DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de xaneiro

Últimos días para presentarse aos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga

Están dotados con 3600 euros pola empresa Viaqua

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 08/01/2021

O prazo para presentarse á convocatoria dos III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020, feita pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, remata o luns 11 de xaneiro. Estes galardóns pretenden estimular a promoción do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense, distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. A dotación económica dos premios, que ascende a un máximo de 3600 euros, é proporcionada por Viaqua, no marco dun convenio de colaboración asinado entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

Poden concorrer a calquera das modalidades dos galardóns persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado desta Universidade matriculado no curso 2018/2019 ou no curso 2019/2020 que cumpra os requisitos da modalidade do premio ao que se presenta.

Categorías e premios

Os galardóns contan con cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. En canto a resultados de transferencia, enténdense como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo e finalizado entre 2019 e 2020 e sendo necesario que todos os membros do proxecto ou contrato do que deriven resultados relevantes de transferencia cumpran a condición de ser persoal docente e investigador ou alumnado da Universidade de Vigo. Ningún solicitante poderá concorrer simultaneamente a máis dunha modalidade destes galardóns.

Unha comisión presidida polo director do Campus Auga, Enrique Barreiro, avaliará as propostas presentadas. Os criterios de valoración dos méritos nos premios de investigación e transferencia serán o vencello con temáticas da auga; a orixinalidade e innovación no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitadas ao problema exposto e a utilidade ou aplicabilidade social e científica e a factibilidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais. No caso da categoría de divulgación científica os méritos a valorar serán o vencello con temáticas da auga; a creatividade no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e claridade da linguaxe empregada na divulgación científica e o impacto potencial ou factual da achega. Segundo a categoría, a contía do premio oscila entre os 500 e os 800 euros, suxeita ás retencións do IRPF que estableza a normativa vixente.