DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun convenio de colaboración con este obxectivo

Universidade e Concello crearán un Espazo Maker para fomentar a innovación tecnolóxica e creativa

Estará situado nas instalacións do campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 26/04/2022

Universidade de Vigo e Concello de Ourense crearán no campus de Ourense un Espazo Maker para fomentar a innovación tecnolóxica e creativa. A iniciativa é froito dun convenio de colaboración asinado este luns entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense. Esta acción desenvólvese no marco do proxecto Emprende Makers, do que son beneficiarias as dúas institucións.

O proxecto Emprende Makers foi aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Liderado polo Concello de Ourense, ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidad de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho.

Emprendemento e divulgación

Emprende Makers ten como principal obxectivo crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa. Ademais, facilitará que as persoas interesadas (especialmente as máis novas) poidan acceder a un espazo e a unhas ferramentas que lles permitan desenvolver proxectos de carácter tecnolóxico e creativo dende a súa concepción e prototipado ata o seu testeo e adaptación ás necesidades do mercado e a súa posterior aceleración e lanzamento.

Igualmente, o proxecto contempla poñer a disposición das e dos usuarios interesados unha serie de espazos e sistemas que fomenten o emprendemento e a creatividade na área de innovación. Neste espazo Maker habilitarase tamén un espazo Kids para fomentar o emprendemento e a innovación social a idades temperás, onde potenciar a creatividade e a capacidade de innovar, a través de actividades lúdicas e educativas enfocadas ao deseño e á fabricación dixital.

Neste contexto, o convenio asinado este luns establece as bases de colaboración entre o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo para pór en marcha este Espazo Maker. Estará situado nas instalacións do campus de Ourense e dotarase de tecnoloxías e ferramentas dixitais (impresoras 3D, cortadoras láser, realidade aumentada, big data...) enfocadas ao deseño e á fabricación dixital.