DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada polo investigador da UVigo e titulado en Enxeñaría Agraria David Outeiriño

Unha tese avanza na produción de moléculas bioactivas con interese alimentario a partir de residuos cervexeiros

Cun enfoque de biorrefinería e de aposta por un sistema de economía circular e cero residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 13/09/2022

A súa rica composición de carbohidratos, o seu baixo custo e a súa  ampla dispoñibilidade, converten ao bagazo de cervexa, o principal residuo da industria cervexeira, en posible fonte de compostos útiles para outras industrias. Na súa tese de doutoramento, o investigador da Universidade de Vigo David Outeiriño, avanza na biorrefinería de residuos cervexeiros para producir moléculas bioactivas con interese alimentario, concretamente bacteriocinas e biosurfactantes.

A tese, titulada Biorrefinery of brewery wastes to produce bioactive molecules with food onterest (bacteriocins and biosurfactants), foi realizada baixo a dirección de José Manuel Domínguez e Nelson Pérez e enmárcase nas liñas de investigación do grupo Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental (BiotecnIA) da Universidade de Vigo, do que actualmente forma parte David Outeiriño, contando ademais para a súa realización con financiamento dunha axuda á etapa de predoutoral da Xunta de Galicia.

O estudo, explica o seu autor, titulado en Enxeñaría Agraria no campus de Ourense, céntrase no uso de “procesos ambientalmente sostibles para a completa valorización do bagazo de cervexa dentro da cadea de subministro de alimentos”, empregando un enfoque de biorrefinería. A biorrefinería, detalla, “vense posicionando nos últimos anos como unha alternativa racional aos tratamentos convencionais da biomasa lignocelulósica”. Segundo sinala o xa doutor pola Universidade de Vigo, “un obxectivo interesante dos procesos de biorrefinería é a obtención de produtos de alto valor engadido como bacteriocinas (compostos con actividade antimicrobiana) e biosurfactantes (compostos con propiedades tensioactivas) con múltiples aplicacións, incluído o sector da industria alimentaria”. Na tese, comenta David Outeiriño, “prantéxase o aproveitamento do bagazo de cervexa mediante biorrefinería para alcanzar un sistema de economía circular e residuos cero, onde ao mesmo tempo que se xestiona un residuo obtéñense produtos de alto valor engadido mediante procesos medio ambientalmente sostibles”.

Etapas e resultados

Neste marco de traballo, a investigación de David Outeiriño constou de diferentes etapas. Arrancou coa caracterización e acondicionamento do bagazo de cervexa e o desenvolvemento dun pretratamento sostible, baseado en líquidos iónicos bioderivados, para deslignificar o bagazo de cervexa e promover a posterior hidrólise enzimática. “Dentro deste punto estudouse tanto as condicións e efectividade do tratamento así como a reciclabilidade do líquido iónico”, detalla o enxeñeiro agrario. O estudo continuou coa produción, extracción e análise das enzimas celulolíticas producidas (mediante fermentación en estado sólido con fungos filamentosos, usando bagazo de cervexa como substrato); coa produción de solucións ricas en azucres fermentables (aplicando as enzimas obtidas sobre o bagazo deslignificado) e coa fermentación do hidrolizado con bacterias ácido-lácticas para obter produtos de alto valor engadido: bacteriocinas e biosurfactantes. “O material fraccionase con líquidos iónicos bioderivados para a liberación de solucións de azucres fermentables e a posterior produción de moléculas bioactivas (bacteriocinas e biosurfactantes)”, resume do proceso o seu responsable.

Sobre os resultados acadados, o investigador indica que “en conxunto, o bagazo seleccionado amosou ser un material apropiado para un proceso de biorrefinería”. O pretratamento con líquido iónico, detalla, “resultou ser eficaz para deslignificar e mellorar a hidrólise enzimática do bagazo, á par que a súa reciclabilidade o converte nun proceso sostible”. Segundo sinala David Outeiriño, esta tema amosa que "os líquidos iónicos bioderivados poden usarse con éxito para a biorrefinería de bagazo de cervexa para a produción de bacteriocinas e biosurfactantes” e que os procesos descritos "son extrapolables a outros residuos de natureza similar" ao bagazo empregado. O autor do traballo tamén destaca del que “conseguiuse producir enzimas celulolíticas usando este bagazo como substrato, para logo usalas para obter solucións de azucres fermentables”. Os hidrolizados obtidos, engade por último, fermentáronse "satisfactoriamente", con bacterias ácido lácticas, para producir bacteriocinas e biosurfactantes usando "un proceso innovador e sostible".