Nun ciclo organizado polo grupo de investigación e-LITE os días 20 de febreiro e 6 e 13 de marzo
Tres escritores disertarán nunha Redeira Literaria sobre a reescritura da historia
Os protagonistas son Ana Zamora, Borja Rodríguez Gutiérrez e Abel Caballero
A reescritura da historia será o tema principal arredor do cal se artellará o ciclo Redeira literaria. Falemos de literatura que organizan en vindeiras datas docentes do grupo de investigación e-LITE (Ediciones y Estudios de Literatura Española) da Universidade de Vigo. Como explica a profesora Montserrat Ribao, os días 20 de febreiro e 6 e 13 de marzo o edificio Redeiras acollerá ás19.00 horas as disertacións de tres figuras ben diferentes do mundo literario: a directora de escena Ana Zamora, o novelista e investigador Borja Rodríguez Gutiérrez e o alcalde de Vigo e tamén escritor Abel Caballero.
En palabras de Ribao, estas tres figuras que conforman a Redeira, “ademais de seren creadoras, teñen unha dimensión pública que, ás veces, eclipsa o perspicaz da súa reelaboración literaria”. Ana Zamora, que intervén este xoves 20, é Premio Nacional de Teatro en 2023 con Nao d'amores, “o que supón un merecido recoñecemento ao seu traballo de moitos anos a prol da recuperación do patrimonio teatral español”, salienta Ribao. Na súa intervención falará sobre “a complexidade de adaptar o teatro prebarroco á escena (e á sensibilidade) actual e das disxuntivas ás que se enfronta, como directora artística, nesa tarefa”. O segundo convidado será, o día 6 de marzo, Borja Rodríguez Gutiérrez, recoñecido investigador da literatura dos séculos XIX-XX e presidente da Real Sociedad Menéndez Pelayo, de Santander. Como novelista, explica Ribao, “é autor de varios títulos e disertará sobre dous deles (El traidor de la corte e Oscuro bajo los acebos), que recrean diferentes intrigas policíacas nos tempos revoltos de Pedro I, o Cruel, e o seu medio irmán Enrique de Trastámara”. Abel Caballero, que clausurará o ciclo o 13 de marzo, “é ben coñecido como político, pero ten tamén unha importante faceta como escritor. De feito, é autor de catro novelas que mesturan sempre a intriga e o suspense coa historia (a Idade Media e o Renacemento en La elipse templaria e El hombre que tenía miedo al mar, respetivamente), co histórico (a guerra civil en El invierno de las almas desterradas; ETA en La puerta amarilla) e con Galicia. A partires delas, o alcalde de Vigo e novelista explicará o seu propio proceso creador, a unión da vida e da literatura”, explica Ribao.
Un ciclo arredor da reescritura da historia
Sobre a orixe deste ciclo, a profesora Montserrat Ribao, explica que “os integrantes do grupo de investigación Ediciones y Estudios de Literatura Española, que organiza esta Redeira Literaria, temos intereses investigadores diversos: Antonio Chas Aguión é medievalista e experto en poesía de cancionero; José Montero Reguera ocúpase dos séculos XVI-XVII, con especial interese por Cervantes; e eu mesma dedícome á literatura contemporánea. Porén, os tres traballamos con obras que reescriben a historia e a converten en textos literarios con finalidades diversas”. Deste xeito, cando comezaron a preparar o cronograma de actividades do grupo para este ano, continúa Ribao, “propuxen aos meus compañeiros organizar un ciclo de conferencias xustamente sobre o tema común ás nosas investigacións, a reescritura da historia, que, polo xeral, é un recurso para abordar o presente e as súas controversias coa prudente distancia que ofrecen os tempos xa pasados”.
Un ciclo nace con vocacións de continuidade
Esta será a primeira edición do ciclo, pero a docente subliña que Redeira é “unha actividade acaída para a divulgación literaria e agardamos ter unha boa acollida e asentar a nosa proposta, en próximas edicións, como un espazo para a conversa entre creadores e lectores”.
Respecto do público obxectivo, Ribao destaca que “o espectro é moi amplo” e agardan a asistencia de alumnado dos graos e posgraos da Universidade, en especial do ámbito humanístico, pero tamén o alumnado sénior da UVigo, os egresados, "que seguen as nosas actividades a través das redes sociais, e, en xeral, calquera persoa interesada nos libros e nas historias da Historia que eles contan, recrean e reelaboran”.
O ciclo de conferencias Redeira literaria está financiado polo contrato-programa coa Universidade de Vigo acadado polo grupo Ediciones y Estudios de Literatura Española, e forma parte, así mesmo, do plan de transferencia do proxecto PID2022-136346NB-I00 do plan nacional, dirixido dende a UVigo.