DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación, de carácter anual, está dispoñible na rede para a súa consulta

O termalismo protagoniza un novo número da revista Redas

A iniciativa enmárcase na actividade do Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 19/01/2026

Xa está dispoñible en rede un novo número, o dez, da revista electrónica anual da Universidade de Vigo Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad. Seguindo na liña de anteriores entregas, nela especialistas do eido xurídico e académico afondan en diversos temas de actualidade arredor dos recursos hídricos, dedicando especial atención neste caso ao termalismo. 

Redas é unha revista anual posta en marcha no ano 2015 desde a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo no marco do proxecto de especialización, acreditado pola Xunta de Galicia, do campus de Ourense Campus Auga. Trátase dunha publicación especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional. Está dirixida por Roberto O. Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da UVigo, e a investigadora predoutoral Paula Gamallo e está coordinada por Sofía Salgado, da Universitat Rovira i Virgili. A iniciativa conta co apoio, entre outras entidades, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e participa no foro Ágora Termal. 

Do xurídico ao científico

Este número dez de Redas, correspondente ao ano 2025, conta con once traballos na sección materiais didácticos e divulgativos e un en bibliografía. A metade deles céntranse no ámbito do termalismo desde diferentes perspectivas. Tres deles teñen un enfoque xurídico e internacional, abordando Francesco Martines, da Universidade de Messina, o sector termal no contexto normativo italiano; Antonio Maniatis, da Academia da Mariña Mercante de Asprópyrgos, aspectos xurídicos clave dos modelos termais francés e grego, e Elisa Moreu, da Universidad de Zaragoza, o correspondente ao caso alemán. 

Outros traballos relacionados con este sector e realizados desde a Universidade de Vigo abordan as manifestacións xurídico-positivas da relación entre a balneoterapia e o dereito constitucional á protección da saúde, a cargo de Sofía Salgado, e os aspectos hidroxeológicos na definición de perímetros de protección de acuíferos termais fisurais do NW de España, a cargo de José Ángel Fernández, Pedro Araujo e Francisco Javier Rodríguez. Por último, o médico Álvaro de Castro (Consellería de Política Social e Benestar) fai neste novo número de Redas unha revisión bibliográfica sistemática da balneoterapia no tratamento de enfermidades dermatolóxicas. 

Moitos dos artigos desta temática corresponden a traballos presentados na Xornada divulgativa sobre réxime xurídico do termalismo en Europa, celebrada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense en xullo de 2025, organizadas polo foro Ágora Termal e patrocinadas pola Fundación Feiras e Exposicións de Ourense-Expourense.

Outras temáticas

Xa fóra do termalismo son varias as temáticas abordadas. Laura Presicce, da Universitat Oberta de Catalunya, analiza a prohibición municipal de “vapear” nas praias a raíz dunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña; Alba Lorenzo, da Universidade de Santiago de Compostela, afonda nos criterios do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en materia de tutela cautelar do medio ambiente; e María Fuensanta, da Universidad de Murcia, aborda as dificultades inherentes á regresión inxustificada na protección do patrimonio natural, collendo como caso de interese o complexo turístico, de saúde, paisaxístico e de servizos Marina Isla de Valdecañas. 

Por último, Jaime Magallón, da Universidad de Zaragoza, presenta un traballo sobre o protagonismo do Consello de Estado Francés para a consecución dos obxectivos climáticos e a senda xurisprudencial de posible consolidación no próximo asunto Grande-Synthe; e Álvaro Martín, da Universitat Rovira i Virgili, outro sobre o concepto de residuo e valorización na xurisprudencia española. Tamén desta última universidade Endrius Cocciolo presenta un artigo sobre resolucións que clarifican aspectos esenciais do réxime de avaliación de impacto ambiental e participación pública en proxectos eólicos en España.