DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Renata Canevari analizou a presenza desta disciplina nos graos das universidades españolas

Unha tese reivindica a necesidade de potenciar a formación ética dos futuros profesionais do deseño

Dada a súa capacidade para “influír no comportamento das persoas”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/01/2022

“O deseño ten o poder de influír no comportamento das persoas e, por iso, os deseñadores deben ser conscientes do impacto da súa actividade”. Esta idea constitúe o punto de partida da tese de doutoramento de Renata Canevari, que afonda na importancia que, ao seu xuízo, debería ter a ética na formación dos futuros e futuras deseñadores. A través da revisión de leis e decretos educativos, de entrevistas a filósofos, educadores e outra serie de profesionais e da análise de preto de 2500 guías docentes de 33 universidades españolas, esta investigadora e deseñadora puido constatar que esta disciplina si está presente na formación universitaria en deseño, aínda que non como un tema central, senón “como unha práctica parcialmente establecida, que si está reflectida nos plans de estudo, aínda que non se estableceu de maneira sistemática na formación” dos deseñadores e deseñadoras. De feito, conclúe que a “práctica máis habitual” é que a súa ensinanza estea vinculada á “transmisión de códigos deontolóxicos”, o que implica “o risco”, sinala, de que a ética “se asocie unicamente ao deber e á profesión”. 

“Sinalamos o deseño como unha actividade que ten o poder de convencer, seducir e de cambiar o comportamento das persoas”, salienta a xa doutora en Comunicación pola UVigo, que pon o acento coa súa investigación no feito de que, alén de que boa parte da sociedade asocie esta disciplina “a cuestións meramente estéticas”, o deseño é unha actividade “que proxecta e preconcibe unha realidade desexada, ao intentar mellorar as relacións entre as persoas e a relación das persoas co mundo que as rodea”. Dirixida pola catedrática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Aurora García e pola profesora da UNIR Beatriz Feijóo, a súa tese La ética en los estudios de grado en diseño; situación de las universidades españolas (2018-2020) tiña como obxectivos tanto “determinar a presenza da ética nos graos en deseño”, como “coñecer a percepción” de deseñadores e investigadores respecto á formación ética dos futuros profesionais e tratar de reunir “referentes, iniciativas e ferramentas didácticas” que poidan ser de utilidade neste ámbito. Ademais, a tese recolle unha proposta que reúne "algúns dos puntos" que ao seu xuízo deberían estar presentes na planificación da ensinanza da ética para o alumnado dos graos de deseño.

Análise de preto de 2500 guías

Unha das súas vías de análise foi a observación de 2479 guías docentes de 47 títulos implantados por 33 universidades españolas, entre os que figuran tanto titulacións denominadas Grao en Deseño, como a que Universidade de Vigo proxecta pór en marcha no campus pontevedrés, como titulacións de deseño gráfico, dixital, industrial ou de produto, entre outras especialidades. “Tratei de definir a actividade da forma máis ampla posible, xa que as especialidades do deseño foron cambiando ao longo da historia e seguen cambiando. O único que non cambiou é a súa esencia; a de configurar, proxectar...”, explica Canevari.

Nesta análise, puido observar como a palabra ética aparecía nomeada 1230 veces nun total de 638 guías docentes, un 25% do total. No 86% dos casos, a verba figuraba no descritor de competencias, mentres que formaba parte da denominación de 17 materias, o 55% de carácter obrigatorio e case a metade delas ofertadas por tres universidades “de inspiración relixiosa”. Neste punto, sinala que a súa investigación permitiu comprobar que "cando existe a ensinanza da ética en todas as súas dimensións, o fenómeno parece gardar relación co ideario universitario e o departamento que imparte a materia". Así mesmo, Canevari constatou tamén a existencia de tres tipos de materias, aquelas “nas que a ética non parece ser o tema central”, outras nas que si o é e tratan “aspectos transversais da disciplina” e un terceiro bloque que, ademais do anterior, aborda tamén “a ética no contexto específico do deseño”. 

Aínda que considera que “vaise polo bo camiño” no relativo á “integración sistemática” desta disciplina na formación dos deseñadores e deseñadoras, Canevari tamén conclúe da súa investigación que, se ben “a ética está presente nas competencias transversais” das titulacións, “a súa presenza nas programacións didácticas é escasa e o seu ensino non é un tema central”. As materias, explica, adoitan centrarase “na dimensión deontolóxica da ética”, mentres que “a humana e persoal” é a menos abordada. Por outra banda, a “sostibilidade ambiental” amósase como “un dos temas de índole ética máis abordados”. 

Unha investigación que parte das experiencias profesionais

Graduada en Deseño industrial, na especialidade de comunicación visual, pola Pontificia Universidade Católica de Río de Janeiro, Canevari recoñece que esta investigación vén motivada da súa propia experiencia persoal e profesional no ámbito do deseño. “Probablemente, a necesidade de cuestionar as implicacións da ética nesta actividade profesional xurdiu nos meus anos de formación en Río de Janeiro, nunha institución que promovía a aprendizaxe do deseño para unha contorna real, castigada polas inxustizas sociais”, apunta.

Foi tamén, explica, no marco do seu labor profesional no que a lectura de “autores de referencia” levárona a pór o foco en que "o deseño ético existe a partir da ética do deseñador, que debe posuír a habilidade, a boa vontade e a intención de exercelo". Nese senso, a súa investigación abrangueu tanto a revisión do publicado sobre esta cuestión por diferentes expertos e expertas como a realización de entrevistas a profesionais, docentes e investigadores, que, apunta, “sinalan que o deseño é unha actividade sometida a intereses de mercado e cren que a universidade pode ser un referente ético”. Do mesmo xeito, os diferentes expertos incidiron tamén nos “desafíos éticos do mundo globalizado” que “engaden complexidade á actividade” e poñen de relevo como “para influír positivamente na sociedade” resulta necesario “investir cada vez máis na formación ética do deseñador”.