DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adriano Sánchez avaliou os efectos de programas limitados ao tren superior ou inferior

Unha tese confirma os beneficios do exercicio de forza con bandas elásticas para anciáns con problemas de mobilidade

Trátase dunha actividade beneficiosa para manter a saúde física e cognitiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/02/2021

A falta de actividade física asóciase á aparición de diferentes enfermidades crónicas e constitúe un problema de saúde que se agrava naqueles sectores da poboación nos que a inactividade pode ser maior, como as e os residentes en centros da terceira idade. De aí a importancia de promover a práctica de actividade física neste colectivo, incluíndo nesta, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), o exercicio de forza, xa que diferentes estudos teñen constatado os seus beneficios, tanto físicos como cognitivos, nesta poboación. “Debido ao seu baixo custo e a súa adaptabilidade ao espazo dos centros xeriátricos”, as bandas elásticas constitúen unha interesante ferramenta para levar a cabo este tipo de actividade con anciáns, como explica o investigador Adriano Sánchez, que centrou a súa tese de doutoramento en “analizar os efectos diferenciais” da inclusión en residencias de dous programas de exercicio de forza con estas bandas, un centrado nos músculos do tren superior e outro nos do tren inferior.

Esta análise permitiulle “comezar a arroxar luz sobre os efectos que pode ter” a realización destes exercicios, “por separado”, cos membros superiores e inferiores, tanto no referido ás funcións cognitivas como ás físicas. “Isto é especialmente relevante para a xente con problemas de mobilidade no tren inferior, por exemplo, pois moitas veces son excluídos dos programas de exercicio, porque son vistos como persoas altamente limitadas ás que facer exercicio cos brazos non achegará grandes beneficios ou incluso podería ser arriscado”, salienta o xa doutor en Educación, Deporte e Saúde pola Universidade de Vigo. De feito, no estudo que levou a cabo en tres centros xeriátricos ao longo dun ano, os exercicios para os membros superiores “amosáronse máis beneficiosos para manter a saúde cognitiva que os do tren interior, que pareceron favorecer máis a función física”, explica.

Tamén é beneficioso traballar só con pernas ou brazos?

“O exercicio físico de forza resulta de especial interese neste colectivo, debido á extensa evidencia científica que indica numerosos beneficios á hora de combater o proceso de deterioro” que implica o envellecemento e que abrangue tanto a “perda de funcionalidade de diferentes órganos e sistemas, así como de masa e forza muscular”, como, no referido á función cognitiva, “unha redución do tecido e a funcionalidade cerebral”, explica Sánchez Lastra. Non obstante, a pesares de que diferentes investigacións teñen constatado que “o exercicio de forza favorece a cognición”, existía “pouca información” respecto dos efectos, a curto e longo prazo, da súa realización “de forma centrada no tren superior fronte ao tren inferior”. De aí que este fose o propósito central da súa tese Ejercicio de fuerza con bandas elásticas centrado en tren superior frente a tren inferior: efectos sobre la función cognitiva y física de adultos mayores residentes, que levou a cabo baixo a dirección dos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e Carlos Ayán.

Sánchez Lastra contou para esta investigación coa participación de 68 residentes, dos que o 65% eran mulleres, nos centros do grupo Domus Vi en Barreiro e Bembrive, en Vigo, e Cangas do Morrazo, divididos en dous grupos experimentais e un grupo control. Nunha primeira fase, un dos grupos experimentais realizou un programa de exercicio de forza centrado no tren superior, de tres meses de duración e con tres sesións semanais, tralo que levaron a cabo un “período de desadestramento”, tamén de tres meses, no que “continuaron coa vida diaria do centro, previa á que se estableceran os nosos programas”, explica. Nunha segunda fase, o grupo levou a cabo outro programa de exercicio, tamén de tres meses, centrado desta volta no tren inferior, seguido dunha última fase de “desadestramento e seguimento”, mentres que o segundo grupo experimental realizou esta mesma secuencia de forma inversa, comezando polo tren inferior. Por outra banda, ao longo do ano no que se levou a cabo este estudo, do que Sánchez destaca a implicación tanto dos directores e directoras dos centros, “como do resto de profesionais, desde asistenciais ata de limpeza”, o grupo control realizou, seguindo a mesma secuencia, “un programa de exercicio de flexibilidade idéntico en ambas fases, que involucraba estiramentos do tren superior e inferior”. 

Resultados que redundan na importancia da actividade física

Antes e despois de cada período de análise, realizou ás persoas participantes unha serie de probas de avaliación que lle permitiron observar, trala primeira intervención, “melloras significativas na función cognitiva en ambos grupos experimentais”, mentres que ao remate do estudo todos os grupos presentaron melloras na flexibilidade do tren inferior e do ombreiro, á vez que un “empeoramento significativo da forza na presión manual”. Tamén ao remate dos programas, detectáronse diferencias entre o grupo que realizou primeiro os exercicios do tren inferior, que amosaba “un empeoramento na función cognitiva”, e o que comezou co tren superior, que presentaba peores resultados “na mobilidade funcional e equilibrio dinámico”. No referido ao grupo control, os resultados do estudo amosan que o exercicio de flexibilidade “mostrouse útil como terapia para mellorar a mobilidade articular e muscular, como cabía supoñer”.

A pesares de que serían precisos, subliña, “máis estudos para poder concluír rotundamente se son máis beneficiosos un tipo de programas ou outros”, a investigación que Sánchez Lastra desenvolveu para a súa tese vén a confirmar os efectos positivos do traballo con bandas elásticas. “O exercicio de forza, en xeral, ten beneficios na función cognitiva”, lembra o investigador, que a raíz dos resultados avoga porque se desenvolvan nos centros xeriáricos “sesións que incidan no exercicio de forza que combinen o tren superior e o inferior”, nas que se inclúan tamén a aqueles anciáns e anciás “con problemas de mobilidade, aínda que só poidan facer exercicios do tren superior e, se é o caso, tamén a aqueles que só poidan utilizar o tren inferior”. O autor da tese subliña nese senso a importancia de que nas residencias se cumpran, cando menos, as “recomendacións mínimas de actividade física” da OMS para maiores de 65 anos, que comprenden “150 minutos semanais de actividade física aeróbica de intensidade moderada, como camiñar, ou 75 de vigorosa, como trotar”, xunto coa realización, dúas veces á semana de “actividades que melloren a forza muscular”, en combinación con exercicios de equilibrio cando menos tres veces por semana. “Sabemos que cumprir estas recomendacións non só favorece o mantemento da independencia funcional deste colectivo, senón que ademais reduce o risco de mortalidade prematura”, engade o investigador.