DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo participará na nova plataforma PE MSO-ED impulsada pola Red Española Matemática-Industria 

Transferindo coñecemento estatístico-matemático de última xeración á industria e á sociedade 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 07/05/2021

A redución nos tempos de comercialización de novos medicamentos, a diagnose de enfermidades, a xestión de enerxía ou o estudo da propagación de epidemias e desastres naturais, son situacións nas que a tecnoloxía matemática é quen de achegar solucións. Como “un novo salto cualitativo na dinámica de transferencia, mediante a consecución de obxectivos específicos” describe o docente e coordinador do grupo Sidor (Statistics and Operations Research) da UVigo, Jacobo de Uña, a creación por parte da Red Española Matemática-Industria da Plataforma Española de Tecnologías de Modelización, Simulación y Optimización en un Entorno Digital (PET MSO-ED). Nacida co obxectivo de impulsar e fortalecer a colaboración en I+D+i entre o sector público e o empresarial, e aproveitando o potencial das matemáticas para abordar os retos formulados no mundo industrial e na sociedade, a nova plataforma busca incrementar o uso das tecnoloxías matemáticas na industria, para avanzar cara a unha industria conectada 4.0 e cara unha industria dixital 5.0.

En relación coa achega que a UVigo pode realizar a esta plataforma que acaba de nacer, De Uña apunta “todo o seu ‘expertise’ en transferencia de coñecemento estatístico-matemático de última xeración á industria e á sociedade en xeral”. En concreto, a plataforma diríxese de forma particular a tres grandes retos da sociedade dentro do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica de Innovación 2017-2020, que son os relativos á saúde; a consecución dunha enerxía segura, eficiente e limpa e ao cambio pretende proporcionar á comunidade española de investigación e innovación industrial, académica e empresarial, unha infraestrutura integral e ben coordinada para todas as necesidades relacionadas coa adopción e desenvolvemento de Tecnoloxías Matemáticas de Modelización, Simulación e Optimización, aplicando o recursos da ciencia de datos a un unha contorna dixital. “Acadar este obxectivo é esencial para apoiar un tecido industrial eficiente, seguro, sostible e competitivo, especialmente no ámbito das pemes”, mantén a presidenta da Red Española Matémática-Industria, Peregrina Quintela. 

Unha universidade comprometida coa transferencia do coñecemento estatístico-matemático

“A UVigo leva anos impulsando a transferencia do coñecemento matemático e estatístico á industria. Dous dos seus grupos de referencias, Sidor (Statistics and Operations Research) e Mai (Grupo de Ecuacións Diferenciais e Simulación Numérica), coordinado por José Durany, foron actores importantes de toda esta actividade, como socios da rede Math-in e promovendo a creación do Instituto Tecnológico de Matemática Industrial, consorcio das tres universidades do SUG, nacido para articular toda esta actividade de transferencia, un fito sen dúbida”, lembra De Uña, que será o representante delegado da UVigo na nova plataforma, en relación co papel desenvolvido pola UVigo nos últimos anos. 

A día de hoxe son 23 as entidades, tanto académicas como do sector empresarial adheridas á plataforma, que conta tamén co apoio da Red Matemática- Industria.