DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de Campus Spain, proceden de países como Ucraína, Australia, Indonesia, Xemen ou Sri Lanka

A Universidade dá a benvida a 50 novos estudantes internacionais de español

Realizarán un programa de lingua e cultura para despois poder cursar un grao en España

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 06/10/2022

50 novos estudantes internacionais incorporaranse a partir do luns ás clases na Universidade de Vigo, en concreto no programa Español: Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade do Centro de Linguas. Procedentes principalmente de Asia, África e Oceanía, chegan a Vigo para aprender español ao longo dos dez primeiros meses, coa vista posta en poder cursar unha carreira universitaria na UVigo ou noutra institución do sistema universitario español.

Para darlles a benvida, este xoves tiveron un acto no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa presenza da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, a coordinadora académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, o profesorado do programa e os responsables de Campus Spain. A vicerreitora foi a encargada de recibilos e sinalaba que o que teñen por diante nos próximos meses, de cara a acadar o nivel B2 de castelán, “é un reto, pero tamén é fermoso”. Del Pozo tamén lles deu os parabéns por escoller para formarse o español, “un dos idiomas máis falados no mundo” e o sistema universitario español, moi recoñecido en toda Europa e “cuxos egresados son moi recoñecidos e demandados por países como Noruega ou Alemaña”. Animounos a aproveitar “cada minuto que esteades aquí” e a integrarse na vida dos campus e tamén das cidades, para poder mergullarse na cultura, na lingua e nos costumes, “de modo que cando rematedes sexades máis ricos tanto mental como espiritualmente”. A vicerreitora tamén tivo palabras para as familias destes estudantes, “que de seguro están facendo un enorme esforzo tanto económico como emocional, e nós apreciámolo e imos estar pendentes de vós e do que precisedes durante a vosa estadía, tanto no eido académico como persoal”.

Previsión de chegar aos 75 estudantes

Neste acto de benvida participaron 45 estudantes, aos que se sumarán outros cinco que chegarán a Vigo o luns. A maiores, dende o Centro de Linguas e Campus Spain agardan que ao longo das próximas semanas se incorporen ao curso de español outros 25 mozos e mozas que aínda están pendentes da concesión dos correspondentes visados. O grupo está formado por mozos e mozas procedentes de Ucraína, Australia, Indonesia, Iemen, Tunisia, EAU, Filipinas, India, Malaisia, Ruanda, Sri Lanka, Irán, Xordania e Exipto que, como destacan dende o Centro de Linguas, “incrementan o xa destacable número de alumnado internacional da Facultade de Filoloxía e Tradución, converténdoa así nun auténtico crisol lingüístico e cultural”.

O obxectivo, captar alumnado para o campus

Este será o quinto ano académico que o Centro de Linguas acolla a alumnado internacional que non fala español co obxectivo de que, tras dez meses de docencia, poidan acreditar un nivel B2, requisito para estudar un grao universitario en España. Para moitos deles, o destino definitivo o próximo curso será a propia Universidade de Vigo e coa vista posta en familiarizalos coa UVigo, a Área de Captación de Alumnado está a organizar visitas aos centros dos tres campus durante os vindeiros meses, para que este alumnado coñeza todas as posibilidades que lles ofrece a institución cando teña que escoller titulación universitaria.

Un escape room e varias visitas

Despois da recepción, as e os estudantes tiveron unha primeira toma de contacto co campus a través dun escape room organizado pola área de Captación de Alumnado. Con esta actividade o grupo puido familiarizarse tanto coas distintas facultades coma con puntos de referencia do campus e coñecer proxectos como o monopraza construído polo alumnado de UVigo Motorsport. A xornada completouse cunha visita á Biblioteca Central para deixar paso, na xornada de mañá venres, a unha serie actividades, como unha recepción na Facultade de Filoloxía e Tradución, da man de José Montero, decano do centro que acollerá a estes estudantes durante este curso e da vicerreitora de Internacionalización. Posteriormente coñecerán tamén o profesorado do Centro de Linguas, que será o encargado da docencia do curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade, que arrancará o vindeiro luns.