DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa anuncia que nos próximos meses se baleirará a bolsa de persoal acreditado

Toman posesión 16 novos catedráticos e 8 catedráticas e a cifra ascende xa a 190

20 destes docentes están adscritos ao campus de Vigo, 3 a Ourense e 1 a Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/11/2021

Despois de toda unha vida dedicados ao labor docente nas aulas da Universidade de Vigo, 16 profesores e 8 profesoras da institución académica viguesa tomaron posesión esta semana como novos catedráticos e catedráticas. Fixérono nun acto celebrado no salón de actos do edificio Ernestina Otero e que estivo presidido polo reitor, Manuel Reigosa, que, ademais de darlles os seus parabéns, lles trasladou o agradecemento da institución polo esforzo realizado ao longo de todos estes anos. Con estas novas incorporacións a UVigo acada xa a cifra de 190 catedráticos de Universidade, dos que máis do 70% son homes (139), mentres que as mulleres aínda non chegan ao 30% (51).

“Estamos moi satisfeitos de que o corpo de catedráticos da Universidade estea tan ben cuberto”, salientou Reigosa, que aproveitou este acto para anunciar que a intención do equipo de goberno é que o vindeiro ano, “a ser posible nos próximos meses”, se baleire a bolsa de persoal acreditado, que provocou que moitos docentes tivesen que agardar anos para acadar unha categoría profesional para a que xa estaban acreditados. “Pensamos que a xente que o merece e que o demostra ten que ter a garantía de poderse promocionar”, recalcoulles o reitor, ao tempo que lles fixo un pedimento: que sigan traballando a reo, “igual que o estivestes facendo ata o de agora”, porque isto é o que precisa a Universidade, “e seguro que o ides facer con máis tranquilidade e probablemente con máis proxección de futuro. A Universidade de Vigo precisa do voso esforzo, do voso talento, do servizo da institución, e eu estou seguro que o ides facer así”.

O secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, foi o encargado de chamar un a un aos novos catedráticos e catedráticas para que fosen asinando no libro de actas e foi o reitor o encargado de entregarlles cadansúa insignia e un bolígrafo de lembranza. 

Enxeñaría de Telecomunicación, o centro con máis novos catedráticos

Dos 24 novos catedráticos e catedráticas, 20 están adscritos ao campus de Vigo, tres ao de Ourense e só un ao de Pontevedra. Dos 20 catedráticos e catedráticas do campus de Vigo, seis deles imparten docencia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación: Manuel José Fernández Iglesias, Martín Llamas, Pedro Salvador Rodríguez, Alberto Gil, Marcos Arias e Manuel Ramos, actual vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que estaba acreditado desde xullo de 2014. “Para min este nomeamento supón o recoñecemento ao traballo feito durante os algo máis de 30 anos que levo contratado na UVigo”, explicou o vicerreitor, quen tamén reflexionou sobre o feito de que “aínda que ti esteas relativamente satisfeito co traballo que levaches a cabo é imposible que sexas obxectivo, polo que que tamén o vexan así outras persoas, neste caso a través dun proceso de acreditación e dunhas oposicións, supón un referendo a ese traballo e un incentivo para seguir achegando o que poida”.

“Chegar ata aquí non é doado, sobre todo se tes obrigas familiares”

Outro dos centros que máis incrementa o seu número de profesorado catedrático é a Facultade de Química coa incorporación de Delfina Couce, José Manuel Hermida, Magdalena Cid e María Concepción Tojo. “A nosa vida non vai cambiar moito, pero si que se trata dunha satisfacción persoal importante”, explica Concepción Tojo, quen lamentou que o número de mulleres entre as catedráticas siga a ser aínda baixo. “Chegar ata aquí non é doado, sobre todo se tes obrigas familiares. A dispoñibilidade de tempo das mulleres penso que non é a mesma que a dos nosos compañeiros e, en certa medida, tamén pode ser que sexamos menos ambiciosas”, recalcou a docente, convencida de que “se ben aínda queda moito por facer, imos polo bo camiño, estanse facendo cousas e irán dando froitos”.

Na Facultade de Bioloxía son tres os novos catedráticos: o exdecano, Jesús Míguez e os profesores Luis González e Diana Valverde. Outros tres pertencen á Facultade de Filoloxía e Tradución -Elena Seoane, Luis Domínguez e Manuel Ángel Candelas-; outros tantos son da Escola de Enxeñería Industrial –Jacobo Porteiro, Claudio Cameselle e José Ramón Fernández- e a listaxe complétase coa profesora Patricia Valcárcel, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, acreditada dende febreiro de 2016. “Sempre tiven claro que me quería dedicar á carreira docente, aínda que non sabía ata onde podía chegar, porque polo camiño se poden atopar moitas dificultades e, por iso, tamén isto pode verse como un final de camiño”, explicou a docente. 

Nos campus de Ourense acreditáronse tres docentes: dous da Facultade de Dereito (Laura Carballo e Guillermo Suárez) e unha da Facultade de Ciencias (María Teresa de Castro). No caso de Pontevedra acreditouse como catedrático o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Francisco Ramón Botana.