DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos profesores de CC da Educación e do Deporte Vicente Romo e José Luis García Soidán como titores  

Tres alumnas do IES A Xunqueira II convértense nas primeiras en defender un proxecto STEMBach no campus

Desenvolveron unha investigación sobre actividade física e saúde na infancia e mocidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/04/2021

Espertar no alumnado de bacharelato o interese pola investigación é un dos obxectivos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMBach, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia ao abeiro da Estratexia Galega de Educación Dixital, na que grupos de estudantes de diferentes institutos levan a cabo, ao longo de dous cursos, unha serie de investigacións baixo a titorización tanto de profesorado do seu centro como de docentes universitarios. Despois de que en maio do pasado ano se presentasen de xeito virtual os primeiros traballos xurdidos da participación de diferentes facultades e escolas da Universidade de Vigo nesta iniciativa, na mañá deste mércores tres alumnas do IES A Xunqueira II defenderon por primeira vez un traballo desenvolvido ao abeiro deste bacharelato STEMBach no campus pontevedrés.

Estudantes do bacharelato de ciencias no IES A Xunqueira II, Lucía Méndez, Chloé Lamas e Nerea Parra defenderon na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a investigación sobre actividade física e saúde en nenos e adolescentes que levaron a cabo coa docente deste instituto Esther Padín e os profesores da facultade Vicente Romo e José Luis García Soidán como titores. “Para nós foi un proxecto moi interesante, porque permite que as estudantes empecen a ter contacto coa Universidade”, salienta Romo dunha iniciativa que o estudantado realiza como unha actividade extraescolar, fóra do seu horario lectivo, e que, a pesares das limitacións ás que obrigou a covid-19, estas tres alumnas desenvolveron “con moita implicación”, como engade García Soidán. “É unha maneira de que o alumnado teña un primeiro coñecemento do que é a Universidade e de como se traballa nela” , engadiu Padín, que destaca o positivo desta iniciativa á hora de achegar ás participantes unha formación sobre “como aplicar o método científico e levar a cabo unha investigación, que é unha vantaxe que levan xa de cara ao futuro”.

Análise dos datos de preto 11.000 persoas

O profesor de Ciencias da Educación e do Deporte José María Pazos e as docentes do IES A Xunqueira II Soraya Suárez e Alba González integraron o tribunal encargado de avaliar o estudo destas tres alumnas, que traballaron cos “microdatos” da enquisa nacional de saúde do Ministerio de Sanidad, Consumo e Benestar Social. Concretamente, explica García Soidán, analizaron os datos de preto de 11.000 persoas, tanto nenos e mozos de entre 5 e 14 anos como os seus pais e nais, co propósito de atopar posibles relacións entre diferentes parámetros, como o índice de masa corporal e o tempo que dedicaban tanto a práctica de actividade física como o que permanecían diante de “pantallas” como o televisor. “Chegaron a unha serie de conclusións moi interesantes”, salienta Romo, que destaca que a análise realizada permitiu detectar unha correlación entre o índice de masa corporal das nais e o das súas fillas, maior que a existente entre o peso dos fillos e o das súas nais ou pais. Previamente, apunta Romo, estas tres alumnas “asistiron a unha serie de clases na facultade, nas que se lle deu formación sobre o paquete estatístico R e sobre o deseño dunha investigación”, á vez que coñeceron os procedementos de traballo no grupo de investigación Hi-10, que coordina García Soidán.

Diferentes proxectos en marcha

No presente curso, está prevista nos tres campus da Univesidade de Vigo a defensa de 26 estudos desenvolvidos ao abeiro do bacharelato STEMBach, que poñen fin ao traballo realizado ao longo de dous cursos por estudantes de institutos de diferentes partes de Galicia con docentes de diferentes facultades e escolas, no marco dunha iniciativa coordinada desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. No caso do campus de Pontevedra, ademais do defendido nesta xornada, tamén se puxo marcha un proxecto coa profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Diana Ramahí, mentres que tres grupos de estudantes do IES Ramón Cabanillas de Cambados levan a cabo investigacións coa EE Forestal, que neste caso, completaranse en 2022. De feito, este mércores un grupo de alumnos deste instituto participou na escola nunha sesión formativa inserida nun proxecto que terá como eixo o arboreto do campus.