DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para visibilizar esta “importante revolución no eido da xeración do coñecemento”

A Unidade de Igualdade dedica o seu almanaque á inclusión da perspectiva de xénero na investigación científica

O calendario pode recollerse nas conserxerías ou descargarse en formato pdf

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/12/2024

O almanaque da Unidade de Igualdade para o 2025 porá o foco nunha “importante revolución que se está a producir no ámbito da xeración do coñecemento científico: a inclusión da perspectiva de xénero na investigación científica, a fin de producir un saber científico de maior rigor e excelencia”. Así o explica Águeda Gómez, directora deste servizo ata o seu recente nomeamento como asesora científica do Ministerio de Igualdade.

A docente destaca que esta “revolución” poder verse reflectida “nas convocatorias de prestixio en Europa e a nivel estatal e as revistas científicas máis prestixiosas, como Nature, The Lancet ou Science, que están a esixir a incorporación da perspectiva de xénero en todas as fases do proceso, dende a elección do obxecto de estudo ata a metodoloxía e a transferencia dos resultados”. Na súa opinión, esta tendencia amosa “unha aposta clara por eliminar os nesgos sexistas e tratar desigualdades estruturais que afectan diversos aspectos do ámbito investigador e que buscan construír un contexto máis rigoroso no ámbito do coñecemento científico”.

O almanaque deste 2025 recolle, mes a mes, unha serie de artigos científicos “de excelencia e calidade” publicados en Nature, The Lancet, Sciencie e outras revistas similares, co obxectivo de “difundir as novas tendencias científicas e inspirar a nosa comunidade científica”. As persoas interesadas en ter un exemplar do almanque poden solicitalo nas conserxerías ou ben descargalo en formato pdf na web da Unidade de Igualdade.

Ciencia en igual de xaneiro a decembro

Para o mes de xaneiro seleccionáronse dous artigos das revista Sociologia Del Lavoro e de American Sociological Review, que analizan a desigualdade entre mulleres e homes nos ámbitos científico e académico, derivada do chamado labirinto de cristal — que inclúe conceptos como a fenda de coidados, teito de cristal, chan pegañento, división sexista do traballo académico, 'leaking pipe' ou o cano que pinga, o acoso sexual e o androcentrismo institucional — e que está a perpetuar a desigualdade de xénero estrutural na universidade e na investigación. No mes de febreiro abórdase a mesma temática sobre os obstáculos que deben sortear as mulleres científicas, derivadas da conxunción da fenda de coidados e as resistencias e hostilidades dunha institución que as ignorou durante séculos, coa selección de dous artigos publicados en Science e en Springer Nature. 

O mes de marzo tamén afonda na desigualdade de xénero no mercado laboral e a fenda salarial, con dous textos seleccionados da revistas Fiscal Studies e Social Psychology Quarterly. En abril e maio seleccionáronse varios textos sobre a análise do chamado Efecto Matilda, é dicir, os dispositivos de poder que operan na ciencia e invisibilizan sistematicamente as achegas das mulleres científicas, con catro artigos científicos publicados en Nature e un artigo publicado en Globalhealth5050. En xuño e xullo abórdanse os innovadores estudos recentes sobre saúde e sexualidade feminina, cunha serie de artigos publicados no Annual Reviews of Inmunology, en Science e Nature.

En agosto e setembro ponse o foco no eido tecnolóxico en clave de xénero, en particular na intelixencia artificial xenerativa, a través dunha serie de traballos publicados en revistas como Stanford Social Innovation Review, a revista Futurity, Sify Tecnologies ou dous artigos publicados en Nature e un estudo realizado pola UNESCO sobre os nesgos de xénero na IA. Os meses de novembro e decembro dedícanse á investigación relacionada co acoso sexual e as violencias machistas nos círculos académicos, con varios artigos publicados en Nature.

Con toda esta selección,  conclúe Águeda Gómez, “queremos convidar á nosa comunidade científica e ao alumnado universitario a reflexionar sobre a necesidade de incluír a perspectiva de xénero nas nosas investigacións, non por cuestións de carácter ideolóxico, senón para producir coñecementos científicos máis completos, precisos, minuciosos e rigorosos, en definitiva, de maior calidade e excelencia.