DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora da UVigo Antía Gómez

Unha tese analiza a presenza e acumulación de mercurio en podzois

Nela amosa o importante papel que desempeñan estes solos no ciclo terrestre deste metal pesado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 19/07/2021

Os solos, indica a investigadora da UVigo Antía Gómez, constitúen o principal reservorio global de mercurio nos ecosistemas terrestres e, en particular, os solos forestais acumulan ata o 75% de todo este metal presente na biosfera. Polo tanto, o seu papel é chave na mobilización de mercurio cara ecosistemas terrestres e para a súa aparición nos sistemas acuáticos. O quecemento global e os cambios nas emisións deste metal e nos usos do terreo, engade, contribúen á incerteza sobre a estabilidade do mercurio almacenado nos solos e a súa posible transformación a metil-mercurio, altamente tóxico. Tendo en conta esta relevancia, na súa tese de doutoramento a xa doutora analizou o comportamento bioxeoquímico do mercurio en podzois (solos de cor cincenta típicos do clima atlántico ou continental), de zonas forestais cuxa litoloxía non está enriquecida neste metal nin afectada por fontes puntuais.

485 millóns de hectáreas

Realizada no marco das liñas de investigación do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) da UVigo, a tese foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense co titulo Presence, distribution and accumulation of Hg in podzolic soils: environmental implications in terrestrial ecosystems e estivo dirixida polos doutores Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias. A pesar da acumulación preferencial de mercurio nas capas superficiais dos solos (ata 30-50 cm), detalla Antía Gómez, existen certos tipos de solos que amosan picos de concentración de mercurio en capas máis profundas, como é o caso dos podzois e, por extensión, dos solos podzólicos, “nos cales os procesos edafoxenéticos dominantes conducen a unha migración en profundidade de materia orgánica disoluta, compostos de aluminio e ferro, así como diferentes substancias e contaminantes asociados, como é o caso do mercurio”. Por tanto, sinala esta egresada en Ciencias Ambientais, “os solos podzólicos, que cobren unha superficie global de aproximadamente 485 millóns de hectáreas, poden chegar a constituír un importante reservorio de mercurio a nivel subsuperficial, xogando un papel fundamental no ciclo bioxeoquímico deste metal en ecosistemas terrestres”.

Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Área de Edafoloxía e Química Agrícola analizou o contido, a distribución e a acumulación de mercurio nunha serie de solos podzólicos e podzois seleccionados de varias áreas de Portugal, noroeste de España e sur de Arxentina, co fin de establecer patróns comúns en relación á concentración, distribución e almacenamento coa profundidade nos solos. Ademais, identificou as principais características físico-químicas e procesos edafoxenéticos que contribúen ao comportamento do mercurio observado neses solos e avaliou a contribución da vexetación senescente (litterfall) á transferencia deste metal pesado a un solo de carballeira.

Demostración dun importante papel

Os resultados obtidos na investigación desenvolvida, indica a súa autora, “contribúen a demostrar a capacidade dos solos forestais para actuar como sumidoiros de mercurio, sendo capaces de reter ese metal a longo prazo”. Ademais, engade, “tamén se demostrou o papel importante que desempeñan os podzois e solos podzólicos no ciclo terrestre do mercurio”. Segundo explica a investigadora da UVigo, desde o punto de vista ambiental, a mobilización en profundidade que ten lugar neles contribúe a diminuír a acumulación de mercurio en horizontes superficiais, constituíndo así un proceso natural de ‘self-cleaning’ e cumprindo unha función 'detoxificante'. “Ademais, a retención deste metal pesado nos horizontes iluviais destes solos evita a súa migración cara capas máis profundas ou mesmo a augas subsuperficiais, onde podería ser transformado en metil-mercurio, causando un serio risco para a biota ou mesmo a saúde humana”, afirma.

Os elevados valores do reservorio de mercurio atopados nos solos estudados, especialmente nos horizontes iluviais, confirman segundo indica Antía Gómez, a súa habilidade de reter grandes cantidades deste metal, apartándoo temporalmente da circulación actual de mercurio e decrecendo o seu potencial de ser transportado a outros compartimentos ambientais, onde a súa presenza podería ser máis daniña.