DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Telling Truths: Evelyn Conlon and the Task of Writing' foi publicado pola editorial Peter Lang

Teresa Caneda edita o primeiro estudo crítico dedicado na súa totalidade á obra da escritora irlandesa Evelyn Conlon

O volume foi presentado nun acto celebrado en Dublín 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/04/2023

É unha das escritoras máis recoñecidas en Irlanda. A súa obra está traducida ao francés, italiano, chinés e tamil. Pertence a unha xeración de mulleres, convertidas hoxe en referente, que nas décadas de 1970 e 1980 se uniron para rexeitar as imposicións e o papel pasivo de símbolos, no contexto dunha cultura nacional ditaminada en grande maneira polas institucións do Estado e a Igrexa. “Evelyn Conlon ten publicadas catro coleccións de relatos e catro novelas, ademais de numerosos ensaios e colaboracións para a prensa e a radio irlandesa, destacando tamén o seu labor de editora dunha antoloxía de textos encargados para conmemorar os 30 anos do atentado terrorista de maio de 1974, na cidade de Monaghan (a súa cidade natal), moi cerca da fronteira con Irlanda do Norte, no mesmo día en que outras dúas bombas explotaban case ao unísono en Dublín”, detalla a docente e investigadora do Departamento de Inglés, Francés e Alemán da UVigo Teresa Caneda Cabrera. A investigadora principal do proxecto Intruths 2 é a editora de Telling Truths: Evelyn Conlon and the Task of Writing, o primeiro estudo crítico dedicado na súa totalidade á obra da escritora irlandesa e ao que Caneda, ademais de encargarse da edición, achega un capítulo.

“Na escrita de Conlon prodúcese unha converxencia natural de poética e política, unha converxencia que reflicte ademais a súa traxectoria vital como muller e como activista na que o compromiso coa ‘tarefa de escribir’  é sobre todo un exercicio ético en torno á busca de verdades que revelar e sobre as que falar”, explica a editora sobre a escritora irlandesa, autora das coleccións de relatos My Head is Opening (1987), Taking Scarlet as a Real Color (1993), Telling: New and Selected Short Stories (2000) e Moving about the Place (2021) e as novelas Stars in the Daytime (1989), A Glassful of Letters (1998), Skin of Dreams (2003) e Not the Same Sky (2013)  .

Un elenco de expertas e expertos internacionais para abordar a obra de Conlon

Escribir en contra do normativo: mulleres e representación; Escribir e as relacións de poder: linguaxe e política; (Re) escribir o pasado: historia, memoria e trauma e Escribir e ética: in/xustizas son as catro seccións en torno ás que se estrutura o libro, publicado pola editorial Peter Lang,na súa serie especial Reimagining Ireland dedicada aos estudos irlandeses,  e que suma un total de dez capítulos e una entrevista final. “A entrevista foi concedida en exclusiva por Evelyn Conlon para esta publicación e foi realizada pola experta norteamericana en estudos irlandeses Paige Reynolds”, sinala Teresa Caneda. As e os autores dos capítulos do volume, son académicas como Margaret Kelleher da University College Dublin, experta na literatura da gran fame irlandesa, temática á que Conlon dedicou a súa última novela; a tradutora italiana Ira Torresi; a profesora polaca Izabella Curyllo-Klag; a norirlandesa Rebecca Pelan; a directora do programa de estudos de xénero en Bowdoin College (EE.UU.) Marilyn Reizbaum; o profesor da Universidade de Bologna, Patrick Leech; os escritores irlandeses Seán O’Reilly e Eilis Ní Dhuibhne e o escritor e profesor norteamericano Joseph Bathanti, que aborda o tratamento da experiencia na cadea e a pena de morte nas novelas de Conlon. 

“A variedade e complexidade da obra de Conlon esixiume atopar especialistas que a puideran abordar desde perspectivas críticas tan diversas como o feminismo, a ética, os dereitos humanos, os estudos sobre a gran fame irlandesa, así como sobre diáspora e emigración, a crítica sobre tradución e narratoloxía, e as teorías sobre memoria e trauma”, enumera Caneda, que asegura ser moi afortunada por poder contar con expertas e expertos internacionais que aceptaran embarcarse no proxecto con tanta seriedade e compromiso.

Presentación do volume en Dublín

Coa presenza da propia Evelyn Conlon, Telling Truths: Evelyn Conlon and the Task of Writing foi presentado en Dublín, nun acto que contou coa participación de destacados representantes da cultura irlandesa como as escritoras Lia Mills, Mary O’Donnell, Jean O’Brien, Anne Haverty, Annemarie Ní Churreáin e Eiléan Ní Chuilleanáin entre outras; o editor xeral de Reimagining Ireland, Eamon Maher; o compositor Ben Dwyer e a directora de cine Pat Murphy.

“O acto de presentación deste volume tamén contou coa presenza do embaixador de Irlanda en España e foi conducido por Michael Cronin (Trinity College) autor do prólogo, e Anne Fogarty (University College Dublin) que actuou como conferenciante invitada”, explica Caneda, que na súa intervención lembrou que foi grazas a unha estancia na University College Dublin durante o ano sabático do curso 2018-2019, como investigadora principal do seu primeiro proxecto de estudos irlandeses Intruths, cando deu inicio o traballo. “Foi importante volver a Dublín, onde todo comezou, para presentar o libro”, asegura a editora do volume, ao que un recente artigo do xornal The Irish Times, na súa sección de novidades bibliográficas, se referiu como "unha magnífica publicación sobre unha importante autora irlandesa".