DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa autora é Mª Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría

Unha tese amosa os beneficios para a saúde dun programa de actividade física universitario

Nela analizou o impacto da iniciativa Ponte en Forma nas e nos seus usuarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 07/04/2022

O programa Ponte en Forma foi unha iniciativa coordinada desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo que tiña como meta principal achegar o deporte aos diferentes colectivos da comunidade universitaria. Na súa tese de doutoramento, Mª Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, avaliou a súa efectividade, concluíndo que conseguiu mellorar algúns dos parámetros de saúde das e dos participantes, como o índice de masa corporal ou a presión arterial.

A tese estivo dirixida polo profesorado Mª Reyes Pérez e José María Faílde e foi realizada no marco do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. O seu título foi Avaliación da efectividade dun programa de actividade física universitario. “O obxectivo principal deste traballo foi avaliar a efectividade do programa de actividade física e saúde Ponte en Forma, en termos que poidan supor unha mellora significativa para a saúde das e dos seus usuarios en xeral e do subgrupo de estudantes en particular”, apunta Mª Milagros Fernández, graduada en Enfermaría e licenciada en Antropoloxía Social e Cultural.

Mellorar o estilo de vida da comunidade universitaria

Sobre a elección da temática desta tese, a súa autora sinala que “a universidade é unha institución con carácter multidisciplinar e investigador que contribúe á creación de coñecemento en distintas áreas, incluída a saúde, e que participa activamente nos cambios sociais”. Dada a súa privilexiada posición de interlocución con todos os actores sociais, engade Mª Milagros Fernández, esta institución “pode e debe actuar como catalizador para o cambio e así contribuír a mellorar a vida das persoas, motivo polo cal a Organización Mundial da Saúde encomenda ás universidades que sexan partícipes no proceso de promoción da saúde, incrementado coñecementos e habilidades das persoas e intervindo noutros aspectos que teñen impacto nos determinantes de saúde”. Neste contexto, apunta a investigadora, xorden as Universidades Promotoras da Saúde, entre elas a UVigo, “co obxectivo de incorporar o fomento da saúde ao proxecto educativo, implementándose con este fin distintas propostas educativas dirixidas a mellorar o estilo de vida da comunidade universitaria, conseguindo ao mesmo tempo que os membros deste grupo actúen como axentes do cambio en materia de promoción da saúde”.

O programa Ponte en forma, nado en 2006 no campus de Vigo e implementado despois nos campus de Ourense e Pontevedra, tiña como idea de partida, explica a xa doutora, “que o exercicio debe facerse de forma controlada, de maneira que cada suxeito realizase actividades acordes á súa condición física”. Por este motivo, ás persoas inscritas efectuábase previo ao comezo da actividade un recoñecemento físico básico e emitíase un informe médico, a partir do cal a ou o coordinador do programa, seguindo as recomendacións achegadas, realizaba a planificación dunha rutina de exercicios individualizados con seguimento directo, que axudasen ás e aos participantes a mellorar a súa condición física, minimizando os riscos, ao evitar exercicios inadecuados. Esta actividade tiña unha duración de catro meses e unha vez finalizado este período programábase unha nova revisión médica.

Ensaio controlado con 180 persoas

A tese baseouse nun ensaio controlado non aleatorizado de dous grupos (control e experimental) con intervención educativa, que se levou a cabo ao comezo dos dous cuadrimestres do curso académico 2016/2017 na Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense. Para o estudo seleccionouse unha mostra de 180 membros da comunidade universitaria. Segundo explica a autora da tese, asignáronse ao grupo experimental aqueles usuarios e usuarias inscritos no programa Ponte en Forma cuxo exercicio estaba dirixido e ao grupo control usuarios que realizaban actividade física de forma libre. Recolléronse datos sociodemográficos de toda a mostra e realizouse a medición de parámetros antropométricos e hemodinámicos, unha enquisa de adherencia á dieta mediterránea, niveis de actividade física, hábitos tóxicos, calidade de vida e saúde percibida, así como unha valoración psicolóxica (autoestima, imaxe persoal, trastornos da alimentación e intelixencia emocional). As e os usuarios do grupo experimental recibiron asesoramento e seguimento individualizado en relación ao exercicio físico e estilos de vida. Pola súa banda, no grupo control realizouse unha intervención mínima, achegándolles por escrito información específica sobre a importancia da dieta, o exercicio físico e a conveniencia de evitar no posible os hábitos tóxicos. Pasados catro meses, todas as valoracións e enquisas foron realizadas de novo á totalidade da mostra.

Sobre os resultados do estudo, a investigadora sinala que “tras a intervención educativa, observamos que as e os usuarias de Ponte en Forma melloraron significativamente o índice de masa corporal”. Así mesmo, indica, comprobaron que “os parámetros hemodinámicos de presión arterial sistólica e diastólica e a frecuencia cardíaca tamén experimentaron unha diminución significa dos seus valores, reproducíndose as melloras no subgrupo de estudantes nos valores de presión arterial sistólica e frecuencia cardíaca”. En relación co estilo de vida, Mª Milagros Fernández detalla que “observamos un incremento significativo da puntuación global de adherencia á dieta mediterránea”. Respecto dos parámetros psicolóxicos, engade que o estudo constata “mellorías significativas na autoestima e tamén na intelixencia emocional  na dimensión comprensión de sentimentos, aínda que, estas mellorías non se observaron no subgrupo de estudantes”. Ante os resultados acadados, afirma que “podemos concluír que unha intervención educativa a través dun programa actividade física, conseguiu mellorar algúns parámetros de saúde nos seus usuarios”.