Procedentes de España, Portugal, Polonia, Ucraína e Bielorrusia
Unha trintena de estudantes participa nun programa internacional da Fctou sobre xestión do enoturismo
Ao longo desta semana visitan zonas vitivinícolas da Ribeira Sacra, O Ribeiro e norte de Portugal
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fctou) do campus de Ourense celebra ao longo desta semana un programa que permite a unha trintena de estudantes do centro e de universidades de Portugal, Polonia, Ucraína e Bielorrusia, coñecer de primeira man o sector vitivinícola da contorna e as súas potencialidades turísticas. A iniciativa leva por nome Blended Intensive Program (BIP) Wine Tourism Management (Programa Intensivo Combinado sobre Xestión do Enoturismo), e ten como lema Innovación e sostibilidade: da tradición vitivinícola á experiencia do cliente.
O alumnado participante procede de facultades con titulacións de Turismo coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá realizou acordos para a celebración deste evento ou coas que xa viña colaborando en iniciativas previas. O obxectivo da actividade, indican desde a súa organización, é dar a coñecer ao alumnado algunhas das experiencias máis importantes de enoturismo en Galicia e no norte de Portugal, analizando a relación que se dá nelas entre territorio, viño e turismo. Con este programa, engaden, o alumnado ten a oportunidade de afondar no enoturismo como experiencia, coñecendo de primeira man o seu papel na posta en valor da paisaxe cultural e o desenvolvemento territorial. Na actividade colabora o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e a Deputación de Ourense.
Unha intensa programación entre Galicia e Portugal
O programa consta de dúas partes. Unha de formación on-line, que se desenvolve do 5 e 15 de xuño, e outra presencial, que ten lugar desde este luns e ata o venres, tendo como punto de partida cada día a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Cada sesión que se celebra esta semana combina coñecemento académico, a través de conferencias, co contacto directo co sector e con experiencias únicas nalgúns dos destinos vitivinícolas máis singulares de Galicia. É ademais, unha oportunidade para o estudantado da facultade ourensá, especialmente do Grao en Turismo, de enriquecer a súa formación a través do contacto con alumnado internacional.
A programación arrancou este luns cunha vista a Monforte de Lemos e a súa contorna para coñecer a Ribeira Sacra, as características desta denominación, adegas como Regina Viarum e Adega Proencia e lugares de interese turístico como a Reitoral de Gundivós, de olaría. Este martes a actividade continúa en Monterrei e Verín, combinando igualmente o achegamento ao desenvolvemento vitivinícola da zona, ao traballo de empresas como Adegas Triay e Cabreiroá e a enclaves de interese turístico, como a acrópole de Monterrei. Por último en Galicia, as persoas participantes neste programa achegaranse a Ribadavia e a súa contorna, para coñecer o seu desenvolvemento enoturístico, entidades como as cooperativas do Ribeiro e Ribeiro-San Clodio, a Adega Cuñas Davia e o Museo do Viño de Galicia.
Os dous últimos días a actividade levará ao alumnado ao norte de Portugal. O xoves, irán a Vila do Conde, para coñecer na súa Escola Superior de Hotelária e Turismo a aposta da zona polo turismo relacionado co sector vitivinícola, os seus cruceiros e o WOW Museums. O venres será a quenda de Vila Real, do Espaço do Oleiro, o Barro Preto de Bisalhães e o Val Moreira.
