Para as teses lidas neste curso 2024/2025
Últimos días para concorrer aos Premios Extraordinarios de Doutoramento
O prazo remata este venres 12 de setembro
Este venres día 12 de setembro remata o prazo para presentar candidaturas aos Premios Extraordinarios de Doutoramento, unhas distincións que recoñecen o alto nivel de calidade das teses de doutoramento. Esta convocatoria está destinadas aos traballos defendidos ao longo do curso 2024/2025, en concreto, entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025, sempre e cando acadasen a mención cum laude.
A convocatoria organízase arredor dos campos de avaliación definidos pola CNEAI (Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora). Deste xeito, no eido das Ciencias outorgaranse sete galardóns, dos cales un será para o eido das Matemáticas e Física, outro para Química, outro para Bioloxía Celular e Molecular, outro para Ciencias Biomédicas e tres no eido das Ciencias da Natureza.
No eido da enxeñaría outorgaranse catro premios, do modo que un será para teses presentadas no eido das Tecnoloxías Mecánicas e da Produción; dous para o campo da Enxeñaría da Comunicación, Computación e Electrónica e outro no campo da Arquitectura, Enxeñaría Civil, Construción e Urbanismo. Xa no eido Xurídico-Social despregaranse outros cinco premios: dous no eido das Ciencias Sociais, Políticas e do Comportamento; outro en Ciencias da Educación; outro en Ciencias Económicas e Empresariais e un quinto relacionado co Dereito e Xurisprudencia. Finalmente, o eido da Arte e as Humanidades comprende outros tres premios: un deles relacionado co eido da Historia e a Arte e outros dous coa Filosofía, a Filoloxía e a Lingüística.
O curso pasado outorgáronse 21 premios
Na anterior convocatoria destes premios, a correspondente ao curso 2023/2024, foron galardoadas 21 investigadores e investigadoras (13 homes e 8 mulleres) de todos os eidos de coñecemento. Tres deles no eido das humanidades, seis no eido das ciencias, cinco en enxeñaría e outros sete no eido xurídico-social.
Os premios deste ano entregaranse, como todo os anos, no transcurso do acto académico de celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino, que ten lugar a finais do mes de xaneiro.
