DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo anunciou o reitor na primeira sesión do Consello de Campus deste curso

A Universidade inaugurará nas próximas semanas o seu espazo no edificio administrativo de Benito Corbal

Reigosa abordou tamén os avances para a cesións dos terreos de Tafisa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/09/2022

As previsións de crecemento e desenvolvemento do campus pontevedrés, tanto no referido a novas titulacións como a infraestruturas, foron este mércores o eixo central da primeira reunión do Consello de Campus de Pontevedra neste curso 2022/2023, que foi tamén a primeira tras a reelección de Manuel Reigosa como reitor. De feito, a sesión ordinaria que tivo lugar esta mañá na sede da Vicerreitoría viuse precedida por outra de carácter extraordinario para a constitución deste órgano, ao que se incorporan os membros elixidos o pasado mes de xullo na sesión constituínte do Claustro Universitario. 

“O noso obxectivo hoxe era constituír o Consello e botalo andar e queríamos insistir tamén nalgunhas das ideas que temos para o desenvolvemento do campus”, salientou Reigosa, que centrou a súa intervención en distintas cuestións referidas tanto a novos equipamentos como a titulacións. Neste último punto, lembrou que para o vindeiro curso 2023/2024 está prevista a posta en marcha do novo Grao en Deseño, para o que “contamos xa cunha programación para comezar”. A súa primeira sede será o espazo cedido á Universidade de Vigo no antigo edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal, que Reigosa prevé que poida inaugurarse “ben pronto”. A institución académica disporá neste inmoble de tres plantas que, xunto a outros usos, servirán como sede inicial da nova Facultade de Deseño, á que se adscribirán tanto o futuro grao como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, e do Post-Growth Innovation Lab, o grupo de investigación impulsado por Mario Pansera tras resultar gañador dunha axuda Starting Grant, do Consello Europeo de Investigación.

Segundo explicou o reitor, “as instalacións están xa completadas nas tres plantas” e nunha delas traballa xa o grupo coordinado por Pansera. “Esperamos que o resto poidan funcionar en breve”, engadiu Reigosa. No referido ao seu equipamento, explicou que “está completada unha parte e hai outra que aínda está en concurso de mobiliario” e que estará dirixida a dotar o espazo de recursos que serán necesarios o vindeiro curso, cando está prevista a posta en marcha do Grao en Deseño.

Uns terreos nos que planificar o futuro do campus

O reitor abordou tamén nesta sesión o proxecto de construción dun novo edificio nos terreos da antiga Tafisa, que está previsto que sirvan como sede das novas facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. Reigosa sinalou que tense producido “algún pequeno avance” no relativo á cesión destes terreos por parte do Concello, para a que será precisa a sinatura dun convenio. “Os servizos, tanto do Concello como da Universidade, están pulindo o documento, que agardo que poida presentarse en breve”, engadiu o reitor, que explicou que este acordo terá que ser aprobado polo pleno municipal. “Estou moi agradecido ao Concello de Pontevedra pola cesión duns espazos que son importantísimos, tanto para as titulacións que agora se poñen en marcha como para as que poidamos traer no novo mapa de titulacións”, salientou dunha parcela “con moítisimos metros construíbles” e que, polo tanto, “vainos permitir programar o futuro do campus a 30 anos vista”. A UVigo aposta para este espazo por unha construción modular, que permita en primeiro termo crear as instalacións que precisaría Deseño e poder incorporar “outro módulo máis ou menos semellante desde o punto de vista estético e organizativo” se fose preciso nun futuro pola posta en marcha dunha nova titulación.

Máis aló destas cuestións, Reigosa referiuse tamén ás cifras de matrícula coas que arrancaron o curso as diferentes titulacións e incidiu en que, pese a que “non teremos os datos finais” ata mediados de outubro, “con algún pequeno atranco, creo que podemos estar moi satisfeitos, incluso comparativamente co resto dos campus galegos”. Nese senso, subliñou que os graos que se imparten en Pontevedra "seguen a funcionar moi ben” e apuntou tamén que a modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública “cada vez colle máis pulo”, ao que se suma “que estamos traballando coa facultade para facilitar a captación de alumnado estranxeiro, principalmente de Iberoamérica”. 

Nomeamentos e nova composición

A sesión ordinaria contou tamén coa intervención da vicerreitora do campus, Eva Lantarón, que informou do nomeamento da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto, como nova directora de área do Campus de Especialización Crea, e do PAS da Escola de Enxeñaría Forestal Luis Torres como director de área adxunto á Vicerreitoría do Campus, así como da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña como coordinadora do Programa Universitario de Maiores en Pontevedra.

Esta sesión ordinaria completouse coa elección da comisión permanente delegada do Consello e viuse precedida por outra de carácter extraordinario para a constitución deste órgano colexiado. Ademais do reitor e vicerreitora, dos decanos e decanas das diferentes facultades e do director da EE Forestal, forman parte deste órgano Covadonga Barreiro, Ángeles Cancela, Rafael Durán, Silvia García e Álvaro López Mira, en representación do persoal docente e investigador; Carlos Mollinedo e Lucrecia López, en representación do persoal de administración e servizos (PAS); os estudantes Pablo Abelleira e Alejandro Virgós e Xan Cebro, en representación das organizacións sindicais.