DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analiza a evolución dalgunhas titulacións dende a súa creación ata a actualidade

A Unidade de Igualdade deseña un almanaque para visibilizar a presenza das mulleres na UVigo

Os exemplares poden recollerse nas conserxerías ata esgotar existencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/01/2022

Ausentes durante séculos das universidades, as mulleres foron pouco a pouco facéndose co seu sitio nas aulas, sobre todo a partir da segunda metade do século XX. Pero aínda que na actualidade a súa presenza está normalizada, seguen a persistir desigualdades entre eidos de coñecemento e entre categorías profesionais. Esta evolución é a que a Unidade de Igualdade quere visibilizar no seu almanaque para o 2022 baixo o título E as mulleres entraron na universidade. No seu limiar explícase que un dos grandes dereitos conquistados polas mulleres foi o acceso á universidade e esta incorporación masiva é un factor moi importante para explicar o gran crecemento da economía española na segunda parte do século XX, algo pouco recoñecido na nosa sociedade.

Páxina a páxina e mes a mes, o calendario repasa as principais pioneiras no acceso ás institucións de educación superior e os fenómenos aos que se enfrontan na actualidade as mulleres no desenvolvemento da súa vida académica e docente, como o efecto Matilda ou o teito de cristal. Tamén se analiza a evolución da presenza feminina en varias titulacións da Universidade de Vigo dende o seu nacemento ata a actualidade, amosando como nalgúns casos cambiaron as circunstancias e noutro non.

O calendario está dispoñible para a súa recollida nas conserxerías das facultades, escolas e centros ata esgotar existencia e tamén en formato pdf na web da Unidade de Igualdade.      

Mes a mes, ámbito a ámbito

Segundo se recolle no limiar do calendario, a idea fundamental desta ferramenta é poñer en valor “un dos grandes dereitos conquistados polas mulleres”, como foi o acceso á universidade. “A súa incorporación masiva a esta é o factor máis importante para explicar o gran crecemento da economía española na segunda parte do século XX, algo pouco recoñecido na nosa sociedade”, na que as mulleres representan o 58 % do alumnado (Eurostat, 2021) e obteñen mellores resultados (CRUE, 2019). Así, a través das doce páxinas do 20222 trátase de trazar unha “xenealoxía” deste proceso, “desenvolvendo a historia das mulleres (herstory) e os seus pequenos e grandes fitos”. 

Así, o mes de xaneiro está dedicado a pioneiras como Concepción Arenal, primeira galega en acceder á universidade ou Manuela Barreiro Pico, primeira galega en titularse. Febreiro pon o foco en determinados fenómenos do eido universitario, como a segregación vertical e a horizontal, a fenda de coidados ou a recente Lei 13/2021 Ángeles Alvariño, pioneira no Estado, promove medidas como establecer accións positivas para evitar estas penalizacións na carreira investigadora. A partir de marzo, o almanaque céntrase en varios centros da Universidade de Vigo para amosar a súa evolución e visibilizar algúns dos anteriores fenómenos. Así, en marzo a protagonista é a Escola de Enxeñaría Industrial  lembrando que na Universidade de Vigo, das tres alumnas pioneiras no curso de 1940, só Ángela González Garrido, formada na Escola Técnica de Peritos Industriais de Vigo, rematou a carreira. O seguinte mes é para a Enxeñaría de Telecomunicación, repasando os nomes das alumnas da primeira promoción, egresadas en 1990, que hoxe son profesoras na UVigo: Verónica Santalla, María Vera Isasa e Mónica Mato, Victoria Abreu (xubilada). En Maio destácase como o Grao en Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo reflicte a masculinización do eido tecnolóxico, xa que a pesar de que a titulación comeza no curso 2016/2017 cunha proporción optimista de case un 40 % de mulleres, nas seguintes promocións baixa ata o 26,77 % no curso 2020/2021. En xuño o almanaque reflicte que na titulación de Enxeñaría de Minas, implantada na Universidade de Vigo no curso 1992/1993, pouco máis dun cuarto das matrículas son femininas.

O eido humanístico tamén ten espazo no calendario e no mes de xullo explícase que acceso das mulleres ás escolas de arte tivo limitacións, xa que lles estaba prohibido mirar modelos espidos, polo que non quedaba outra que especializarse en bodegóns e paisaxes, que limitaban a libre expresión artística. Con todo, as mulleres na actualidade representan o 60 % do alumnado de Belas Artes en España. Porén, no terreo profesional as mulleres non están xustamente representadas en exposicións, galerías, museos e centros de arte.

A fisioterapia é a protagonista do mes de agosto, poñendo de manifesto que as carreiras relacionadas coa ensinanza e coa saúde seguen a estar dominadas por mulleres. Estas permiten seguir perpetuando o rol de coidadoras e ofrecen un futuro laboral máis seguro, onde as competencias femininas non serán cuestionadas, senón xustificadas polo xénero. No Grao en Fisioterapia da UVigo as mulleres supoñen as tres cuartas partes das matrículas. 

No eido estritamente científico, o mes de setembro céntrase na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, onde a representación feminina é baixa, xa que “as mulleres con vocación científica atópanse cun sistema que as afasta das áreas das ciencias por mor dos estereotipos de xénero e cun panorama complexo no terreo profesional”. En outubro o almanaque ocúpase das ciencias económicas, que foron consideradas un campo de coñecemento de homes, a pesar das “importantes achegas das mulleres”. No momento fundacional da Universidade de Vigo, no curso 1989/1990 e anteriores, había 19 mulleres docentes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. As 49 alumnas desa primeira promoción representaban máis do 60 % do estudantado, unha maioría feminina que chega ata hoxe. 

A Facultade de Historia ocupa o mes e novembro, no que se explica como “a historia que nos contaron invisibilizou as persoas e se reclaman “máis mulleres en xeral, e máis mulleres críticas que reconstrúan o relato histórico dende a perspectiva de xénero”, poñendo como exemplo a  Milagros Cavada e M.ª Victoria Carballo-Calero, que foron unhas das primeiras docentes e seguen neste ámbito. O ano péchase con Filoloxía e Tradución, repasando os nomes dalgunhas das pioneiras, como Dolores Troncoso e Camiño Noia, profesoras no Colexio Universitario de Vigo (Cuvi), implantado en 1973 e primeiras decanas da FFT e as catedráticas M.ª do Carmo Henríquez, Elena Sánchez Trigo e Veljka Ruzicka. O alumnado foi desde os inicios maioritariamente feminino.