DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio de colaboración dirixido a propor melloras para a práctica docente

Universidade e Deputación estudarán como se aborda a situación sociolingüística do galego nas aulas de secundaria e bacharelato

O estudo pon o foco no bloque de contidos 'Lingua e sociedade'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/05/2022

Mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego e contribuír a que o alumnado de secundaria e bacharelato comprenda as dinámicas das linguas como chave para garantir o futuro do idioma. Este é, como salientan desde a Deputación de Pontevedra, o propósito do convenio asinado entre a institución provincial e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento dun estudo dirixido a coñecer como se están traballando nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade, dentro da materia Lingua galega e Literatura, para a partir de aí propor melloras para a práctica docente. 

“A normalización do galego non pasa só polo seu ensino formal no sistema educativo”, subliña Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da UVigo (ANL), que se encargará de desenvolver un estudo que busca coñecer as demandas e expectativas do profesorado responsable da materia Lingua e literatura galega co obxectivo de facilitarlles ferramentas docentes. Nese senso, o responsable da ANL incide precisamente en que un dos elementos fundamentais “para lograr esa ansiada normalización" do idioma é "construír, traballar e transmitir saberes relacionados coa situación sociolingüística de Galicia desde unha perspectiva crítica”. 

A deputada de Lingua, María Ortega, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, en representación do reitor, protagonizaron recentemente a sinatura protocolaria deste convenio, polo que o organismo provincial financia con 17.000 euros un estudo que se levará a cabo ao longo do presente ano. Tras esta sinatura, Ortega subliñou que a Deputación sempre apoiará proxectos de investigación sobre a diagnose da lingua e a definición de estratexias para recuperala, como xa fixo en anteriores exercicios do lado da UVigo.

Lingua e sociedade

Como se recolle na memoria do proxecto, o bloque Lingua e sociedade “ten presenza ao longo de todo o ensino secundario e bacharelato, a diferenza do que acontece no currículo de Lingua castelá e Literatura” e constitúe “un dos cinco bloques fundamentais de coñecemento" nos currículos educativos. Os seus contidos “céntranse, en boa medida, na lingua galega e na súa situación sociolingüística, mais tamén na diversidade lingüística en xeral e na comprensión e valoración do multilingüismo como feito”. De aí que os impulsores deste estudo poñan de relevo que “a especifidade destes contidos é central para a comprensión das dinámicas das linguas en Galicia e supón un dos alicerces da formación sociolingüística do alumnado galego”. 

Non obstante, “a pesar da relevante presenza no currículo escolar destes contidos”, estes non sempre ocupan “un lugar central” nas titulacións nas que se forman os futuros profesores e profesoras, do mesmo xeito que “son escasos” os materiais específicos sobre esta cuestión dirixidos ao ensino obrigatorio. 

Coñecer a perspectiva do profesorado

Coordinado por Ramallo, o estudo no que participará un equipo de sociolingüistas ten entre os seus obxectivos xerais a elaboración dun informe sobre como se están a abordar estes contidos nos institutos da provincia de Pontevedra, pondo o foco na perspectiva do persoal docente. “O que pretendemos é acceder ás formas nas que se está ensinando ese bloque, precisamente pola importancia que ten”, sinala Ramallo, que incide en que o obxectivo do proxecto é “coñecer que se está a facer e cales son as demandas do profesorado” respecto deste bloque de contidos. “Digamos que é un punto de partida para abrir unha reflexión sobre as necesidades, as carencias, os desexos e as expectativas do profesorado na potenciación desa praxe, chave para garantir o futuro da lingua”, subliña o director da ANL dun proxecto que, máis que pór o foco no que se está a facer, busca coñecer que é o que o profesorado “bota en falta e desexaría fortalecer”.

Con ese obxectivo, o estudo abranguerá tanto unha revisión dos currículos educativos e dos libros de texto da materia nas diferentes etapas, como a realización de entrevistas a docentes de secundaria e bacharelato e a profesorado universitario. 

Materiais divulgativos e unhas xornadas como peche

Por outra banda, outro dos obxectivos dun proxecto que, como sinala Ramallo, constitúe “un paso máis” da campaña En Galego! Investigación e divulgación científica da UVigo é a produción de “material sociolingüístico de divulgación”. Así mesmo, como peche ao traballo de investigación está prevista a organización no mes de novembro das xornadas Lingua e sociedade no sistema educativo, dirixidas a “promover o debate, a reflexión e a circulación de novas ideas arredor da situación social da lingua galega na lingua actual”, así como para presentar os principais resultados do proxecto.