DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do convenio que hoxe presentaron o vicerreitor do campus e a concelleira de Promoción Econ

Universidade e Concello impulsan 50 actividades para reactivar o tecido económico e cultural de Pontevedra

Obradoiros, conversas, teatro, música ou roteiros forman parte desta programación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Teatro
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/09/2021

Contribuír á reactivación da vida cultural, académica e económica de Pontevedra é o propósito central do programa de actividades que a Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade impulsarán nos próximos meses, ao abeiro do convenio recentemente asinado entre a UVigo e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías. Medio cento de actividades, todas elas gratuítas e que se desenvolverán principalmente no que resta de 2021, integran o abano de propostas impulsadas ao abeiro do convenio que este mércores presentaron o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. A posta en marcha dunha aula de teatro, un programa de obradoiros, un ciclo de conversas dirixido a “repensar a cidade”, unha serie de rutas por Pontevedra e diferentes actuacións musicais son algunhas das propostas inseridas nunha programación dirixida tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía.

Segundo salientou o vicerreitor, trátase dun conxunto de actividades, resultado de “meses de traballo”, que están "á vangarda” e que abordan temáticas “de interese universitario e cidadán”, á vez que buscan como contribuír a que “Pontevedra sexa cada día máis unha cidade universitaria”. Nese senso, Soto salientou a “confianza que puxo en nós a concelleira de Promoción Económica", quen pola súa banda incidiu en que “o campus é primordial no tecido social e e económico da cidade”. Blanco explicou que tras o convenio atópanse “50 actividades, divididas en doce bloques e que se achegan a diversos ámbitos”, desde a promoción do comercio local, ata “a cultura, a educación, o medio ambiente ou o desenvolvemento tecnolóxico”. Neste punto, Agrelo lembrou que “todos estes son ámbitos que veñen de pasar uns meses ben duros debido á covid-19”, de tal xeito que o obxectivo deste convenio era impulsar “unha programación cultural e educativa vinculada coa promoción económica”. 

Complementos formativos para alumnado ou empresariado

Nesta programación insírense os obradoiros da Aula Crea, unha serie de actividades formativas que teñen como eixos “a creatividade e a promoción económica” e que foron articuladas co obxectivo que de “que respondesen tanto as demandas do campus como aquelas que parten do comercio local”, apuntou Agrelo. Con inscrición gratuíta ata completar as 15 prazas ofertadas, entre estes talleres, que se desenvolverán entre setembro e novembro, figura un centrado en como introducir os videoxogos “no proceso de ensino e aprendizaxe”, así como outro de “ilustración en acción” que contribuirá a que “as persoas participantes atopen unha marca para os seus proxectos académicos ou iniciativas empresariais”. Impartidos por profesionais, esta programación complétase cun obradoiro de fotografía creativa, outro de creación de contidos para redes sociais e un taller sobre gravación 360, dirixido a promover “unha inmersión virtual nesta cidade”.

O teatro retorna ao campus

Outra das propostas será a “recuperación da aula de teatro”, coa que xa contan os campus de Vigo e Ourense, pero non así o pontevedrés, “que si a tivera anos atrás”. Esta aula, explicou Agrelo, terá como sede a Facultade de Belas Artes e buscará completar o achegamento ao “proceso de creación teatral” coa preparación dunha montaxe coa que participar na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu). Asemade, esta actividade verase complementada polas representacións teatrais “doutras universidades nacionais e internacionais” que a cidade acollerá na primavera de 2021.

Pensar e percorrer a cidade

Coa cidade como un dos seus “epicentros fundamentais”, nesta programación insírese un ciclo de conversas entre profesionais do xornalismo e “figuras que teñen un coñecemento e unha traxectoria profesional” vinculadas á idea da cidade, coas que se buscará “revisitar Pontevedra desde esa perspectiva de reflexión e análise”, apuntou Agrelo. Tratarase de encontros mensuais, nos que xa está confirmada a participación do investigador da UVigo, recoñecido coa bolsa Starting Grant do ERC, e responsble do Post-growth Innovation Lab Mario Pansera; da arquitecta e ex-conselleira Teresa Táboas, do pintor e escritor Antón Patiño e do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Outra das propostas centradas na cidade será unha “serie de roteiros que nos permitirán visualizar Pontevedra desde múltiples enfoques; desde o patrimonial, o cultural, o botánico e tamén desde o propio comercio”, adiantou Agrelo. Así mesmo, tamén se impulsarán uns premios para traballos de fin de grao e mestrado dirixidos a “apoiar os proxectos de aquel alumnado que sitúa a creación, a innovación e a Pontevedra no epicentro das súas investigacións”. 

Música, cinema, ciencia e tecnoloxía

Outra das propostas para este cuadrimestre será un "ciclo STEM" que buscará establecer vínculos da ciencia e a tecnoloxía coa “arte, a lectura e as aprendizaxes múltiples”, salientou Agrelo. Con esa idea, desenvolveranse unha serie de “pequenos obradoiros” que levarán a “construír relatos a partir de circuítos electrónicos”, a afondar “nas ficcións dixitais dentro dun mundo líquido”, a abordar as aplicacións da intelixencia artificial e á “recuperación e espazos dentro da cidade desde a perspectiva da sostibilidade”. 

Xa no eido cultural, a programación abranguerá unha serie de concertos de “grupos galegos de diferentes tendencias”, así como unha actividade que vinculará música e integración e un ciclo de “ecopercusión”. Por outra banda, esta colaboración entre Concello e Universidade buscará tamén, salientou Agrelo, “involucrármonos de forma máis decidida” no festival Novos Cinemas, ao abeiro do que se desenvolverán “toda unha serie de actividades diversas e plurais”, como obradoiros, proxeccións, clases maxistrais, encontros cinematográficos ou proxeccións.