DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada por Carlos Miguel Ferreira Marinho

Unha tese aborda o papel do profesorado-titor de aula en Portugal

Nela destaca como as tarefas burocráticas dificultan a súa misión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 12/11/2020

O papel do profesorado-titor de aula en Portugal foi o tema escollido por Carlos Miguel Ferreira Marinho para a súa tese de doutoramento. Froito do seu achegamento á realidade desta figura en varios centros de Matosinhos (Porto), o docente destaca como “o profesorado-titor de aula parece vivir nunha realidade complexa na que esgota o seu tempo nunha multiplicidade de tarefas difusas, obrigatorias, de carácter burocrático, que ten asinadas no seu papel de intermedio. Dar cumprimento ao seu papel de estreitamento relacional coa familia do seu alumnado pode revelarse como unha tarefa cíclica e difícil de xustificar”.

Baixo o título O diretor de turma entre a escola burocrática e a lógica de aparência com a família, a tese foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense baixo a dirección de Xosé Manuel Cid. “Un dos problemas prioritarios no sistema de ensino pasa por mellorar a relación entre a escola e a familia”, explica o xa doutor pola UVigo, que lembra como “parece patente que o éxito educativo pasa inevitablemente por un estreitamento desta relación dual, que se pretende sólida entre os dous lugares máis importantes para o alumnado: a escola e a familia”. A escola, engade Carlos Miguel Ferreira Marinho, “en canto organización ten que crear condicións para mellorar esta relación, e para iso ideou unha figura que cumpre o seu papel a través dun liderado intermedio, regulada por unha lexislación complexa e xeradora de problemas. Ese elemento escollido pola institución escolar é o profesorado-titor de aula”.

No seu traballo investigador, o docente afondou dun xeito amplo na figura de profesorado-titor no sistema educativo luso, analizando desde as funcións de orde burocrática que limitan o seu papel ata os seus horarios e prioridades de dedicación. Metodoloxicamente, na tese empregou técnicas cualitativas (grupos de discusión e entrevistas) nas que participaron 47 docentes-titores de aula, pais/nais, membros do equipo de mediación integrada, directores de agrupamentos e coordinadores dos directores de grupo, todos eles e elas pertencentes a dous agrupamentos de escolas da cidade de Matosinhos, en Porto. Ademais, na súa análise confluíu a súa traxectoria de 25 anos no ensino en distintas funcións, desde profesor de matemáticas ata profesor-titor de aula.

Desgaste “excesivo”

Froito do seu estudo, Carlos Miguel Ferreira Marinho sinala como a pluralidade de tarefas que ten que realizar o profesorado-titulo de aula no contexto escolar, “enfrontando unha imposta, longa e complexa lexislación", provoca moitas veces "un desgaste excesivo que o leva a descoidar a relación cos pais e nais do alumnado”. Así, engade, “cumprir unha listaxe longa de funcións indiferenciadas, moitas delas nun pesado modelo burocrático, fai que este profesional non dea prioridade á creación dunha dinámica natural de cara a establecer unha relación positiva”. Segundo explica o investigador, no conxunto global de tarefas asociadas, esta figura “tenta dar a idea de que consegue pór en práctica todo o traballo que ten que desenvolver” pero, apunta, “con todo, fica lonxe de realizar unha dinámica global perfecta, unha vez que non ten tempo para cumprir todos os actos burocráticos aos que é obrigado”.

Carlos Miguel Ferreira Marinho tamén aborda na súa tese como “nos últimos anos tense dado énfase ao traballo realizado polos equipos de mediación integrada e servizos de psicoloxía, indicadoras de ser unha pinga de aire fresco á atribulada xerencia deste xestor intermedio”. Sobre elas apunta como “parece existir aquí, porén, algún conflito con estes equipos por parte de algúns directores de grupo-clase. Por un lado, a axuda destes profesionais de ensino é sempre benvida, pero por outro non liberan demasiadas competencias, unha vez que o obxectivo pasa por controlar todo o proceso”.

A participación das familias nas escolas, como elementos non profesionais, sinala Carlos Miguel Ferreira Marinho, “é un tema de enorme actualidade” e aproximar ás familias á escola “é prioritario para todo o sistema educativo”. Fronte a esta necesidade, engade, a acción do profesorado-titor “sitúase nunha fase intermedia do edificio escolar, con diferenciados problemas en busca de resolucións eficaces", sendo na súa opinión "un axente educativo que ten sufrido dolorosas e insistentes mudanzas educativas na tentativa de dotalo de ferramentas que o axuden”. Neste contexto, apunta “a escola é de todos, ten que ser de todos e funcionar con todos e todos teñen que saber convivir, sexa para liderar ou para gozar do mellor que esta estrutura ten para darnos”. Ante a pregunta de como acadar este obxectivo, indica o docente, “a resposta non será simple, mais terá que ser elaborada sempre en comunidade educativa, aproximando saberes, na resolución efectiva de dificultades que se levantan, na concordancia de opinións diverxentes, no desbravar de novos camiños, na invención de novas e diferentes aprendizaxes, como refire Xosé Manuel Cid”.