DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo GEAAT organiza do 18 ao 20 de novembro unhas xornadas

Tres días para visibilizar a investigación en xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga

Nelas presentaranse as súas principais liñas de traballo e o seu labor en transferencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 04/11/2021

Formado por 34 investigadoras e investigadores das áreas de xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo ten vivido nos últimos anos un crecemento significativo. Para visibilizar o seu traballo e para perfilar as súas liñas de acción futura, o grupo celebrará do 18 ao 20 de novembro unhas xornadas de balance da súa actividade.

Un grupo en crecemento

A cita, que leva por título II Xornadas do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. Difusión de liñas estratéxicas e transferencia, celebrarase na Facultade de Historia do campus de Ourense. Coordinada pola arqueóloga e profesora da UVigo Beatriz Comendador, a actividade ten como obxectivo “visibilizar, pór en valor e incrementar o potencial do GEAAT no eido da investigación e a transferencia”. A súa celebración enmárcase nas accións desenvolvidas ao abeiro das axudas a grupos con potencial de crecemento, as axudas para a consolidación de grupos de investigación que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento para converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego da Xunta de Galicia, das que é beneficiaria o GEAAT.

As xornadas queren pór en valor a actividade deste Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, formado na actualidade por 34 investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, entre elas e eles investigadores principais, contratados de predoutoramento e posdoutoramento e de proxectos e estudantes de doutoramento e de mestrados con traballos académicos dirixidos, ademais de persoal de apoio e colaboradores externos. Trátase, comenta Beatriz Comendador, “dun grupo multidisciplinar e heteroxénero, que incorpora catro áreas (xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga) que abranguen temáticas moi diversas, desde a mitoloxía grega ata a arqueoloxía”. O seu traballo, subliña, “está especialmente vinculado ao estudo do territorio e dos recursos naturais do noroeste peninsular”, apostando pola realización de proxectos integrais de valorización do territorio, desde o punto de vista patrimonial, natural, arqueolóxico e histórico.

Investigación e transferencia

A programación das xornadas está estruturada en bloques por áreas de coñecemento (xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga), contando cada bloque cun convidado externo e diferentes intervencións a cargo de membros do GEAAT nas que se explican algunhas das súas liñas de actuación e proxectos. Así, ao longo dos días de programación haberá intervencións como a de Emmaline Rosado González (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro) sobre xeoparques mundiais da Unesco como nodos de desenvolvemento local e mesas redondas como O potencial da arte rupestre do interior transfronteirizo e o itinerario Caminos de Arte Rupestre Prehistórico (CAARP), na que participarán membros desta última iniciativa. Nas súas intervencións, os membros do grupo da UVigo explicarán proxectos arqueolóxicos como os desenvolvidos polo GEAAT en Armea, Adro Vello, Ons e Astariz; a súa participación en proxectos foráneos como o de Melka Kunture (Etiopía) ou Loco (Perú); ou a súa actividade en iniciativas como o grupo Démeter sobre mulleres da Antigüidade.

Se os dous primeiros días estarán centrados no eido da investigación, o terceiro estará dedicado á transferencia. Neste senso, Beatriz Comendador sinala como o grupo ten “nos últimos anos feito un grande esforzo en traballar a transferencia”. Neste senso subliña que “intentamos facer que todas estas iniciativas de valorización do patrimonio que realizamos sirvan para activar os recursos territoriais e sirvan de base tamén para transferir este coñecemento, que sexan útiles ás propias comunidades das contornas implicadas”. A programación das xornadas rematará cunha reunión do GEAAT “para facer balance e establecer a nova estratexia de futuro do grupo”. As sesións serán gravadas por UVigoTV, emitíndose en streaming cada unha das intervencións e sendo publicadas con posterioridade á celebración do encontro.