DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada en liña dirixida ao alumnado que remata os seus estudos de grao

A Universidade presenta a oferta de mestrados para o próximo curso

Entre os tres campus ofértanse 53 programas e 1677 prazas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 22/06/2021

A piques de rematar os exames e de presentar os traballos fin de grao, son moitos os estudantes que están xa a pensar no seu futuro inmediato, ben no mundo laboral, ben continuando os seus estudos. Pensando nos que están barallando esta última opción, a Universidade de Vigo organizou este martes unha Xornada de Orientación de Máster. Arredor dun cento de estudantes participaron nun evento virtual da man de Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado e Manuel Fernández Cruz e Antía Priego, do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao.

Eles foron os encargados de presentar a oferta para o próximo curso, que comprende 53 mestrados e 1677 prazas, sen apenas modificacións respecto deste curso 2020-2021, coa excepción de Máster en Sistemas Aeréos non Tripulados, que é unha evolución do mestrado que xa se oferta de Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados. 

A preinscrición, entre o 6 e o 12 de xullo

A proposta formativa da UVigo para o vindeiro curso abarca todos os eidos do coñecemento para atender a demanda social e do mercado laboral, con 37 mestrados no campus de Vigo, 12 en Ourense e 7 en Pontevedra. Rodríguez Barcia, Fernández Cruz e Priego informaron aos estudantes sobre os requisitos de acceso, créditos, prezos e os diferentes tipos de mestrados, incluíndo os que dan acceso a profesións reguladas, como o de Avogacía ou de Enxeñaría de Telecomunicación ou de Enxeñaría Informática. 
Respecto dos prazos, avanzaron que entre o 6 e 12 de xullo abrirase a preinscrición para todos os programas, coa excepción do Mestrado en Profesorado en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, que xa está en proceso de selección, e os de Enxeñería Industrial, que ten períodos especiais, e o de Dirección e innovación da cadea de subministración, que só abre a matrícula para alumnado estranxeiro. O día 20 publicaranse as listaxes provisionais de persoas admitidas e do 21 a 25 abrirase o proceso de reclamacións para publicar a listaxe definitiva o 29. A matrícula deberase formalizar o 30 de xullo ao 2 de agosto. Posteriormente haberá un segundo prazo de preinscrición do 25 ao 31 de setembro para os mestrados que, tras o primeiro prazo, teñen prazas vacantes.