Coloquio organizado polo CINBIO e a SEBBM ao abeiro da celebración do 11F
‘Todas somos ciencia’ reivindica no Marco a diversidade de roles na investigación
Científicas de distintos perfís compartiron con preto dun cento de escolares as súas experiencias
A ciencia é un gran crebacabezas no que cada persoa cumpre un papel esencial. Esta foi a idea principal que se lles tentou transmitir aos preto dun cento de escolares que este venres asistiron no museo Marco de Vigo ao coloquio Todas somos ciencia, unha actividade coorganizada entre o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, e o grupo de traballo Mujer y ciencia da Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular, SEBBM, como preludio da conmemoración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.
Procedentes dos colexios CEIP Plurilingüe da Ribeira, en Porriño, e do Castro British International School, as nenas e nenos foron recibidos polas investigadoras María Mayán, do CINBIO, e Guadalupe Sabio, en representación da SEBBM, xunto coa concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso, quen lles fixo fincapé en que poden sentirse “afortunadas e afortunados” por estar tan preto dun centro de investigación como o CINBIO “no que traballan científicas que son todo un referente”. Pola súa banda, Mayán explicoulles ”a importancia de celebrar un día como o 11 de febreiro para visibilizar o traballo das mulleres que investigan e das mulleres que desde a súa área de traballo contribúen ao avance da ciencia, porque a ciencia é un traballo en equipo”.
Contacto directo con científicas da súa contorna que son referentes
Dinamizado pola responsable de comunicación do CINBIO, Noel Queipo, e polo investigador Carlos Renero escoitaron en primeira persoa a testemuña de mulleres que traballan en distintos ámbitos relacionados co mundo da ciencia, todos necesarios para axudar ao avance do coñecemento: desde científicas ata xestoras que coordinan recursos e proxectos, pasando por comunicadoras que achegan á sociedade os avances que se van conseguindo.
Tiveron pois a oportunidade de achegarse a experiencias moi distintas, tanto de persoal do propio CINBIO como alleo a el, caso de Guadalupe Sabio, directora do Grupo de Interacciones Metabólicas no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO). No caso do centro vigués achegáronse ata o Marco, ademais da líder do grupo CellCOM, María Mayán; a responsable do grupo de Nanomateriais Híbiridos, Verónica Salgueiriño; as investigadoras do grupo TeamNanoTech Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, así como a xestora Noa Caramés. Cada unha achegou a súa propia visión, subliñando sempre que “o progreso na ciencia é froito dunha colaboración interdisciplinaria na que cada contribución, grande ou pequena, encaixa para completar o crebacabezas”.
Divididas en dúas mesas, unha centrada nas súas traxectorias profesionais e outra no fomento das vocacións científicas, tamén deron voz ao alumnado asistente que participou activamente facendo preguntas ás protagonistas do evento e compartindo os seus soños e inquedanzas.
Preludio do resto de actividades do 11F
A celebración do 11F na UVigo continuará a vindeira semana. O luns, coa entrega dos premios Marie Tharp do CIM e o martes cos obradoiros Elas Fan CienTec, no propio CINBIO e nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo. A cita continuará en Ourense o venres con eXXperimenta en feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, que, nesta nesta ocasión, se celebrará de 09.00 a 18.00 horas no edificio Politécnico e arredores. Son o prato forte dun evento que seguirá a celebrarse ao longo de todo o mes de febreiro, tanto no campus de Ourense como no de Vigo.