DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vicerreitora do campus mantivo unha xuntanza coa nova directiva desta asociación cultural

Universidade e Ateneo buscan potenciar as súas vías de colaboración

Un dos obxectivos é “establecer sinerxías no desenvolvemento de actividades”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/12/2025

Abordar diferentes vías que permitan potenciar a colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ateneo de Pontevedra foi o obxectivo central da reunión que a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, mantiña este luns con representantes da nova xunta directiva desta asociación cultural. O novo presidente do Ateneo, Luis Rei, o tamén integrante da directiva José María Fernández e o membro do anterior equipo directivo Manuel Morquecho participaron nun encontro que supuña unha primeira “toma de contacto” tras a elección de Rei como presidente no mes de novembro. 

Tras a reunión, Lantarón destacou a vontade da Vicerreitoría de “seguir colaborando como ata o de agora co Ateneo e incluso de fortalecer esa colaboración, coa realización de actividades comúns”, así como buscando “unha maior difusión das actividades que realicen cada unha das dúas institucións”. A vicerreitora sinalou nese senso o interese por poder desenvolver no futuro “actividades conxuntas”, xa que “con moitos dos centros do campus, poden establecerse sinerxías interesantes”, nomeadamente, sinalou, no relacionado “coas titulacións da contorna creativa”. 

Rei salientou o “apoio importante” que supón a Vicerreitoría para a esta asociación creada en 1965, lembrando que a Casa das Campás é a sede de varios dos relatorios que organizan, do seu club de lectura ou mesmo de reunións da propia entidade. “Queríamos ter este contacto para agradecer toda este apoio e comunicar o noso interese por seguir manténdoa”, salientou Rei, que incidiu así mesmo na posibilidade de explorar novas liñas de colaboración, tendo en conta ademais que o Ateneo promove cada ano entre 40 e 50 actividades. Neste punto, sinalou á posibilidade de que poidan organizarse actos abertos á cidadanía con especialistas que participen en iniciativas dos diferentes centros do campus, mais tamén a posibilidade de que conferenciantes convidados ou convidadas a iniciativas do Ateneo poidan acudir a algunha facultade “e ter un encontro co alumnado”.