DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito da investigación de Carla M. Míguez no programa de doutoramento de Estudos Lingüísticos

Unha tese conclúe que existe relación entre as habilidades cognitivas e a metacomprensión lectora en español no alumnado entre 8 e 11 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 13/05/2022

No proceso da lectura interveñen unha serie de habilidades cognitivas como a capacidade para a descodificación das letras nos seus sons correspondentes, o coñecemento do vocabulario que aparece no texto, as habilidades de procesamento sintáctico, os coñecementos e experiencias previas que require el texto, as características do xénero ao que pertence o texto, etc. Este proceso iníciase antes da escolarización dos nenos e nenas, pero é na etapa da educación primaria cando se consolidan estas habilidades e tamén cando comezan as dificultades lectoras. 

Os estudos máis recentes sobre a lectura e a comprensión lectora estanse centrado na metacomprensión, que é unha habilidade que permite regular as estratexias que se empregan na comprensión do texto para construír o seu significado de maneira eficaz. É dicir, que permiten que o lector saiba se está comprendendo o texto, identifique un problema, no caso de habelo, e desenvolva posibles solución. Pois entre esas habilidades cognitivas que permiten a lectura e a metacromprensión lectora existe unha relación significativa. Así o conclúe a tese de doutoramento de Carla María Míguez no marco do programa de doutoramento de Estudos Lingüísticos. A súa investigación, dirixida polos profesores Ramón González e Miguel Cuevas, xurde dunha necesidade, xa que “a maioría das investigacións que se levaron a cabo durante os últimos anos sobre a relación entre a metacomprensión e as habilidades de comprensión lectora empregaron mostras de lectores cuxa lingua materna era o inglés” e, polo tanto, as investigacións en mostras de alumnado hispanofalante aínda “son bastante escasas”. A súa tese trata de cubrir ese baleiro, para o que traballou cunha mostra formada por 416 alumnos e alumnas de 3º a 6º de Educación Primaria. 

Unha “relación significativa” entre as habilidades de comprensión lectora e a metacomprensión 

A súa investigación centrouse, por unha banda, en analizar as habilidades que interveñen na comprensión lectora, como a descodificación, o coñecemento das estruturas gramaticais e das características do xénero textual, a motivación ou a contorna de aprendizaxe. Por outra, analizou o nivel de adecuación da metacomprensión da mostra, tratando de averiguar se o lector posúe boas capacidades de autorregulación da comprensión lectora ou non. Deste xeito, puido estudar a relación entre o nivel das habilidades que interveñen na comprensión lectora  e o grao de metacomprensión para determinar se existe unha asociación entre ambas. E os resultados obtidos demostran que “existe unha relación significativa entre as habilidades que interveñen nos procesos de lectura e comprensión lectora e a metacomprensión”. Segundo a investigadora, a mostra analizada “segue a tendencia que aparece nas investigacións actuais que se levaron a cabo neste eido e que establecían que canto máis altas eran as puntuacións obtidas nas distintas habilidades lectoras, máis adecuada era a metacomprensión. Polo contrario, cando o alumnado presentaba resultados baixos nalgunha das habilidades lectoras, máis inadecuada era a súa metacomprensión e, polo tanto, peor era a súa capacidade para detectar posibles problemas que xurdisen e pedir axuda para solucionalos”. Míguez Álvarez tamén destaca que estas habilidades de autocoñecemento da propia comprensión do texto “melloran coa experiencia lectora, que vai parella á idade e ao curso, aínda que é a partir de 5º cando semella que as habilidades de comprensión lectora se asentan e o seu desenvolvemento non é tan notorio en comparación con 6º curso”. 

Recomendacións e estratexias

Segundo a investigadora, atendendo aos resultados obtidos o alumnado de primaria que está desenvolvendo a súa competencia lectora “podería beneficiarse significativamente dunha serie de estratexias metacomprensivas que lles axuden a detectar e afrontar as dificultades que atopan durante a lectura de diversos tipos de textos”. A este respecto, recomenda aos docentes que integren esta habilidade nas súas aulas dende o inicio da ensinanza da lectura e ao longo de todas as etapas de escolarización mediante actividades de planificación da lectura, supervisión e identificación dos problemas e solución das preguntas e problemas que xurdan. Míguez considera que é fundamental seguir investigando neste eido, xa que podería axudar significativamente a mellorar a comprensión lectora do estudantado e, polo tanto, “repercutir na forma na que os alumnos e alumnas adquiren os coñecementos necesarios para ter éxito durante a súa vida académica”, conclúe.