DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata agora, son sete as facultades, escolas e centros de investigación que acadaron a distinción

A terceira edición do Distintivo de Igualdade busca estender este recoñecemento a máis centros dos tres campus

As candidaturas poden presentarse ata o 9 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/10/2022

Despois dunha experiencia piloto en 2021 na que se seleccionou á Facultade de Filoloxía e Tradución e dunha segunda convocatoria máis aberta o ano pasado, a Unidade de Igualdade lanza unha nova edición do Distintivo de Igualdade, unha iniciativa que busca recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido.

O obxectivo é seguir estendendo a rede de centros que nos tres campus gozan deste recoñecemento, que actualmente está formada pola FFT, o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, destaca que o distintivo constitúe “un modo de visibilizar, recoñecer e promocionar todas as accións pola igualdade que se están a desenvolver en todos os centros nunha Universidade coma a nosa, distinguida polo compromiso e a larga traxectoria no desenvolvemento de políticas públicas de igualdade de cara a promoción do incremento da excelencia e calidade académica”. 

O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de 6 anos e os centros que acaden a puntuación esixida para obtelo, recibirán un vinilo para situar nunha visible do edificio, “un recoñecemento simbólico, que sirve para prestixiar o labor do centro e facelo máis atractivo, se cabe para o alumnado e o persoal”, así como como unha achega de 3000 euros que se deberán destinar a desenvolver novas políticas de xénero. Esta contía é, segundo Águeda Gómez, “unha axuda para impulsar algunhas accións máis e para facilitar aos equipo directivos e decanais as iniciativas neste ámbito que no centro contemplen ou podan xurdir”.

Os centros interesados en participar neste convocatoria poden presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 9 de decembro

Como acadar o Distintivo de Igualdade

O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de 6 anos e outórgase a todos os centros que superan o límite de 80 puntos atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos plans de estudo das titulacións e as liñas de investigación e de transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero que forman parte da facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo; a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero;  o grao de composición paritaria dos órganos de goberno electos e de libre designación da facultade, escola ou centro; o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna; os programas e políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas promovidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade entre o PDI, o PAS e o alumnado do centro ou calquera outra actividade ou acción innovadoras desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.