Tribunal Constitucional e catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense impartiu a conferencia de clausura deste curso dirixido polo catedrático Jaime Cabeza e a profesora Emma Rodríguez; un relatorio no que puxo o foco en dous aspectos que serán, ao seu xuízo, “centrais” na negociación colectiva trala pandemia, “as retribucións e a temporalidade do emprego”.

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, Jaime Cabeza e a presidenta en funcións do CGRL, Marisa Peña, abriron esta acto pondo en valor a traxectoria de Casas, recoñecida en 2018 coa Medalla de Ouro de Galicia, como lembrou Soto. O co-director do curso definiu á conferenciante como “unha das voces máis importantes que cómpre escoitar para entender o dereito do traballo”, salientando tanto a súa traxectoria no Tribunal Constitucional como académica. Tralo relatorio, a clausura completouse coas intervencións de Elena Mancha, secretaria xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia; Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia; Miguel Anxo Malvido, secretario confederal de Institucional da CIG; José Carlos Rodríguez, secretario de Política Institucional de UGT-Galicia, e José Antonio Neira Cortés, secretario xeral da CEG.

Igualdade e non discriminación 

“A covid-19 chegou cando aínda non saíramos da crise anterior, aínda que si estabamos nun quinquenio de recuperación non moi notable”, salientou Casas, presidenta da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. A maxistrada sinalou que diferentes analistas advirten que na negociación colectiva “despois da pandemia” poden producirse “tensións importantes nas cláusulas de revisións salariais”, así como que se recorra de novo aos “descolgues” dos convenios. “É dicir, que non vai ser fácil para a negociación colectiva”, sinalou Casas que, partindo deste contexto, centrou a súa conferencia na forza vinculante dos convenios e máis concretamente en como o marco xurídico pode garantir esta no caso dos convenios non estatutarios, de eficacia limitada. 

Nesta análise, na que tomou como punto de partida a Constitución e os dereitos fundamentais á igualdade e a non discriminación recollidos nesta, Casas afondou a “situación do ordenamento xurídico nuns puntos que poden ser centrais nos vindeiros meses”, como son as retribucións e a temporalidade do emprego. A que foi a primeira presidenta do Tribunal Constitucional lembrou que os “tres grupos de poboación laboral máis afectados” pola crise provocada pola covid-19 son as e os menores de 24 anos, as mulleres e os traballadores pouco cualificados, para logo abordar, a través da análise de diferentes sentencias, como se garanten no eido laboral eses dereitos. “O problema da igualdade é que hai un campo de acción, que é o retributivo, que ten unha tradución moi concreta no que se chaman os fenómenos de dobre escala salarial que pode aparecer como unha técnica de flexibilidade interna pos-covid e hai que tratala cos instrumentos que temos, que son os que proporciona a xurisprudencia constitucional”, subliñou a maxistrada.

O peche a unha edición marcada pola  covid-19

A pandemia converteu neste 2020 en virtual un curso que combinaba a formación telemática coas sesións presenciais no campus de Pontevedra. “Decidimos facelo virtual, porque o noso alumnado e profesorado provén de diferentes partes de Galicia”, explica Rodríguez da modificación obrigada que viviu unha formación na que participaron desde setembro unha vintena de docentes, tanto profesorado de diferentes universidades como profesionais da avogacía e da inspección de traballo. Con contidos teóricos e prácticos, o curso abordou aspectos como a concertación social, os procedementos de negociación, a interpretación e aplicación dos convenios, os acordos extraxudiciais de resolución de conflitos, as técnicas de negociación, a comunicación e a intelixencia emocional.

Como alumnos e alumnas, o curso reuniu delegados sindicais, membros de comités, avogados e outra serie de profesionais, xunto con alumnado universitario, “que estase interesando por todo o que supón achegarse á realidade da negociación colectiva e o papel fundamental que xa tiña e que vai ter a partir de agora”, salientou Rodríguez. Nese senso, a co-directora do curso puxo en valor o interese e a implicación de profesorado e alumnado cunha actividade que puido desenvolver os seus contidos “con normalidade, adaptándoos ás novas realidades que trouxo a pandemia, que foron moitas na negociación colectiva”. Unha delas, lembra Rodríguez, o feito de que “moitas mediacións e mesas de negociación” teñan que levarse a cabo de xeito virtual, aspecto no que o propio curso supuxo tamén “unha aprendizaxe simultánea” para os diferentes axentes.