DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora da UVigo Estefanía González

Unha tese desenvolve modelos de predición para optimizar a produción de viño na DOP Ribeiro

Explican nun 98,9% a variabilidade da produción cunha antelación de dous meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 10/06/2021

A optimización da produción de Vitis vinifera na Denominación de Orixe Protexida (DOP) Ribeiro. Este foi o título e o obxectivo da tese de doutoramento da investigadora da Universidade de Vigo Estefanía González. Nela, desenvolve diversos modelos de predición para o control de enfermidades no cultivo da vide baseándose nas interaccións planta-patóxeno-ambiente e no estudo dos factores influentes na produción final de uva, como son as variables aerobiolóxicas, meteorolóxicas e morfolóxicas-florais da vide. A metodoloxía proposta explicaría nun 98,9% a variabilidade dos datos de produción de uva cunha antelación de aproximadamente dous meses con respecto á colleita.

A tese, dirixida por Francisco Javier Rodríguez Rajo e María Fernández González, foi presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e desenvolvida no marco da liña de traballo neste eido do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, concretamente no grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos. O traballo, explica a súa responsable, xorde nun contexto no que “é necesaria a adaptación do sistema agrícola ao contexto actual de cambio climático para proporcionar unha maior flexibilidade e capacidade de resposta aos agricultores, incluíndo medidas como a predición da colleita, a detección de momentos de risco potencial de infección nos cales é necesaria a aplicación de tratamentos fitosanitarios e a identificación de factores influentes no estado do cultivo”. A aplicación destas medidas para a xestión do cultivo, engade a xa doutora, “conduce a unha produción máis sostible e a un incremento da eficiencia no consumo de recursos, o que aumenta a produtividade e fortalece a capacidade de adaptación a eventos meteorolóxicos extremos, ao mesmo tempo que se incrementa progresivamente a calidade ambiental”.

Catro anos de investigación

O estudo que recolle a tese, detalla esta egresada en Ciencias Ambientais, foi executado nun viñedo na localidade ourensá de Cenlle, que pertence á Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, comprendendo o período de estudo de 2016 a 2019. As variedades de vide estudadas foron Treixadura, Godello, Loureira e Albariño, todas elas variedades brancas preferentes desta denominación. Levouse a cabo observacións fenolóxicas en 22 plantas de cada variedade considerada; estudos de produción polínica e de fertilidade vexetal en dez plantas seleccionadas de cada variedade no viñedo de estudo e a recollida de datos meteorolóxicos da estación de MeteoGalicia de Leiro. Ao longo da súa investigación, Estefanía González analizou o comportamento reprodutivo das variedades de vide seleccionadas, a distribución de patóxenos no viñedo e identificou indicadores bioclimáticos para os patóxenos estudados. “Os indicadores bioclimáticos desenvolvidos neste traballo, baseados na identificación e avaliación dos principais períodos de risco de infección en función das condicións fenolóxicas, meteorolóxicas e dos niveis atmosféricos de esporas, empregáronse para reducir o número de tratamentos fitosanitarios no viñedo, mellorando de forma efectiva a xestión de enfermidades no cultivo baseándose nas estratexias de control integrado de pragas”, comenta a investigadora.

En base aos factores estudados con influencia sobre a colleita final, sinala Estefanía González, “desenvolvemos un modelo de predición capaz de predicir a colleita final de uva para a variedade Godello, considerando variables aerobiolóxicas, meteorolóxicas e variables morfolóxicas-florais relacionadas coa produción de pole por planta e os procesos de liberación de pole, así como características determinantes do pole implicadas na fertilidade vexetal, como a viabilidade dos grans de pole ou a súa capacidade de xerminación”. O modelo obtido, engade, utilizou as variables meteorolóxicas e morfolóxicas-florais que mostraron a maior influencia na colleita, “explicando o 98,9% da variabilidade dos datos de produción de colleita e mostrando un gran axuste entre os valores reais e os preditos”.

Ferramentas para unha produción máis sostible

Froito do traballo de campo realizado e dos datos recollidos, na tese proponse unha metodoloxía e modelos de predición que explican “unha elevada proporción da variabilidade dos datos de produción de uva e que ademais ofrecen estes resultados cunha antelación de aproximadamente dous meses con respecto á colleita, o cal permite a organización e optimización das tarefas de manexo do cultivo, vendima e traballos de adega, a contratación de seguros agrarios e a detección de posibles fraudes pola introdución de uva foránea na Denominación de Orixe”. Ademais, destaca Estefanía González, “o modelo proposto supón un valioso recurso que permite considerar a variabilidade da produtividade do cultivo asociada aos impactos de cambio climático, posto que ten en conta os principais factores meteorolóxicos e variables morfolóxicas-florais que afectan á colleita final de uva”.

Segundo explica a investigadora, a inclusión de técnicas inmunolóxicas na metodoloxía deseñada, na que se combinan co monitoreo aerobiolóxico, supón unha mellora nos límites de detección dos momentos de risco de infección posto que as concentracións de proteína xerminativa son un indicador da capacidade infectiva real do fungo no viñedo nun momento determinado, o que conduce a unha detección do risco de infección máis precisa e en tempo real que mellora a efectividade dos modelos epidemiolóxicos. “As metodoloxías e técnicas desenvolvidas neste estudo son ferramentas potenciais para a implementación das estratexias de control integrado de pragas para alcanzar unha produción máis sostible e unha capacidade de resposta máis eficaz á variabilidade crecente no sistema cultivo-patóxeno asociada ao cambio climático”, afirma a doutora, que durante a investigación contou cunha bolsa predoutoral do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades FPU.