DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da plataforma formativa e de emprego do proxecto europeo MarENet

Universidade, Porto e Transglobal poñen en marcha un curso especializado sobre operacións loxísticas nas terminais de contedores

O presidente da Autoridade Portuaria e o director do Campus do Mar participaron no acto de inaugurac

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 21/09/2021

Suma e segue. Continúa o arranque de novos cursos organizados no marco da plataforma formativa e de emprego do proxecto europeo MarENet, liderado polo Campus do Mar e executado coa participación da Autoridade Portuaria de Vigo, a Asociación Clúster do Naval de Galicia, Aclunaga, e a Confederación Española de Pesca, Cepesca, aos que se suman outros organismos de Francia e Irlanda. Nesta ocasión, trátase dun curso especializado no funcionamento de terminais de contedores, para o que se vai empregar un innovador simulador de operacións realizado pola empresa Transglobal.

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, e o director do Campus do Mar, Daniel Rey, participaron esta semana na apertura do curso, pondo así de manifesto o importante papel da colaboración entre as administracións públicas, o sector académico e o industrial para avanzar na profesionalización e competitividade da comunidade portuaria.

Unha decena de estudantes vinculados ao ámbito portuario

No curso están matriculados unha decena de estudantes, maioritariamente persoas que traballan no ámbito portuario e que, a través desta actividade formativa, van ter a oportunidade de afondar no coñecemento dos mecanismos internos necesarios para a carga, descarga, estiba e desestiba de contedores, así como a súa monitorización e control. A isto hai que engadir tamén a posibilidade de realizar prácticas de grúa. “Estas accións proporcionan a formación e cualificación necesarias para poder desenvolver a revolución tecnolóxica 4.0 no Porto de Vigo”, salientou o director da Autoridade Portuaria, ao que engadiu que son tamén “imprescindibles” para o desenvolvemento do Porto do futuro.

Desenvolto por Transglobal, empresa con sede na terminal de contedores de Guixar,  coa colaboración da APV, o novo simulador conta con seis pantallas, base 3D e unha plataforma dinámica que permite emular os movementos reais de distintos tipos de grúas e maquinaria empregada na terminal, así como as condicións ambientais. “Por este motivo constitúe unha valiosa ferramenta, tanto para a formación básica dos operarios, como para o perfeccionamento dos traballadores”, salientaron desde a organización.

12 cursos de especialización con matrícula de balde

A plataforma formativa e de emprego posta en marcha polo proxecto europeo MarENet está centrada no eido da Economía Azul. Nela, os socios do proxecto artellaron un catálogo de cursos de especialización destinados a todas aquelas persoas que queren formarse ou ampliar os seus coñecementos en diferentes ámbitos do sector mariño e marítimo nos que, ata o de agora, apenas había posibilidade de facelo. En total lanzáronse 12 cursos que responden á demanda do sector impulsados desde España, Irlanda e Francia, os tres países que forman parte deste consorcio europeo. A inmensa maioría son cursos en liña e a matrícula é de balde.